MINI PROXECTO DE ARTE: VAN GOGH

No terceiro trimestre, na aula de infantil organizamos un novo espazo cheo de cores, o recuncho de arte! Témperas, acuarelas, pinceis, rotuladores... un montón de materiais cos que comezamos un mini proxecto moi artístico no que investigamos e sobre todo exploramos e creamos.
Para iniciar o noso achegamento á arte comezamos cun pintor postimpresionista "Vicent Van Gogh".

O primeiro cadro que coñecimos de Van Gogh foi "Os Xirasois" e como facía pouco que os plantaramos na aula fíxonos moita ilusión. Mirade que ben nos quedaron!

Pero Van Gogh non só pintou xirasois, tamén unha paisaxe nocturna que nos encanta "A Noite Estrelada". As espirais, as luces do pobo, a lúa e a sombra da árbore son elementos característicos deste cadro, e nós fixámonos moito para que nos quedaran igualiños.

Por último e como podedes ver na imaxe anterior investigamos outro dos seus cadros máis coñecidos "Dormitorio en Arlés". Que cousas había na habitación de Van Gogh que tamén hai nas nosas habitacións? Pois se queredes sabelo teredes que agardar a que acabe o trimestre e levemos para a casiña os nosos blogs de pintura.
Por último, queremos deixarvos un dos vídeos cos que nos relaxamos na aula. Trátase dunha animación do cadro "A Noite Estrelada" Agardamos que vos guste!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer