PROXECTO DO MUNDO POLAR: AURORAS POLARES

Na aula de infantil comezamos o segundo trimestre cun novo proxecto moi invernal no que descubrimos moitas cousiñas relacionadas co Mundo Polar: os animais polares, os fenómenos atmosféricos, os esquimós, as vivendas polares... e para comezar este achegamento empregamos o conto "Os mil brancos dos esquimós" de Isabel Minhós Martins e Madalena Matoso, editado en galego por OQO.

O primeiro que nos chamou a atención dos libros de investigación que atopamos na biblioteca foron as auroras polares (boreais no Polo Norte e austrais no Polo Sur). Que pasa no ceo para que aparezan todas esas cores de noite? Para entendelo vimos vídeos explicativos sobre as auroras polares e outros nos que acompañadas de músicas relaxantes amosaban grabacións realizadas en países como Finlandia, Australia, Noruega e ata na Antártida.
Tanto nos gustaron que decidimos facer as nosas propias auroras polares. Empregamos cores de inverno e varios materiais plásticos: acuarelas, ceras manley, témpera... mirade que bonitas!

Tamén preparamos un recuncho do inverno cunha pequena exposición con libros, animais, crebacabezas... e moitos xogos invernais. Algún deles podedes velos na seguinte imaxe!

Pero este solo foi o comezo, para a semana seguiremos amosándovos máis actividades do mundo polar porque xa dentro de poucos días comezará a primavera e teremos que comezar novas investigacións! Biquiños voadores familias.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer