LECTOESCRITURA NO PATIO DO COLE

Fai unha semana e aproveitando o bo tempo que fixo a finais de novembro, as nenas e nenos de infantil saímos ao patio a realizar unha actividade de lectoescritura coa que o pasamos moi moi ben!

Xiz de cores diferentes e unhas tarxetas visuais foron os únicos materiais que empregamos para traballar o trazo das letras, a destreza oculomanual, a creatividade e en definitiva o interese por escribir e ler... ah! e como lenzo, o chan do patio! 
Primeiro fixemos unha pequena asemblea onde decidimos, logo de chegar a acordos entre nós, que tarxeta escollíamos cada un. Non foi sinxelo pero en pouco tempo todos tiñamos palabras e debuxos cos que poder encher o noso patio de arte e literatura.

Non tardamos en coller máis e máis tarxetas: flores, animais, obxectos... foi moi divertido! E incluso atrevémonos coas letras minúsculas, buf! algunhas son un pouco difíciles de facer, pero o importante é intentalo!
Agardamos que vos gustara a entrada de hoxe, e si! temos algunha que outra entradiña algo atrasada pero non vos preocupedes que pouco a pouco poderedes velas todiñas!
Moitos biquiños familias e ata a próxima!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer