Diario dun pai acabado de nacer

 

 

Alvarellos,Henrique. Diario dun pai acabado de nacer. Vigo, Xerais, 2008, 111 páxinas
ISBN
:978-8497-827-119.

 

O xornalista Henrique Alvarellos sinala ao comezo do libro que este diario íntimo empezou a ser escrito no mesmo intre de saber que ía ser pai. Ao longo das cen páxinas do libro, Henrique Alvarellos relata moitos dos momentos, pensamentos, reflexións que sinte antes de ser pai e despois de selo. Afirma que no diario están presentes as alegrías, os medos, as anécdotas, as experiencias e mesmo "as medras" do novo ser. Destaca ante todo o cambio radical na vida de quen afronta a novidade de converterse en pai por primeira vez. Advirte tamén que a intención do diario e ir reflexionando sobre o papel do pai, esa función que a sociedade a penas trata, deténdose exclusivamente no "intransferible" labor da nai. Desta maneira, Alvarellos preséntase como un pai en primeiro plano, coprotagonista desde os primeiros días da vida do fillo, colaborando en todas as situacións posíbeis e imposíbeis. Relata cómo durante cinco anos viu medrar ao seu fillo e gozou con el, que pasou de bebé a neno. Pero tamén conta que nestes cinco anos foi o tempo en que, inesperadamente, perdeu a seu pai. O resultado dese contraste, dese descubrimento e perda á vez son as páxinas do Diario dun pai acabado de nacer, que el mesmo define como páxinas iniciáticas que envolven grandes momentos de ledicia, de ilusión e futuro; ao carón dos momentos de tristura, de medo e de dor.