AS FOLLIÑAS CAEN E CAMBIAN DE COR...

Como di a canción de "Uxía Lambona e a banda molona" no outono, as folliñas caen e cambian de cor. Por iso, na aula de infantil estivemos facendo moitas actividades que tiveron como protagonistas as follas que recollimos do patio da escola. Aquí podedes ver algunha delas...

Nesta actividade empregamos a técnica artística do Frottage, conseguindo unha impresión case perfecta das follas máis grandes que tiñamos na nosa colección. Con esta técnica traballamos ademais o sentido do tacto, descubrindo as diferentes texturas, posto que tiñamos que experimentar ata atopar o lado rugoso das follas. Pasámolo moi ben e sorprendeunos moito o resultado final.
Na seguinte imaxe seguimos traballando coas mans e sobre todo cos dedos, fomentando o desenvolvemento da motricidade fina, mirade!

Para decorar este moucho debullamos folliñas de varias cores e as encolamos no seu corpo creando unha obra artística en relevo. Aínda que ao principio eran iguais acabaron sendo moi diferentes.
E que vos pareceron os nosos cadros de outono? Seguro que están decorando un lugar moi especial da vosa casa. Cada nena e neno escolleu as folliñas que máis lle gustaban e con elas fixeron un cadro transparente co que podedes descubrir tonalidades e cores do outono sorprendentes se os mirades a través da luz.

E xa para despedirnos deixámosvos unha imaxe con actividades artísticas e de lectoescritura relacioandas coa estación outonal. Ah! e ademais de todo esto... sabemos distinguir as árbores de folla perenne das de folla caduca, xa somos uns expertos!

Biquiños voadores familias!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer