Skip to Content

A nosa historia

UN POUCO DE MEMORIA

Finalizada a posguerra, como impulso do novo réxime, proxéctase a construción de novos centros educativos con capacidade suficiente para atender á crecente demanda escolar coruñesa, dando así solución ás deficientes instalacións polas que peregrinaran as ensinanzas oficiais ata entón. 

Para erixir estes novos edificios elixiuse unha zona de fincas rústicas posteriores ao estadio de Riazor e nas inmediacións do barrio de San Roque de Afuera . En ditos terreos fóronse elevando paulatinamente os edificios da Escola de  Comercio, Náutica, Instituto Masculino e a Escola de Maxisterio. A este complexo urbanístico chamóuselle Ciudad Escolar.

Encárgaselle o proxecto ao arquitecto do Ministerio de Educación Nacional que era o coruñés Antonio Tenreiro Rodríguez. Débense a el tanto o proxecto urbanístico como a dirección dos catro edificios citados. 

O edificio da Escola de Maxisterio foi proxectado xusto antes do comezo da guerra civil aínda que  non se iniciaron as obras ata moito tempo despois. 

Eran tempos en que a zona empezou a poboarse de alumnos de diferentes barrios  da cidade e tamén de concellos limítrofes, incluso moitos alumnos asturianos, cántabros ou casteláns viñan estudar Náutica.

O xeneral Franco, en compañía do alcalde coruñés Alfonso Molina, inaugura o 23 de setembro de 1947  o Instituto e a Escola de Comercio.  Visitan, tamén este día, as obras do edificio de Maxisterio que non será inaugurado ata o ano 1955.

O último edificio, o da Escola de Náutica, comeza a construírse no ano 1950 e non se inaugura ata 1959.  

A historia do noso colexio estivo vinculada desde os seus comezos á da antiga Escuela Normal del Magisterio. Recibía o  nome de Escuela Aneja ata que a  finais dos anos setenta o Ministerio de Educación modificou a estrutura e o nome de todas as Escuelas Anejas de España, unificando as seccións, masculina e feminina, e pasando a tomar a denominación de Colegios Públicos de Prácticas do profesorado de EXB. 

Este nome, como o anterior de Anejas, facía referencia á función destes centros, xa que neles se formaban,  nos seus períodos de prácticas de ensino, os futuros mestres. Así mesmo, estaban obrigadas a ceder as súas aulas e alumnado para levar a cabo proxectos de innovación educativa. 

As antigas Escuelas Anejas de Prácticas de España estaban unidas fisicamente ás Escuelas de Magisterio correspondentes, formando parte do mesmo edificio. O director/a da Aneja era ao mesmo tempo, o profesor de prácticas na Escuela de Magisterio e ostentaba o cargo de regente/a. 

Os mestres que formaban parte da plantel das Escolas Anejas tiñan que completar a súa función docente cos nenos coa de titores de prácticas dos alumnos de Magisterio.

A incorporación dos estudos de Magisterio á Universidade, a nova estrutura dos plans de estudos en diferentes especialidades e o aumento considerable de alumnos matriculados nesta carreira  fan que se trasladen ao novo edificio de Ciencias da Educación no campus de Elviña.

Na actualidade o noso colexio, aínda que separado fisicamente da facultade,  segue  a colaborar cada ano na realización das prácticas de ensino dos alumnos desta carreira. 

Hoxe a zona é case irrecoñecible: as antigas hortas  cultivadas, a lagoa na parte posterior do estadio onde hoxe se levanta La casa del Agua, a presencia do trolebús nº 3 ata Ciudad Jardín, ou mesmo os propios edificios, hoxe  ampliados e desfigurados, fai difícil calquera comparación.

Distribuir contido


by Dr. Radut