CREACIÓN DO COLEXIO

Na década dos anos sesenta prodúcese en Galicia e en toda España o coñecido e denominado “baby boom”, que consistiu nun gran aumento da natalidade, acompañado  dunhas melloras sanitarias e alimenticias, producidas polo desenvolvemento económico deses anos, que tamén motivou un descenso no número de mortes. Así pois, todo isto provocou un lóxico aumento da poboación. A parroquia de Castrelo, cunha media de 35/40 nacementos por ano nesta década, tiña no ano 1969 2,200 habitantes, e era a parroquia máis poboada do concello de Cambados, sen contar o centro urbano.
    Para toda esta poboación só había daquela cinco escolas unitarias en toda a parroquia: dúas no Couto, unha na Bouza, unha na Valada e outra en Baltar. Para ilustrar este aumento de poboación consérvanse, por exemplo, datos de matrícula da escola unitaria de nenas do Couto-Lourido, da que era mestra Manuela Botana Padín, con números de 64 alumnas, no curso 63/64; ou de 56, no 69/70. Nas demais escolas tamén había matrículas moi similares.
       Esta situación levou a que os veciños de Castrelo reclamasen a construción dun grupo escolar, que era como daquela se denominaban, que dese servizo a toda a parroquia. Como o concello non dispoñía de terreos para a súa construción, constituíuse  unha comisión de veciños encabezada por Servando Castro Romay, José Fernández Oubiña, José Portela Padín e Julio Rey Rey, que, despois de feita unha subscrición popular, mercou os terreos necesarios no lugar denominado “Veiga da Agra”. En agosto do mesmo ano 1969 o alcalde de Cambados diríxese ao delegado provincial do Ministerio de Educación e Ciencia, achegándolle plano destes terreos, que acadaban unha superficie de 70 áreas e 45 centiáreas, e instándoo que urxa a tramitación do correspondente expediente para que poidan ser iniciadas as obras nese mesmo ano. Mais, os trámites burocráticos, ou outras circunstancias, retrasarían uns anos este desexo. E así non é ata o ano 1972 en que a comisión de veciños fai a cesión formal dos terreos adquiridos, que son aceptados polo concello no pleno celebrado o día 1 de decembro.
      Pero os 7.045 m/2 resultan insuficientes, xa que a idea do Ministerio é a construción dun centro completo de 16 unidades, de acordo coa nova Lei Xeral de Educación aprobada en 1970, para o que compre máis terreo. Feitas as oportunas xestións, o 2 de febreiro do ano seguinte os veciños de Castrelo, Ernesto Torres Cousido, José Manuel Padín Padín e Isabel González Camiña, asinan co alcalde de Cambados, Joaquín Fole Vilar, a cesión de dúas parcelas, denominadas “Veiga de Agra” ou “Con de Ramo”, para unir, polo leste, a outros terreos cedidos para a construción dun colexio nacional.
      Inscritos xa os terreos no Rexistro da Propiedade, e levantado plano polos servizos técnicos da Delegación Provincial do Ministerio de Educación e Ciencia, que dá unha extensión definitiva de 9.417,72 m/2, o delegado provincial comunícalle ao alcalde que, con data do 13 de xullo, se lle encargou a redacción do proxecto do colexio ao arquitecto Desiderio Pernas. No mes de agosto o Ministerio comunica que acepta o ofrecemento da parcela.
      Pasado máis dun ano, no mes de outubro de 1974 a Xunta de Construcións, Instalacións e Equipo Escolar do Ministerio de Educación e Ciencia anuncia a subhasta das obras, e o 22 de novembro adxudícallas á empresa Bernardo Falcón Acha por un importe de 26.600.000 ptas., pagadoiras en tres anualidades. O 16 de xuño de 1976 asínase a acta de recepción provisional das obras polo delegado provincial do ministerio, Jaime García García e o alcalde de Cambados, Isidoro Vaamonde Silva; e no curso 1976-77, dez anos despois de que aquel grupo de veciños iniciase as xestións para conseguir uns terreos, empeza a funcionar o tan esperado e desexado colexio nacional de Castrelo, cunha matrícula de 342 alumnos de EXB, sen que aínda, de momento, haxa alumnos de Preescolar. Isto non sería ata tres anos despois, cando se crean unidades deste nivel tanto no colexio coma nas antigas escolas unitarias do Couto e da Valada. Oficialmente a creación do Colexio Nacional de Castrelo (como daquela se denominaban os centros), materialízase a través dunha orde ministerial de data 18 de outubro de 1976, publicada no B.O.E. do 22 de novembro, na que se di que contará con 16 unidades de E.X.B. Así mesmo integraranse e trasladaranse ao novo edificio os seguintes mestres e mestras procedentes das escolas unitarias existentes na parroquia: Jesús Jorge Campos, da da Bouza, Carmen Celsa Lastres Radío, da da Balada, Dolores Segunda Vila Méndez e Francisco Barrros Barros, das do Couto-Lourido, e María Mouriño Arias, da de Serantellos, cubríndose o resto das prazas con persoal provisional.

O primeiro director do novo colexio foi Jesús Jorge Campos. No curso seguinte, 1977-78, é nomeada directora Dolores Segunda Vila Méndez, que seguirá no cargo ata finalizar o 1978-79, en que se trasladará de destino. Neste curso, como resultado co correspondente concurso de traslados de personal, cóbrense xa definitivamente tódalas prazas con mestres e mestras que, a maior parte, van estar no colexio moitos anos, dándolle polo tanto unha estabilidade ao cadro do profesorado, que permitirá a posta en marcha de proxectos e traballos a medio e longo prazo.
      No curso 1979-80 é nomeado director Carlos Rábade Pallares, que permanece no cargo ata outubro de 2007, en que se converte en inspector de educación. No curso 2007-2008 desempeña a dirección Xoán Antonio Pillado Silvoso, que se xubila ao remate do curso. Dende o curso 2008-2009 ata o 2011-2012 exerce a dirección Vicente Muñoz Hermida. Co comezo do curso 2012-2013 pasa a desempeñar a dirección do CEIP de Castrelo Soledad Oubiña Millán que estará ata o remate do curso 2028-2019, sendo substituída por María Luisa Rodríguez Veloso coa chegada do curso 2019-2020.
      Nestes anos, dende a fundación do colexio, foron moitas as cousas que pasaron. Centos de alumnos e alumnas estudaron nas nosas aulas; algúns seguiron cos seus estudos no instituto e incluso na universidade; outros seguiron o camiño da formación profesional; e outros tamén ingresaron directamente no mundo do traballo; pero todos levaron unha formación básica para podérense enfrontar á vida. Tamén foron moitos os profesores e profesoras que aquí impartiron a súa docencia, uns durante un breve período de tempo, outros botaron moitos anos; pero todos, cunha entrega total. A continuación faremos un pequeno repaso dalgúns dos feitos máis destacados que sucederon no seo da nosa comunidade educativa durante estes anos.