O COLEXIO 1990 - 1995

     Curso 1990-91
      A III Campaña de Animación ó Emprego do Galego vai deixar este ano no noso colexio dous premios do concurso de lemas, o primeiro por “Dende nenos ata vellos, en galego”, da alumna de sétimo nivel Sabela Pillado Villaronga, e un accésit para “¿Darlle á lingua?. Si, pero en galego”, tamén dun alumno de sétimo, Isidro Dozo Valladares. En canto ao concurso lexicográfico o colexio de Castrelo foi o único en presentar un traballo, “O millo”, ao que o xurado acordou darlle o segundo premio, deixando deserto o primeiro.
      No mes de xaneiro a Asociación Ecoloxista de O Grove, que viña celebrando dende hai tres anos a Semana da Árbore, decide ampliar o seu campo de acción á comarca, pasándose a denominar Colectivo Ecoloxista do Salnés. A Semana da Árbore pois vai ter un carácter comarcal, e o noso colexio participa activamente na mesma.
      Este mesmo colectivo vai tamén colaborar directamente coa Asociación Candea na organización dun cursiño de carácter medioambiental, durante os meses de abril e maio, tendo como punto de referencia a enseada do Umia, e que se levou a cabo no noso colexio.
      Un ano máis participamos, e somos distinguidos co segundo premio, no Entroido de Cambados coa comparsa “Os Galopíns”.
      O 18 de abril o curso de oitavo fai unha viaxe a Santiago de Compostela, visitando o Parlamento e a exposición “Galicia no tempo”
      O traballo que no curso pasado obtivera un premio do concurso escolar”Alfredo García Alén” merece a atención da Consellería de Pesca, que decide subvencionar a súa edición co título de “O traballo no mar”. A publicación estrutúrase en sete capítulos nos que se catalogan e describen ata sesenta tipos de artes, aparellos e barcos, cun complemento no que se fai referencia a ditos, refráns e vocabulario; e tivo unha grande repercusión en toda a xeografía galega, sobre todo nas zonas costeiras.
      Nos concursos escolares organizados polo Museo de Pontevedra este ano conséguense accésits no “López Suárez-Castillejo”, cun traballo de todo o curso de sétimo sobre “A medicina popular”, dirixido polos profesores Saúl Otero Otero e Xoán Antonio Pillado Silvoso; e por primeira vez no “Emilia Estévez Villaverde”, de creación literaria, con dúas poesías, “A gaita”, de María Jesús Besada Troncoso, alumna de oitavo, e “O mar”, de María del Carmen Leiro Peña, de sétimo. A entrega de premios celebrouse o 14 de maio nun acto levado a cabo no Museo de Pontevedra.
      Na I Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil orgaizada polo concello de Cambados, con motivo da Semana das Letras Galegas, un grupo do noso colexio actúa na Sociedade Cultural de Cambados.
      No concurso Collage 1991 de Chocolates Nestlé, que este ano tomaba como tema “O mundo dos animais”, o noso centro é de novo escollido como un dos cincuenta gañadores.
      As Aulas de Acuicultura seguen co seu éxito e este ano a Consellería de Pesca premia aos alumnos e alumnas participantes (toda a segunda etapa de EXB) cunha excursión á Illa de Ons o día 7 de xuño.
       O Ministerio de Educación e Ciencia, xunto co Banco de Crédito Agrícola, convocaron este ano, por primeira vez, os premios “Escuela y Naturaleza”, co obxecto de fomentar entre os escolares e EXB e Ensino Medio, de todo o ámbito estatal e incluso de colexios españois no estranxeiro, actividades que sirvan de beneficio para o medio ambiente e a defensa da natureza. O colexio de Castrelo consigue un terceiro premio, e con tal motivo un grupo de dez alumnos e alumnas de sétimo, que foron os que levaron adiante o traballo coa colaboración dos demais da segunda etapa, viaxaron a Madrid para recoller o premio o día 24 de xuño.
       A excursión de fin de estudos deste ano supuxo un salto importante nas feitas ata agora. Grazas en gran parte á venda de traballos de cerámica, que gozaron dunha gran popularidade en todo o contorno, e ao traballo de alumnos e alumnas na recadación de fondos, con venda de rifas, camisetas e outros actos, a excursión deste ano consistiu nunha estancia dunha semana na illa de Tenerife, con visitas a distintos lugares, como o parque nacional do Teide e outros, e destacando sobre todo a recepción que se nos fixo no concello de Icod de los Vinos, con intercambio de agasallos, que aínda se poden ver no salón de actos deste concello.
     
      Curso 1991-92
      O comezo deste curso foi do máis triste en toda a súa historia. Unha semana despois de iniciadas as clases, o día 22 de setembro morría a profesora María Dolores Cacabelos Serén (Lola), que levaba no colexio dende o ano 1980.
      Un traballo de investigación sobre o ecosistema do esteiro do río Umia, feito por tres alumnas de oitavo dentro das actividades da aula de Ciencias Naturais, recibe un premio da fundación privada “El Águila”, promovida pola empresa papelera catalana  Torraspapel. O premio consistiu nunha viaxe para unha alumna, decidida entre elas por sorteo xa que de acordo coas bases só podía ir unha, a EEUU (Orlando, Miami, Cabo Kennedy, Bush Garden e parques naturais de Everglades e Cayo Hueso). A alumna que representou ao grupo foi Belinda Meis Blanco, e a viaxe levouse a cabo entre o 1 e o 9 de decembro.
      Uns días despois, a alumna de sétimo Romina Oliveira Alfonso recibe un premio do concurso de lemas da Campaña  municipal de fomento de emprego do galego.
       Foi unha grande alegría para todos os que formamos parte do profesorado, que no primeiro trimestre deste curso nacese na parroquia de Castrelo unha asociación xuvenil, “Xurdir”, formada por exalumnos e exalumnas, unidos por uns lazos de compañeirismo e amizade que, en gran parte, naceron e se forxaron no noso colexio. Durante bastantes anos esta asociación demostrou un gran dinamismo e capacidade de iniciativa coa organización de múltiples actividades (magosto, comparsa, deportes, cabalgata de Reis, festas…). O seu primeiro presidente foi Carlos Carrión Álvarez, da promoción de oitavo do 85. 
      Ante os cambios nas bases do concurso de comparsas  do Entroido, introducidas polo concello, tomouse a decisión de non participar no mesmo, aínda que si a comparsa do colexio, que este ano ía co nome de “Fantasía Francesa”, percorreu as rúas de Cambados animando o ambiente.
        Por iniciativa de varios mozos compoñentes da Banda de Música de Castrelo, moitos deles exalumnos, esta iniciou no mes de abril unha serie de concertos didácticos, impartidos no noso colexio e abertos a todo público, coa finalidade de fomentar a cultura musical sobre todo entre os máis novos.
      Como xa viña sendo habitual, o alumnado de oitavo fai unha visita ao Parlamento de Galicia o 11 da maio.
      A prensa, os xornais, as revistas, é un recurso didáctico que se viña utilizando dende hai tempo no noso colexio en distintas áreas (ciencias sociais, naturais, lingua, matemáticas, expresión plástica…). Pero este ano varios profesores do centro, que fixeron a través de UNED un curso sobre a utilización da prensa nos colexios, decidiron poñer en marcha unha experiencia chamada “Aula de Prensa”, na que alumnos e alumnas amais de seguir utilizando a prensa como material de traballo, coñeceron as interioridades e funcionamento dos medios de comunicación. Esta experiencia rematou cunha gran exposición, na que colaboraron xornais de toda España, contestando á nosa petición co envío de exemplares (máis de cento vinte e cinco), e que tivo moito éxito de asistencia entre pais e veciños.
      Aproveitando a circunstancia de que neste ano 92 coincidiu a celebración de varios eventos históricos (Descubrimento de América, Olimpiadas, Exposición Universal…), dende o colexio tamén quixemos ser partícipes dalgún deles e organizamos a viaxe de fin de estudos á Expo de Sevilla, entre o 14 e o 19 de xuño, facendo visitas a Salamanca, Plasencia, Cáceres, Mérida, Covas de Aracena e Coto de Doñana. Uns días antes, o curso de sétimo fai unha excursión á Illa de Ons, dentro do programa das Aulas de Acuicultura.
     
      Curso 1992-93
      Comezou o curso cunha serie de actividades de contacto directo coa natureza por parte do alumnado de oitavo nivel, coa realización de itinerarios polo monte Castrove, Armenteira e praia da Lanzada.
      Chegado o Entroido e grazas á sona adquirida  pola nosa comparsa na zona, somos invitados a participar no desfile do Entroido de Vilagarcía. A experiencia foi bonita, mais tamén moi esgotadora para rapaces e rapazas, e por iso decidimos non participar en sucesivos anos. No Entroido de Cambados conséguese o segundo premio, co título de “Charlestón”.
      No ámbito deportivo cambadés viña funcionando dende hai catro anos unha escola de fútbol infantil, “A Pastora”, á que Castrelo sempre aportou un número importante de  compoñentes. A reportaxe feita polo Faro do Vigo o 8 de abril dá conta da importante presenza de alumnos do colexio de Castrelo nesta escola deportiva.
      O ano 1993 foi Ano Santo Compostelán, e con tal motivo a Xunta de Galicia fixo unha intensa campaña de  promoción do Camiño de Santiago. Contaxiados de tal ánimo, alumnos e alumnas do ciclo superior xuntamente con profesores e profesoras fixeron un tramo da última etapa do camiño, dende Lavacolla á catedral de Santiago, o día 15 de abril.
       Coincidindo coas festas parroquiais de Santa Cruz (3 e 4 de maio) abríronse no colexio dúas exposicións de traballos escolares, en colaboración coa Asociación de Ensinantes Candea e a Asociación Xuvenil “Xurdir”. Unha, titulada “Mirando ao mar”, formada por varios paneis nos que se explicaban distintos aspectos da fauna e da flora tanto continental como marítima. A outra amosaba traballos feitos en barro (macetas, cadros, figuras de todo tipo, telleiras, piornos…), cocidos no forno e coreados, que se puxeron á venda para recadar fondos para a excursión de fin de estudos, e que tiveron un grande éxito
      A organización das Aulas de Acuicultura, que centraba gran parte da súa actividade nas Rías Baixas, decide levar aos alumnos e alumnas de sétimo a pasar dous días á zona das Rías Altas, con aloxamento nun albergue xuvenil de Sada.
      “O zapping” e “Comerei dous” son os títulos de dúas obriñas de teatro que senllos grupo de teatro formados no noso colexio representaron no ciclo de teatro infantil e xuvenil, dentro da programación municipal da Semana das Letras Galegas.
      A viaxe de fin de estudos deste ano fíxose á Costa Brava e Barcelona.
      O curso rematou cunha boa noticia, a alumna de sétimo curso, Irene Cacabelos Vieites, foi unha das premiadas no concurso que a Consellería de Cultura organizou a nivel de toda Galicia con motivo da campaña de fomento á lectura. Esta alumna ganaría posteriormente, xa estudando bacharelato, varios premios de poesía; e hoxe é unha destacada xornalista.
     
      Curso 1993-94
      Vinte grupos de escolares pertencentes a distintos centros da provincia de Pontevedra, entre eles o noso, van participar este ano nun proxecto de educación medioambiental, organizado polo Servizo de Medio Ambiente Natural da consellería de Agricultura, en colaboración con asociacións ecoloxistas. No mes de outubro faise unha  visita guiada á Lanzada en compañía de membros do Colectivo Ecoloxista do Salnés, e uns días despois unha viaxe á Casa das Ciencias da Coruña o día 29.
      O gañador do concurso de lemas da campaña municipal de fomento ao emprego do galego foi este ano un alumno de sexto de EXB, Gonzalo Vázquez Cao, coa frase “Bla, bla, bla… si, pero en galego”.
