CHEGOU O OUTONO Á AULA DE INFANTIL

Como sabedes fai unhas semanas cambiamos de estación, e na aula de infantil decidimos saír a explorar os cambios que a chegada do outono produciu no noso patio, que está repletiño de árbores e natureza.
O primeiro que vimos foi un montón de follas no chan (e de castañas, pero iso xa volo contaremos outro día), decidimos recollelas e levalas para a aula... seguro que algo faríamos con elas. Enchemos unha caixa enteiriña, mirade!


Xa na clase decidimos clasificalas por tamaños, porque había follas grandes, pequeniñas... e tamén medianas. Colocámolas entre todos formando filas, todas moi longas. Comparamos a lonxitude e contamos tamén cantas follas había en cada caminiño. Despois seguimos facendo filas e máis filas, todas eran diferentes e puidemos comprobar que o tamaño das follas é importante porque... Sabíades que un camiño de 6 follas medianas é máis longo que un 7 de follas pequenas? E que un de 8 follas pequenas é máis curto que un de 5 grandes? Pois si!

Pero as follas non só eran de distintos tamaños senón que tamén eran de distintas formas e cores, para recordalo pintamos as nosas folliñas de outono con témpera amarela, vermella e marrón. Quedaron xenial!
E se pensabades que isto foi todo, non foi así! No noso paseo ademáis de castañas e follas atopamos unha sorpresa... Detrás do cole había agochada unha seta! Deunos tanta alegría que cada un de nós decorou unha para o noso álbume de outono, que seguiremos enchendo durante as próximas semanas.

Agardamos que vos gustara moito a entrada de hoxe! Ata a próxima :)

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer