Proposta semanal Educación Infantil (do 8 ao 12 de xuño)

PROPOSTA DE ACTIVIDADES SEMANAL EDUCACIÓN INFANTIL

Ola outra vez familias!
Para esta semana que imos empezar, propóñovos unha serie de actividades baseadas nas flores de San Xoan, en concreto nunha desas flores, tan común neste mes de xuño... Pero non podo dar aínda o seu nome, porque seredes vós os que teñades que adiviñalo. Adiante!

LUNS (“adiviña adiviñanza”): para iniciar esta semana, teredes que buscar a solución á seguinte adiviña (debuxade a resposta e, despois, escribídea en maiúscula):

“Son unha flor de San Xoan
pola beira dos camiños me poderás atopar.
Pero se comigo ben o queres pasar
na cabeza dos demais me has de estoupar”

 

MARTES (“apañamos a flor do San Xoan”): como xa resolvestes a adiviña de onte, hoxe teredes que saír e apañar esa flor tan bonita e escribir o seu nome nun folio en letras maiúsculas ben grandes (a xeito de cartel); elixide unha letra do nome desta flor e decorádea empregando a nosa técnica de “letras creativas” (usade pétalos de flores, herbiñas...). Pola tarde, na videochamada, cada un amosará a súa flor, falaremos de como lle chamamos, ensinaremos o cartel co seu nome, explicaremos onde a apañamos, quen nos axudou, verbalizaremos que letra eliximos para adornar, contaremos cantas letras ten, etc.

A semana pasada, moitos de vós, compartistes comigo as vosas formas de denominar esta planta: tróqueles, estoupois, sanjuais, sanxoan, estoupaxís, estoupachís, militroques, palitroques, chupamelos... Esta flor ten moitas acepcións diferentes, segundo a zona, aldea... empregade a vosa! Pasaremos un momento entretido poñendo en común estes nomes.

MÉRCORES (“na cabeza dos demais me has de estoupar”): seguimos divertíndonos coas flores de San Xoan e, para iso, neste día debedes estoupar os seus “pétalos” na cabeza de distintos membros da vosa familia, ou incluso en vós mesmos/as. Gravade un vídeo facéndoo e enviádemo ao meu correo electrónico (tamén recibiredes o meu!).
➢ Podedes ler algunha curiosidade desta planta (protagonista nesta semana) e mesmo unha descrición do xogo que vos propoño, no seguinte enlace:

http://www.noticieirogalego.com/sanxoans/

XOVES (“sopa de flores”): para rematar coas actividades florais, achégovos esta proposta de cociñeiras e cociñeiros expertos: sopa de flores. Trátase de que apañedes moitas flores variadas, xoguedes coa auga, usedes diferentes recipientes para transvasar... en definitiva: que experimentedes moito!
Neste enlace http://www.pequefelicidad.com/2015/05/sopa-de-primavera_18.html atoparedes a proposta desenvolta para levala á práctica. Pasádeo moi ben e sacade fotos!

VENRES (“Encrucillado de materiais de psicomotricidade”): e para rematar a semana, o profe Diego propón que reolvades o encrucillado da psicomotricidade. Unha letra en cada casiña.

Encrucillado de Educación Física.

Deixo, coma sempre, material complementario para os que queirades usalo.
Traballade moito, e sobre todo, desfrutade un montón! Enviádeme fotos, vídeos, bicos, apertas... ao meu correo electrónico.
Un bico
María

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer