Skip to Content

CREAMOS O NOSO PROPIO BOSQUE

 

Nun espazo de 2.600 m2 dentro do noso patio, plantamos arbustos e árbores autóctonas para crear un ecosistema no que xogar e experimentar coa natureza, unha acción enmarcada no programa de innovación educativa “Club de Letras”. Ademais servirá de refuxio e dará alimento a outras especies como as aves: águias, merlos, halcóns, gorrións… son indicadores da boa saúde da contorna.

 

O noso bosque (castaños, carballos, freixos, bidueiros…) xera un espazo para a experimentación natural e un ágora ao aire libre onde desenvolver asambleas, xogo tranquilo ou dar clases. O espazo está pensado para crear un patio máis dinámico e diversificado, xerando novos recunchos onde desenvolver outro tipo de actividades, fomentando outro tipo de movemento e incentivando o seu contacto coa natureza.


Contaremos cunha zona específica con máis de 25 especies de plantas aromáticas (tomiño, romeu, lavanda…) que se poden tocar e ulir. Os perfumes son máxicos e transportan a nenos e maiores a mundos afastados, facendo do noso bosque un lugar vasto e exótico. Os aromas das plantas convidan ao paseo e ao descubrimento sensorial. Ademais, polo medio do bosque crearemos un paseo de texturas (área, pedras, follas…), para que os nenos experimenten cos seus propios pés. É toda unha homenaxe aos sentidos.

 

O profesorado tamén dispoñerá dun novo espazo no que desenvolver actividades pedagóxicas fóra da aula, estimulando a creatividade e curiosidade do alumnado e ofrecendo a posibilidade de gozar do aire libre e a experimentación natural, adentrándonos de cheo na metodoloxía das “Escolas-Bosque”, orixinaria de Dinamarca.

 

Unha posibilidade que cobra agora máis sentido que nunca, debido aos beneficios que ofrece o aire libre á hora de ofrecer unha contorna segura ante o COVID-19.



story | by Dr. Radut