RIQUÍSIMAS MINIPIZZAS SEN GLUTEN !!

Na aula de infantil estamos aprendendo moito sobre as cociñeiras e cociñeiros! Xa sabemos como é o seu uniforme, que utensilios empregan para cociñar e tamén que no noso cole hai unha cociña enorme. Por iso pensamos que sería unha moi boa idea preparar unhas saborosísimas pizzas... sen gluten! Mirade que gorros fixemos...

Antes de cociñar preparamos unha nota para as nosas familias avisando de que o martes non tiñamos que traer merenda porque a faríamos nós. Tamén vimos un vídeo explicando como se facía a masa da pasta, sen gluten, e o que máis nos sorprendeu foi que había que empregar fariña de arroz, nunca oiramos falar dela.
Foi moi divertido: mesturamos, amasamos, fixemos boliñas e estirámolas amodiño.

A masa estaba preparada e tocaba incluír os demais ingredientes: tomate, queixo (do Cebreiro), olivas, xamón e o ingrediente secreto das pizzas italianas, o ourego! Foi moi sinxelo pero quedaba o máis difícil! As pizzas tiñas que meterse no forno e xa sabemos que nos podemos queimar polo que seguimos as instruccións de Bea para non correr ningún risco.

A nosa merenda estaba case lista pero tivemos que esperar un ratiño para que se cociñara moi ben. Iso si, a espera mereceu a pena, que ricas sabían as nosas pizzas!

Por último e como sabemos que seguro que queredes probalas na casiña, deixámosvos a receita que fixemos  e o vídeo no que poderedes ver as medidas de cada ingrediente.

 


Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer