Skip to Content

Aula de audición e linguaxe

TRABALLAMOS NA AULA DE AUDICIÓN E LINGUAXE

QUE FACEMOS NESTA ESPECIALIDADE?

A mestra especialista de Audición e Linguaxe atende no centro, de forma prioritaria, a aqueles alumnos/as que presentan necesidades específicas de apoio educativo relacionadas coa linguaxe e a comunicación. Esta intervención está dirixida ao alumnado, ao centro e ao contexto social .

Dende esta especialidade trátase de contribuír a que todos os alumnos/as do centro acaden unha boa competencia en comunicación lingüística. Esta fai referencia á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de construción e comunicación do coñecemento e de organización e autorregulación do pensamento, das emocións e da conduta.

 

QUE QUEREMOS CONSEGUIR?

Os OBXECTIVOS XERAIS que se pretenden acadar na aula de audición e linguaxe (AL) son:

 

OBXECTIVOS CO ALUMNADO:

  • Dar resposta aos problemas da fala, da comunicación e das estruturas lingüísticas, para dotar aos nenos/as dun vehículo comunicativo, eficiente e funcional que lle permita relacionarse con normalidade no seu contorno. A actuación educativa responde a tres funcións básicas: prevención, exploración e intervención.

  • Realizar intervencións directas e individualizadas de apoio logopédico.

OBXECTIVOS CO CENTRO:

  • Coordinar e colaborar cos/as titores/as na avaliación e intervención con alumnos/as con necesidades específicas de apoio educativo (ACNEAE).

  • Coordinar a atención educativa co orientador e profesorado do centro, a través do Departamento de Orientación.

  • Colaborar na elaboración de adaptacións curriculares e outras medidas de reforzo relacionadas coa linguaxe, e no seguimento e avaliación das mesmas.

  • Establecer canles de colaboración/coordinación entre os diversos profesores que interveñen cos alumnos/as con NEAE.

  • Actualizar os recursos do centro co fin de facilitar unha resposta educativa axeitada ós alumnos/as con NEAE.

OBXECTIVOS CO CONTEXTO SOCIAL:

  • Orientar e favorecer a colaboración e implicación das familias na estimulación e desenvolvemento da comunicación e a linguaxe.

  • Coordinar e colaborar con institucións ou organismos externos ao Centro nas actuacións que sexan precisas.

 

COMO O LEVAMOS A CABO?

Para acadar os obxectivos propostos levaranse a cabo unha serie de ACTUACIÓNS dirixidas ao alumnado, ao centro e ao contexto social.

 

Inicialmente realizarase unha AVALIACIÓN DIÁGNÓSTICA das necesidades comunicativas e lingüísticas de cada alumno/a para elaborar a correspondente programación individual. Posteriormente comezarase coa INTERVENCIÓN INDIVIDUALIZADA, que se levará a cabo na aula específica de audición e linguaxe ou na súa aula ordinaria dependendo das necesidades específicas de cada alumno/a.

Realizarase tamén ao longo do curso un Obradoiro de prevención de alteracións e estimulación da linguaxe na aula de 4º, 5º e 6º de E.I.

Levaranse a cabo programas de inmersión lingúística con aquel alumnado estranxeiro que non domina ningunha das linguas oficiais de Galicia ( castelán e galego).

 

Haberá unha coordinación estreita co profesorado de cara a detectar necesidades, proporcionar información e programas de apoio, seleccionar e adaptar materiais, compartir estratexias metodolóxicas e apoiar coa intervención.

Buscarase a colaboración das familiar no proceso de intervención. É importante implicar ás familias na reeducación lingüística, polo que se informará aos/ás pais/nais ou titores das pautas a seguir para a realización das actividades de reforzo e xeneralización das aprendizaxes.

 

QUE METODOLOXÍA UTILIZAMOS?

En liñas xerais a METODOLOXÍA a seguir partirá das seguintes orientacións:

  • Partiremos sempre dos coñecementos previos do alumno e da súa zona de desenvolvemento próximo, coa finalidade de ofrecer actividades que polo seu interese poidan relacionarse coas súas experiencias anteriores, contribuíndo así a unha aprendizaxe significativa.

  • Aprendizaxe funcional: "aprender a aprender", base de novas aprendizaxes e aplicación a realidade do alumnado.

  • Facilitaranse as interaccións alumno- alumno e alumno- profesor.

  • A principal actividade infantil, pola súa significatividade, tanto para o ensino como para a aprendizaxe, será o xogo.

  • Proporemos secuencias de aprendizaxe dende unha perspectiva globalizadora.

  • Estableceremos apoios visuais ou unha comunicación alternativa á oral para os ACNEAE que o precisen.

  • Os espazos estarán artellados dun xeito funcional procurando crear zonas diferenciadas pola súa actividade.

 

Esto que parece tan formal... convertímolo nun xogo na aula de AUDICIÓN E LINGUAXE.

Podedes ver como o levamos a cabo a través do noso álbum de fotos.

 

Sesións de contacontos: aprendemos a escoitar, favorecemos a atención, a imaxinación, a creatividade, aprendemos vocabulario...

       

 Aprendemos as estructuras gramaticais, construimos oracións

Desenvolvemos  capacidade pulmonar e de sopro, imprescindibles para falar con corrención

Asociamos imaxes, sons e grafías

Entrenamos os órganos que interveñen na fala, vocalizamos

Clasificamos obxectos atendendo a diferentes criterios, ordenamos a nosa mente e pensamento

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut