Skip to Content

Convivencia en Panxón - Xuño 2016

07/06/2016 09:00
08/06/2016 14:00

Saímos en autobús ás 9 e media. Xa estaban as nenas e nenos das escolas de Marzán e Novás. Logo montaron da escola de Pías. De profes ían Marcos, Manolo, Guillermo e Moncho. Chegamos á Residencia de tempo libre de Panxón. Recibíronos e repartíronos polas habitacións: Sheila, Leire e Lucía nunha, Valeria e Sabela, Aarón e Antía, David Martínez e Martín, Iago e Nicolás, Borja e Pablo, Sara e David Castro. As habitacións estaban comunicadas por unha porta e tiñan armarios. Nalgunhas tamén terrazas. Colocamos as cousas e preparámonos para ir á praia, botamos crema, puxémonos os traxes de baño, collemos as toallas…Baixamos e alí apareceu Alberto, o profe de música.

A praia estaba ao carón da residencia. Alberto fixo un xogo para entrar ao mar. Corremos, xogamos. A marea estaba baixa e había moita area. Bañámonos e xogamos moito na auga. Logo recollemos e fomos á residencia. Sacámonos a roupa de baño, limpamos as areas, lavamos o traxe de baño con auga doce e preparámonos para o xantar. Había un comedor grande. De escolas só estabamos do C.R.A., tamén había persoas maiores. Sentámonos en mesas grandes. Valeria e Sabela estaban nunha con nenos e nenas doutras escolas, Lucía, Sheila, Leire, Antía e Aarón noutra tamén con alumnado doutras escolas. David Martínez, Iago, Borja, Sara, Nicolás, Pablo, David Castro e Martín nunha só de Fornelos. Había pizza ou empanada de zorza de primeiro e pescada con ensalada de segundo e iogur ou froita de sobremesa. Despois fomos ás habitacións a descansar e prepararnos para dar unha volta. Fomos ata Monteferro camiñando. Vimos un antigo cuartel do exército con garita e casas. Despois vimos antigos canóns. Andamos bastante. Logo fomos outra vez á praia. Agora había moita xente e a marea estaba alta. Bañámonos, había moitas ondas. Divertímonos moito. Na area había algas de cor branco, transparentes. De alí marchamos á residencia, logo de lavarnos e sacarnos as areas. Nas habitacións preparámonos. Na cea había xudías con xamón e filetes de pavo con patacas e sobremesas:iogures, froita. Despois de cear tomamos un xeado na praia. A Borja e Leire tocoulles un xeado gratis. Fomos dar unha volta por Panxón. Vimos unha igrexa, unha praia e camiñamos xa de noite.

Volvemos á residencia e pouco a pouco fomos deitándonos e quedándonos durmidos.

Pola mañá almorzamos. Había cereais con e sen chocolate, madalenas, galletas, cacao, zume de laranxa e piña, leite, iogures, sobados, pan, manteiga, marmelada. Despois preparámonos para ir á praia e deixamos a roupa lista para marchar logo. Alí corremos, xogamos, bañámonos e buscamos polas rochas cangrexos, caracois, mexillóns, cunchas, ourizos, lapas…Despois recollemos, preparamos as mochilas e maletas e baixamos á entrada, onde nos deron madalenas pequenas con chocolate, logo fomos ao autobús. Dentro do autobús tomamos galletas de chocolate que nos deu Marcos e roscas de canela que nos deu Moncho. Chegamos á escola de novo.

 



actividade | by Dr. Radut