Skip to Content

Unha miguiña de historia

O Colexio Luis Pimentel, enclavado na zona alta da cidade de Lugo, exactamente no barrio de A Piringalla, comezou a funcionar no mes de setembro do ano 1979. No recinto escolar había, como agora, tres edificios. Un deles, ao que sempre chamamos “prefabricado”, foi o único que albergou, ata o mes de febreiro do ano oitenta, a todos os alumnos matriculados, xa que os outros edificios estaban sen amañar.

No primeiro claustro decidiuse, despois dunha proposta do profesor Paco Martín, darlle ao centro o nome de “Luis Pimentel”, en recordo do gran poeta lucense. A proposta foi refrendada polas autoridades competentes.

Nestes cerca de trinta anos de vida, polo colexio desfilaron multitude de rapaces e rapazas. Sempre houbo moitos nenos e nenas nas aulas. Hoxe é o centro de primaria con máis alumnado de toda a provincia de Lugo. Ten liña tres, tres cursos por nivel, desde educación infantil ata o último curso de primaria.

¿Que feitos habería que recordar? Son tantos que necesitaríamos varias páxinas para contalos. Non nos podemos esquecer da festa de inauguración, na que o poeta, xa extinto, Uxío Novoneira fixo unha semblanza de Luis Pimentel, e desexou éxitos para todos, os que naqueles intres comezabamos unha nova andaina e para todos os que viñeran despois. Tamén actuou naquela velada o grupo de folk Fuxan os Ventos. Vinte e cinco anos despois, na conmemoración do primeiro cuarto de século de existencia, fixemos varios actos de tipo cultural e lúdico. Houbo exposicións, probas deportivas, celebracións nas aulas, e unha velada no Auditorio Gustavo Freire con actuacións nas que os protagonistas foron os nenos, e un concerto do grupo “A Quenlla”, con compoñentes dos antigos “Fuxan os Ventos”. Unha misa dedicada a todos os falecidos e unha comida, na que estaban moitos dos profesores que pasaron polo colexio e na que a confraternidade e os recordos acompañaron o xantar, foi o colofón a todas as celebracións.

Tamén queda para o recordo a constitución da Sociedade deportiva Luis Pimentel, que xurdiu da man do profesor, xa falecido, Víctor Arias. Non vamos a reseñar todas as obras que se fixeron nestes anos pero temos que recordar a construcción da pista cuberta e o peche da mesma, a construcción do “Edificio Novo” no lugar que ocupaba o “prefabricado”, e tamén, coma non, a perda de terreos, nos que tiñamos un pequeno campo de herba para xogar ao fútbol, para doarllas ao IES da Piringalla.

No colexio sempre houbo un bo ambiente. Moitos profesores, ademais de compañeiros, fixéronse e son amigos. A amizade implica comprensión, entendemento, renuncia, comunicación, tolerancia. Este ambiente repercute no alumnado. Nunca houbo que recorrer a medidas disciplinarias drásticas para resolver problemas de comportamento.

O Centro sempre participou en proxectos innovadores. Foi un dos doce colexios de Galicia elixido para formar parte do Proxecto Abrente, cando este se implantou na comunidade nos comezos da década dos oitenta. O Proxecto consistía na dotación de aulas de informática aos centros participantes, para complementar as aprendizaxes, e para entrar no eido das novas tecnoloxías. Comezamos recibindo un único ordenador, un Apple II E, que, naqueles intres, fíxonos moita ilusión a todos. A partir dese momento os alumnos e alumnas iniciáronse no manexo dos ordenadores. Hoxe dispoñemos dunha aula informática moi ben dotada na que o alumnado, a partir do segundo ciclo de primaria, comeza a coñecer os "entresijos" das novas tecnoloxías.

Este sitio Web intentará ser un reflexo do noso labor, das nosas inquedanzas, dos nosos descubrimentos e, como non, das nosas ilusións. E cando falamos de nosos e nosas referímonos a todos os que estamos implicados na educación: profesores e profesoras, pais e nais, alumnos e alumnas. Para todos e entre todos estamos a elaborar este sitio Web. Agora ´so hai que darlle vida. E que dure moitos anos.



blog | by Dr. Radut