Skip to Content

AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE 3º CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA

AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE 3º CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA
INFORMACIÓN DE INTERESE PARA AS FAMILIAS
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informamos de que – en
cumprimento da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa – os vindeiros días 24 e 25 de maio
terá lugar a proba de avaliación individualizada de 3º curso de Educación Primaria en todos os centros
escolares da Comunidade Autónoma.
Cómpre lembrar que esta avaliación, que xa se aplicou con total normalidade por primeira vez no curso
2014-2015:

  • É unha proba individualizada de carácter estritamente informativo e orientador. É dicir, os resultados obtidos non computan para os efectos de ningunha cualificación e non terán efectos no expediente académico dos alumnos e das alumnas.
  • Os resultados obtidos son de uso interno dos centros, do alumnado e dos seus pais, nais ou titores. Polo que, en ningún caso, a Consellería vai facer clasificacións de alumnos e de alumnas ou establecer un ránking de centros.
  • Esta avaliación -que se desenvolverá dentro do horario lectivo ordinario- está configurada exactamente igual que a realizada polos alumnos e alumnas de 3º curso o ano pasado. Isto é, baseada e deseñada segundo os estándares do currículo de 3º de Primaria e adaptada á idade dos nenos e nenas aos que vai dirixida. No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, estableceranse, por parte dos centros educativos, as medidas máis axeitadas ás súas necesidades para a realización da avaliación.
  • A proba non mide coñecementos do alumnado en canto a materias específicas, senón as súas destrezas nas competencias avaliadas, que son: competencia en comunicación lingüística e competencia matemática.
  • Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade ás familias xa que esta proba debe entenderse como unha ferramenta diagnóstica máis, que axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución do alumno ou da alumna. Unha información que non inflúe no seu expediente académico, pero que permite, no caso de detectarse algunha carencia, actuar de xeito personalizado e específico para solucionala. Ao mesmo tempo, esa valiosa información servirá tanto para os centros como para a propia Administración á hora de deseñar e implementar programas de mellora educativa, como xa se fixo o curso pasado.
  • A avaliación require da colaboración de todos os membros da comunidade educativa, a quen a Consellería agradece o seu esforzo e reitera a importancia de contar coa participación de todo o alumnado. O desenvolvemento desta proba de xeito detallado pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do día 26 de abril.



page | by Dr. Radut