Skip to Content

Celebración do "Día da biblioteca"

O día 24 de outubro celebrouse o "Día Internacional das Bibliotecas". Este ano, como o día 24 foi sábado, no noso colexio celebrámolo o día 23, que foi venres. E para celebralo como se merecía, tivemos connosco a un "vello amigo", pois visitounos o escritor e animador cultural Anxo Moure, que xa estivera connosco nunha ocasión anterior, deixándonos un grato recordo do seu paso polo Centro. Foron catro sesións de animación e contacontos que fixeron as delicias dos nosos nenos e nenas, desde os máis pequenos ata os maiores. Grazas Anxo polo teu bó facer e pola túa disposición a estar no noso Centro nun día tan señalado. Ata pronto, amigo! Deixovos unha foto de Anxo.

 

 

Deixovos tamén unha publicación da Asesoría de Bibliotecas Escolares elaborada con ocasión desta celebración:

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, enviará en breve a todos os centros públicos como reforzo das actuacións da biblioteca escolar e para apoiar a visibilidade dos seus recursos e das súas oportunidades de aprendizaxe. 

A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.

En efecto, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.

O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido. 

Felices lecturas!

 

 



page | by Dr. Radut