MORCEGOS, ARAÑAS E MOITOS MONSTROS

Que ben o pasamos na aula de infantil celebrando e aprendendo co Samaín, a festa dos medos (bueno, dos mediños). Xa sabedes que unha as actividades máis divertidas foron as sesións de contacontos e a obriña de teatro que fixeron os maiores (vaia susto levamos! jjijijiji), pero nós xa levamos un tempiño aprendendo cousiñas sobre esta festa, mirade!


Esta festa está repletiña de cabazas, pantasmas, morcegos e bruxas por iso empregando diversos materiais e técnicas estivemos traballando sobre estas figuras tenebrosas: picamos co punzón, estampamos con mazás, reutilizamos rolos de papel... e escribimos palabras con apoio visual. Nas imaxes veredes como o fixemos, pero para coñecer o resultado final teredes que agardar a que vaian chegando á casiña as nosas actividades.

E tanto nos gusta esta festa que decidimos crear os nosos propios monstros, como? Pois moi sinxelo, tirando un dado e anotando cantos ollos, cornos, bocas, mans e pés tiña que ter o noso monstro, así!

E para o final deixamos unha actividade artística que sen dúbida foi a que máis nos divertiu, as teas de araña! Neste caso tiñamos facer unhas teas de araña moi especiais, empregando canicas... Tivemos que dar moitos pasos: primeiro cun cucharón da cociniña tiñamos que coller 8 canicas (8 si, tantas como as patiñas das arañas), e pasalas para un pratiño no que había témpera branca, para logralo tiñamos que ser moi precisos nos nosos movementos porque non podían caer ao chan. O segundo paso era remover ben as canicas cunha culler e despois pasalas para unha bandexa na que había unha cartolina... e agora viña o mellor: a mover as canicas!
Xa tiñamos as nosas teas, agora faltaban as arañas... mirade a imaxe e descubriredes como as fixemos. Pasámolo xenial!

Agardamos que vos gusten as nosas actividades de Samaín, e estade atentos porque aínda nos queda contarvos cousiñas sobre os dous contos que empregamos estes días: O Grúfalo e Como mola tu escoba!, os dous da escritora inglesa Julia Donaldson. Ata a próxima familias!

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer