MINIPROXECTO DE ARTE: YAYOI KUSAMA

Yayoi Kusama é unha artista xaponesa á que lle encanta encher o mundo de puntiños e a nós non nos pode gustar máis!
No noso recuncho de arte, despois de viaxar con Van Gogh aos Países Baixos, aterrizamos nun fermoso pobo xaponés, Matsumoto, para coñecer a Yayoi, a raíña dos puntos.

Comezamos a nosa investigación lendo o conto "Yayoi, de aquí al infinito", onde descubrimos como foi a súa infancia e os seus inicios como artista en New York e tamén, como os seus cadros, collages, esculturas e instalacións seguen expoñéndose en museos de todo o mundo. Tamén vimos documentais sobre a artista e coñecimos como é o seu estudo de arte onde aínda hoxe, con máis de 90 anos segue pintando puntiños e máis puntiños.

Despois de coñecer mellor a Yayoi, comezamos a crear cadros inspirados na súa obra. O que vedes na imaxe superior é "Puntos Vermellos" que reproducimos empregando gomets e tamén estampando con corchos no noso caderno de arte.

Tamén fixemos a nosa propia "Cabaza Pop" que, como vedes, pasou de ser unha peza escultórica a ser un cadro.
Por último fixemos un retrato de Yayoi... pero o que máis nos gustou foi convertirnos nós mesmos na artista xaponesa! Fixádevos ben na imaxe seguinte e veredes como nos convertimos en: Ximena Kusama, Dilan Kusama, Mateo Kusama, María Kusama, Xoel Kusama, Valeria Kusama, Martín Kusama, Lucas Kusama e Mireia Kusama. Canto nos rimos!

Agardamos que vos gustara o noso traballo de arte, ata a próxima familias!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer