try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
CEP Xosé Mª Brea Segade
E-mail: cep.brea.segade@edu.xunta.es

natureza

Nova visita a Máis ca leña

E por fin, despois de cancelacións por chuvia, viñeron facer a visita a Máis ca leña as escolas de Cruceiro e Capela. Sempre é un gusto recibir aos nosos compañeiros e compañeiras do CRA, que veñen con tantas ganas. Grazas!

Visita ao Pazo de Goiáns

O mércores pasado Quinto e Sexto visitamos o Pazo de Goiáns en Boiro guiados polo alumnado e profesorado do Obradoiro de Emprego Medioambiental. Boa parte da visita consistiu na descuberta do espazo exterior do pazo, xardín, bosque, porto... que ten unha enorme riqueza medioambiental, con varias árbores senlleiras e especies difíciles de atopar noutros lugares. Tamén visitamos o interior do Pazo e a súa torre.

Leitugas e pirixel

Leitugas e pirixel foi o que plantamos no bancal que compartimos con Sexto. Agora toca regar, manter en bo estado e... ver de preparar unha boa ensalada antes de que remate o curso Sorriso

 

 

O CRA de Rianxo visita Máis ca leña

Estamos recibindo a visita de todas as escolas do CRA de Rianxo a Máis ca leña. Agradecemos o interese dos/as compañeiras do CRA que sempre apoian este proxecto e todas as iniciativas de defensa e coidado do noso monte e da natureza. Gústanos moito compartir a experiencia con nenos, nenas e profes de escolas veciñas e atopar entre eles, amigos/as, familia, antigas profes...

Coas profes do CEIP de Carballedo

Hoxe un grupo de profes do CEIP Plurilingüe de Carballedo, en Cercedo-Cotobade, visitaron o noso cole. Un dos proxectos que quixeron coñecer foi Máis ca leña, e Quinto guiounas na súa visita. Hoxe si fomos todos/as e cada quen presentou unha estación do percorrido. 

1ª visita Máis ca leña

Hoxe realizamos a nosa primeira visita como guías de Máis ca leña. Visitounos un grupo de persoas da Fundación Mª José Jove, da Fundación Ría e da Universidade de Santiago de Compostela, que querían coñecer o proxecto Máis ca leña. Acompañounos tamén Emilio Saborido. Recibímolos no cole, na aula do proxecto, e como non tiñan tempo para facer o itinerario completo, seleccionamos algunhas estacións para visitar xuntos. Foi unha boa experiencia, gustounos comezar coas visitas. 

Plantación de árbores autóctonas

Hoxe estivemos plantando diante da caseta das cabuxas. Fomos todo o colexio a andar  e, unha vez arriba, organizámonos en dous grupos para plantar e visitar ás cabras. Plantamos castiñeiros, cerdeiras, carballos e un freixo. Colaboramos con Fousas ao Monte e a Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña. Emilio Saborido explicounos porque é necesario repoboar o monte con árbores autóctonas, que árbores escolleran e porque as plantabamos nesa zona de Taragoña.

Aralia

Temos unha planta, unha Aralia, de 5º no Xardín da Memoria. recibímola hoxe, na celebración do Día da Paz e agora temos que aprender máis sobre ela e coidala. É o noso "anaquiño" do planeta Terra, o mundo que temos que coidar e cambiar... para mellor. 

Día da Non Violencia e a Paz

Hoxe, despois de todo o traballo destas semanas sobre a paz e Castelao, xuntámonos na biblioteca para escoitar un poema sobre o papel dos nenos e nenas na construción dun mundo mellor, A canción do cambio. Ese poema inspirou o marcapáxinas que elaboramos despois e que decoramos con pombas 3D. 

Coa TVG

O martes estiveron en Campo Maneiro unha reporteira e un cámara da TVG, facendo unha reportaxe sobre os burros de Fousas ao Monte. Falaron con Emilio Saborido e quixeron que estiveramos tamén alumnado de 5º e 6º, como parte implicada no proxecto Máis ca leña. Levamos o pan que había no colexio e alí estivemos parolando coa reporteira e acariñando a Michel e Salvador. Foi divertido!

                                                                                           

Distribuir contido