O COLEXIO 1977 - 1985

     Curso 1977-78
      Ante a carencia de prazas escolares nas parroquias de Corvillón e Vilariño, que aínda non dispoñían de colexio e seguían funcionando con escolas unitarias, a delegación provincial de Educación dispuxo que os alumnos e alumnas de 2ª etapa de EXB destas parroquias acudisen provisoriamente ao colexio de Castrelo, que si dispoñía de espazo para atendelos. Así, durante dous cursos, os de Corvillón, e durante catro cursos, os de Vilariño, conviviron cos de Castrelo, o que supuxo unha experiencia moi enriquecedora para todos eles.
     
      Curso 1978-79
      Estabilízase o cadro de profesorado con nomeamentos definitivos. No mes de decembro un forte temporal levanta parte do tellado do colexio, o que obriga á suspensión das clases.
      Organízase por primeira vez unha excursión de fin de estudos co alumnado de 8º a Asturias. Ao regreso faise unha ofrenda floral en Santa Cristina de la Polvorosa, onde un par de meses antes morreran nun accidente alumnos e profesores dun colexio de Vigo.
     
      Curso 1979-80
      Empezan a funcionar as unidades de educación preescolar. O profesorado dos colexios da comarca do Salnés, entre eles o de Castrelo, organiza no mes de maio un ciclo de conferencias sobre “Historia de Galicia”, que se celebran en distintos centros. O día 28 o catedrático da Universidade de Santiago, Acuña Castroviejo, expón no noso colexio o tema “Formas de poboamento na Galicia castrexa e romana”.
     
      Curso 1980-81
      Seguindo na liña do curso pasado, continúase coa iniciativa de organizar  seminarios de actualización pedagóxica a nivel comarcal. No noso centro faise a presentación, o día 8 de novembro, dun método analítico-global para o ensino  da lectura e escritura; así como unha exposición de libros editados para o ensino da lingua galega, ante a inminente saída dun decreto da Xunta de Galicia, que ía regular este ensino, e que se inaugurou o 3 de decembro cunha conferencia de Bieito Ledo. A exposición tívose que prorrogar, ante a demanda de xente que viña a vela.
       Tamén neste mes, entre todos os colexios de Cambados organízanse unhas competicións deportivas, que rematan o día 19 coa celebración do Gran Cross Escolar Nadal-80 no noso colexio. No aspecto deportivo o Colexio de Castrelo participou activamente nas I Xornadas Deportivas, organizadas polo concello de Cambados para reivindicar a construción dun pavillón polideportivo, quedando campión en balonmán.
      Con motivo do Día das Letras Galegas publícase por primeira vez un traballo feito por alumnos e alumnas de 8º que se titulou “Cambados. Xentes, feitos e costumbres”
     
      Curso 1982-83
      No mes de decembro, alumnos e alumnas dos cursos de 4º a 8º elaboran un belén con figuras de barro feitas por eles, que é exposto na sala de sesións do concello de Cambados, xunto con traballos doutros colexios.
      En anos anteriores iniciárase unha serie de traballos de investigación referidos ao contorno no que vivimos, feitos por alumnos e alumnas da 2ª etapa de EXB. Pois ben, neste curso, dous traballos, un sobre “Os cruceiros do axuntamento de Cambados”, e outro sobre “Os montes  de Cambados”, merecen sendos primeiros premios do concurso escolar “Alfredo García Alén”, organizado polo Padroado do Museo de Pontevedra, no mes de xaneiro de 1984.
      Este ano a excursión de fin de estudos de 8º foi a Madrid, con visita por primeira vez ao Congreso dos Deputados.
     
      Curso 1983-84
       A principios deste curso, o concello de Cambados crea a Escola Municipal de Música, en colaboración coa Banda de Música de Castrelo. O noso colexio vai participar activamente nesta iniciativa coa cesión de aulas para impartir as clases, e cunha campaña de animación entre o noso alumnado, co obxecto de formar un viveiro de músicos, que co tempo pasarán a formar parte da banda de música da parroquia, dándolle continuidade á mesma.
      Co fin de “alentar os esforzos dos escolares galegos no coñecemento da súa propia cultura”, a Consellería de Educación e Cultura convoca por primeira vez os primeiros premios escolares “Xunta de Galicia”, para traballos que traten sobre costumes, lingua, literatura, música, xeografía, historia, tradicións, etc. galegas, e escritos en galego. O noso colexio foi premiado cun accésit de 75.000 ptas. polo traballo sobre “As telleiras de Castrelo”, construcións de carácter artesán para a fabricación de tellas e ladrillos, abundantes na zona, e que se atopaban a maioría delas en estado ruinoso ou semi-ruinoso.
     
      Curso 1984-85
      Continuando cos traballos de investigación sobre o noso contorno por parte de profesorado e alumnado da 2ª etapa de EXB, este ano un traballo, “Os xogos populares na parroquia de Castrelo”, será novamente distinguido polo Museo de Pontevedra cun primeiro premio. Este traballo foi a base dunha publicación máis ampla que se faría despois no ano 1997.
      Polo Entroido o concello de Cambados convoca por primeira vez un concurso de comparsas. Aproveitando a circunstancia de que neste curso hai algúns alumnos de oitavo que dominan un instrumento musical, por ser compoñentes da Banda de Música de Castrelo, fórmase unha comparsa no colexio, co título de “Os misiles pasotas”, que participa no concurso, acadando o segundo premio. O importe do mesmo serviría para axudar aos gastos da excursión de fin de estudos, que tivo por destino Salou, con visitas a Barcelona, comarca del Penedés, Zaragoza, mosteiro de Piedra e Soria. A participación da comparsa do colexio de Castrelo no Entroido cambadés sería unha constante durante tódolos seguintes anos (agás do 1992) ata o ano 1997, coa última promoción do oitavo curso da EXB. Todos estes anos a nosa comparsa sempre obtivo premio.
      O colexio tamén vai recibir un premio da Xunta de Galicia por "A arxila como recurso pedagóxico", como "Programa de desenvolvemento da investigación e innovación educativa".
        Particípase por primeira vez no concurso de collages que anualmente convoca a firma de chocolates “Nestlé”, acadando un dos 50 premios que a empresa reparte entre tódalas comunidades do estado español, entre máis de 20.000 traballos presentados.