Proposta semanal Educación Infantil

PROPOSTA SEMANAL EDUCACIÓN INFANTIL (25 AO 29 de maio)

Ola nenas e nenos!
Empezamos a última semana de maio! É un tempo fermoso de primavera, e tamén de tronadas e chuvias, por iso as actividades desta semana van xirar arredor das NUBES. Espero que aprendades moito e que vos divirtades moito con elas. A traballar!

LUNS (“canción das nubes”): para empezar imos escoitar, cantar e bailar esta canción que xa coñecemos, titulada “Nubes, nubes” https://www.youtube.com/watch?v=4dMoJWPME9g


MARTES (“as nosas nubes”): hoxe imos facer as nosas nubes:
- debuxamos nubes nun folio (as que ti queiras) e imos enchelas de algodón.
- despois faremos debaixo delas as pingas de chuvia, para iso facemos círculos con lapis (practicando así o trazo desta figura) que repasaremos de moitas cores.


MÉRCORES (“a letra P de pinga”): imos traballar esta semana coa letra P, que é a letra inicial de pinga:
- primeiro escoitamos a súa canción https://www.youtube.com/watch?v=uD_utBR0rYw
- segundo facemos unha letra P maiúscula nun folio e poñendo de novo en práctica técnicas plásticas que xa coñecemos como a das letras creativas (pegar por enriba distintos materiais: lentellas, pedriñas, folliñas, etc) ou o puntillismo (facer puntiños), imos decorar a nosa letra P.
- terceiro: igual que a pasada semana, buscamos palabras que empecen ou conteñan esta letra, e pegámolas arredor dela.

XOVES (“experimento da chuvia”): hoxe propóñovos facer un experimento que ten a chuvia como protagonista, aquí vos deixo o enlace https://www.youtube.com/watch?v=Zq17FODQI3U&t=49s

VENRES (“as flores de maio”): para rematar a semana e tamén o mes de maio,
que é o mes das flores, imos poñer en práctica habilidades de lóxica-matemática como: facer series, clasificacións, conteo (contar cantidades) con flores. Por iso tedes que apañar tres tipos de flores distintas e con elas:
- inventa series que poden ser de 2 ou 3 elementos, por exemplo: margarida,
caléndula, margarida, caléndula.
- clasifícaas segundo o tipo (as margaridas xuntas nun grupo, as caléndulas
noutro).
- e agora conta cantas flores apañaches, cantas tes de cada tipo...
Se vos apetece, mentres facedes esta tarefa, podedes escoitar a fermosa canción “Maio longo” musicada por Carlos Núñez e con letra dun poema de Rosalía de Castro https://www.youtube.com/watch?v=Sk-8LaAJ8D0

Coma sempre, espero as fotos dos vosos traballos: mariagonzalezabelaira@edu.xunta.gal
Un bico.
María

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer