Proposta semanal Educación Infantil

PROPOSTA ACTIVIDADES SEMANAIS EDUCACIÓN INFANTIL

Ola nenas e nenos!
Comezamos a última semana de cole, deste atípico curso 2019-2020, pero imos rematar con alegría e sobre todo, con moito cariño. Esta semana, a proposta de actividades xira arredor deses lazos afectivos que existen entre vós e as vosas amigas/os do cole, e tamén entre vós e eu: a vosa profe. Espero que vos resulten actividades divertidas e entretidas. A desfrutar!


LUNS (“O meu corazón”): comezamos a semana coloreando cada un/unha o seu corazón e, pegando dentro del, as fotos dos vosos amigos/as do cole. (Deixo nun documento adxunto, o modelo para imprimir, coas instrucións da actividade).

MARTES (“Preparo a maleta”): hoxe imos preparar, cada unha/un de nós, a nosa maleta para as vacacións; pensade que precisades segundo “a onde vaiades”. Unha idea de cousas a gardar nesa maleta, podería ser: toalla de praia, chanclas, gorra, gafas de sol, zapatillas de deporte, xoguete favorito, conto favorito, prenda de roupa favorita... e, sobre todo, non esquezades meter nesa maleta o voso corazón (o que fixestes na actividade de onte); porque, na videochamada de hoxe, imos ensinar e comentar, de xeito divertido, o contido da nosa maleta!

MÉRCORES (“A cantar e bailar!”): neste día tedes que elixir unha canción que vos guste moito ou queirades cantar e bailar, para empezar con moita enerxía estas vacacións de verán. Se vos apetece, podedes gravar un vídeo cando esteades “en plena acción de baile e cante” e enviarmo ao meu correo; tamén ides recibir o meu.


XOVES (“Vídeo da profe María” e “videochamada de fin de curso”): envíovos este xoves un vídeo cunhas palabras para vós, con moito cariño e alegría! Reservade un momentiño tranquilo para velo e escoitalo coa vosa familia.
Temos programada tamén, para este xoves, unha videochamada con todos os nenos e nenas do cole e todos os profes, ademais dos membros da familia que queiran participar. Será ás 18.30 horas a través da mesma aplicación CISCO-WEBEX.


VENRES (“Os meus traballos do cole”): para rematar a semana (e este curso) propóñovos que dediquedes un tempo de hoxe, para ver e comentar en familia, o material e traballos do cole: o contido do pendrive, a carpeta dos traballos, as notas de final de curso...


➢ Mándovos un caderno de fichas de repaso, que elaborei para o verán, por se fora do voso interese descargalo e imprimilo. Tamén outros complementarios proporcionados pola editorial Santillana. (Tédelos tamén copiados no voso pendrive).


➢ Enviade (coma sempre) todo aquilo que queirades ao meu correo.


E para terminar: GRACIAS por ensinarme tanto neste tempo! Levo a miña maleta cargada de sorrisos, alegría e moito cariño de: Yeray, Lucas, Mireia, Valeria, María, Xoel e Mateo.

Unha aperta moi grande para vós e as vosas familias.
Ata calquera momentiño.
María

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer