logo

 

cabecera

Seminario Grundtvig


Susana Aldao Linares
EOI Coruña

Dende o curso 2005 a EOI da Coruña está a participar en distintas accións do PAP (Programa de Aprendizaxe Permanente) que están centralizadas no OAPEE (Organismo Autónomo de Programa Educativos Europeos). Unha destas accións é un seminario Grundtvig que leva o título «El Español a través de su cultura».

Antes de pasar a falar del faremos unha serie de puntalizacións con respecto ao que é o PAP e quen foi Grundtvig.


O obxectivo xeral do PAP é facilitar o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dos países europeos que participan, de forma que se converta nunha referencia de calidade no mundo
O PAP é o programa de aprendizaxe permanente, programa comunitario adoptado na decisión nº 1720/206/CE do Parlamento Europeo e o consello do 15 de novembro de 2006, levado en España polo OAPEE, que prentende contribuír á creación dunha sociedade de coñecemento avanzada, cun desenvolvemento económico sostible e con máis e mellores posibilidades de emprego e unha maior cohesión social. O obxectivo xeral é facilitar o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dos países europeos que participan, de forma que se converta nunha referencia de calidade no mundo. Aplícase este programa dende o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2013.

É un só programa que abranque a aprendizaxe ao longo da vida e engloba 4 accións: Comenius, Erasmus, Leonardo da Vinci e Grundtvig.

As escolas oficiais de idiomas son centros públicos onde se imparten só linguas (11 no caso da EOI da Coruña: inglés, francés, alemán, chinés, xaponés, árabe, italiano, español para estranxeiros, ruso, portugués e galego) e que  pertencen ás ensinanzas de réxime especial, polo que cando queremos participar nunhas das accións do PAP soamente podemos acollernos á modalidade Grundtvig.

E, quen foi Grundtvig? Foi un escritor, relixioso e pedagogo danés do século XIX, pioneiro na tradición da aprendizaxe permanente. Moi en liña cos obxectivos da aprendizaxe ao longo de toda a vida, a súa obra Memorandun segue a estar de actualidade. Para Grundtvig cada persoa debe poder acceder en calquera etapa da súa vida a unha educación de calidade que ten que ofrecerlle, ademais de coñecementos, educación cívica e contribuír ao seu desenvolvemento como persoa.

Seminario Grundtvig

Os Seminarios ou Talleres Grundtvig son unha acción moi recente, xa que foron publicados por primeira vez na convocatoria do 2009, e durante o presente curso escolar, 2010-11 estanse a celebrar estes por segunda vez. Trátase dunha acción destinada a adultos cuxo obxectivo é ofrecerlles a posibilidade de asistir a un seminario nun dos países que forma parte do PAP e poder así compartir experiencias innovadoras e relevantes para o seu desenvolvemento persoal. A duración é variable podendo ser desde 5 ata 10 días. Require un número mínimo de 10 asistentes e un máximo de 20. A procedencia ha de ser tamén variada, polo menos 3 países distintos e nunca máis dun terzo do mesmo país, e os custes tanto da docencia, como da manutención e da viaxe corren a cargo da institución organizadora.


O Seminario Grundtvig organizado pola EOI da Coruña titúlase «El español a través de su cultura». Vai dirixido a alumnado interesado en coñecer a cultura española en xeral e a galega en particular, mellorar as súas destrezas comunicativas en español e intercambiar experiencias persoais con outros adultos europeos para coñecer de primeira man outras culturas europeas
Os temas destes seminarios ou talleres poden ser varios destacando os que potencien a aprendizaxe de linguas, os que estimulen o interese por temas europeos e os que fomenten a cidadanía europea ou o diálogo intercultural.

O Seminario Grundtvig organizado pola EOI da Coruña titúlase «El español a través de su cultura». Vai dirixido a alumnado interesado en coñecer a cultura española en xeral e a galega en particular, mellorar as súas destrezas comunicativas en español e intercambiar experiencias persoais con outros adultos europeos para coñecer de primeira man outras culturas europeas. Impártese na súa totalidade en castelán polo que aos asistentes recoméndaselles ter un nivel mínimo de dominio da lingua española dun B1.

Durante o mes de xuño de 2010, 19 adultos procedentes de Alemaña, Bélxica, Chipre, Eslovaquia, Estonia, Finlandia, Italia, Letonia, Polonia e Romanía con idades comprendidas entre os 22 e 72 anos, asistiron ao mencionado seminario que comezou o 30 de maio e rematou o 10 de xuño, tendo a duración máxima , 10 días.

O seminario compoñíase de sesións matutinas de docencia, nas que se presentaban temas da nosa cultura e nas que se promovía e invitaba ao debate e /ou coloquio fomentando así os intercambios comunicativos, comprobando o grao de comprensión dos temas tratados e rompendo certos estereotipos ou afondando nos coñecementos que eles xa tiñan. Entre os temas que tratamos está o Camiño de Santiago, referencia obrigada nun ano santo, a poesía de Miguel Hernández, tamén importante no centenario do seu nacemento, unha breve análise e lectura do Quixote, cancións de Sabina en distintos contextos da nosa historia, os cómics do Capitán Trueno, tamén situado en dúas épocas da nosa historia recente, a nosa cultura galega, os estereotipos españois, a pintura de Goya, … Todos eles amosaron un grande interese facendo moitas preguntas, participando en todo momento dando as súas opinións ou falando dos seus coñecementos previos e promovendo sempre un coloquio, o que fixo que o clima creado fose inmellorable.

Entre as sesións que tiveron lugar fóra da aula están as visitas a algúns dos museos da cidade: Casa das Ciencias, Casa do Home, Acuario, a Torre de Hércules, un percorrido pola cidade medieval; e fixéronse tamén dúas actividades fóra da cidade, como foi a visita a Santiago de Compostela e a visita a Cee e Fisterra. No caso da visita a Santiago iamos cunha profesora da escola, que tamén é guía turística profesional, e puidemos ver esa cidade nun ano santo. No segundo caso, visitamos o instituto de Cee, onde hai unha sección da nosa escola e puideron visitar o faro de Fisterra, grazas ao fareiro que nos indicou previamente como había que solicitalo.

Como organizadores podemos dicir que a experiencia foi do máis enriquecedor polo interese mostrado en todo momento polos asistentes, as mostras constantes de gratitude e o clima que se creou entre eles e todos os que con eles estivemos. Ademais, hai que salientar que durante a súa estancia, o idioma que usaban era o español, razón pola que as súas destrezas comunicativas nesta lingua melloraron moito.

Como solicitar estes talleres ou seminario

A finais do mes de xuño, ou principios de xullo, sae publicado na páxina do OAPEE (www.oapee.es no apartado Grundtvig e, neste, na sección Seminarios) unha listaxe dos talleres que se van ofertar no curso académico que comeza en setembro. Polo tanto, os interesados teñen que mirar ese catálogo e de atoparen un que lles interese, teñen que poñerse en contacto coa institución organizadora para que lles dean as instrucións a seguir.