Na noite de San Xoán, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Galicia, especialmente ao redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de San Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar. Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición: saltar as fogueiras, pór un ramo de herbas de San Xoán nas portas da casa coa finalidade de protexerse das meigas, lavarse ao amencer en mananciais ou con auga de rosas.
As fogueiras de San Xoán
O ritual co que máis se identifica a noite de San Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas. Durante os días previos, os mozos e mozas e veciños e vecinas van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de todos os veciños/as. Nas horas seguintes, comen sardiñas á grella e beben viño, cantando e bailando ao redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas mentres se exclama:
Salto por riba/do lume de San Xoán/para que non me morda/cadela nin can/nin bicho vivinte/que ande polo chan
Outras fórmulas empregadas nestes casos son:
Salto por riba/ do lume de San Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can.
Sáltote lume de San Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.
Hai a crenza de que a auga este día alcanza propiedades máxicas. Tamén diferentes herbas, aromáticas ou non, e flores recollidas a véspera de San Xoán, posúen tamén propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solstico e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.Hai que deixar estas plantas e flores nunha talla con auga á intemperie durante a noite, e lavarse con elas na mañá seguinte