      Os longos anos de traballos de investigación sobre o mundo das telleiras deron como resultado que dous profesores de Castrelo, Adela Leiro Lois e Saúl Otero Otero, e un do colexio de San Tomé, Xosé Ramón Padín Daporta, publicasen un libro, “As telleiras (Cabaqueiros)”, no que se recollen non só a descrición destas antigas construcións industriais de carácter artesán e todo o proceso de fabricación de tellas e ladrillos, senón tamén o duro mundo dos homes que nelas traballaban, que deu lugar tamén ao nacemento dun vocabulario específico da profesión. A presentación do libro fíxose no noso colexio, o 10 de decembro, e con tal motivo tamén se inaugurou unha exposición con paneis informativos, fotos e material diverso que estivo aberta ata as vacacións de Nadal.
      Este ano adiantouse a visita do curso oitavo, que se facía normalmente máis na primavera, ao Parlamento de Galicia, e tamén aproveitamos para ir ao Museo do Pobo Galego.
      A Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea” organiza un cursiño sobre o tema “Imaxe na escola”, coa colaboración do noso colexio, que cede as súas instalacións, dirixido ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, que é a nova denominación das etapas educativas a partir da aprobación da LOXSE no ano 1990. O curso desenvolveuse durante o segundo e terceiro trimestres.
      O primeiro premio do concurso de comparsas do Entroido cambadés, en categoría infantil, recaeu na comparsa “Mambo”, do colexio de Castrelo.
      Ante o interese suscitado pola exposición sobre as telleiras, entre o público en xeral e sobre todo nos ámbitos educativos da zona, decídese darlle un carácter itinerante, e son varios os colexios nos que se instala, como foi o caso dos de Dena e Vilariño.
      Por segundo ano consecutivo as Aulas de Acuicultura levan ao alumnado de sétimo a pasar dous días nas Rías Altas, no mesmo sitio do ano pasado. Este ano sería o último desta interesante experiencia que deu a coñecer a alumnos e alumnas de moitos lugares de Galicia o mundo do mar e as posibilidades económicas da súa explotación racional. A consellería de Pesca non volvería a convocar máis a celebración das Aulas.
      O concurso de collages de Chocolates Nestlé premia este ano a tres colexios do concello de Cambados, Corvillón, San Tomé e Castrelo.
      A viaxe de fin de estudos vólvese a facer este ano á illa de Tenerife, destino que se repetirá nos tres anos seguintes, ata que se dá por extinguida a EXB no curso 1996-97, de acordo coa nova LOXSE.
     
      Curso 1994-95
      O concurso de lemas da campaña de animación ao emprego do galego deixa este ano en Castrelo dous premios, o terceiro a “Menos contos e… en galego”, de Vanessa Gómez Martínez, e o quinto a “En galego. Xa é hora”, de Mari Paz Fernández Gondar.
      A empresa Acquavisión Galicia, dedicada a facer excursións náuticas pola ría e que xestiona un acuario no Grove, anuncia a posta en marcha de programas pedagóxicos con colexios e centros educativos. Para toda a comunidade educativa do colexio de Castrelo foi unha grande satisfacción o saber que o material didáctico que se vai empregar nestes programas, elaborado en colaboración coa Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea”, baséase no traballo feito no seu día no noso colexio sobre o mar e que contara co apoio da Consellería de Pesca.
      As asociacións de pais dos colexios Antonio Magariños e San Tomé, que formaron un grupo de teatro (“Teatro Caracol”) para actuar ante os seus fillos, invítannos á representación de “A bela e a besta”, que terá lugar o 10 de febreiro. Alí, pois, acudiron os alumnos e alumnas de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de E. Primaria.
      No concurso de comparsas do Entroido recibe o primeiro premio o noso colexio, coa súa comparsa “Salsa Mora”.
      O 16 de marzo o curso de oitavo xira visita ao Parlamento de Galicia e Museo do Pobo Galego.
      Dentro das actividades de prácticas do cursiño de “Imaxe na escola”, que se fixera o ano pasado, o profesorado do noso colexio que participara nel, iniciou, coa colaboración do alumnado, unha recolleita de fotos antigas nos seus domicilios, que amosaban a vida, costumes, traballo e acontecementos da parroquia. Co interesantísimo material localizado entre o curso pasado e este, fíxose unha exposición durante os días das festas patronais (3 e 4 de maio), que houbo necesidade de ampliar quince días máis polo gran éxito acadado.
      Nos anuais concursos do Museo de Pontevedra, no “Emilia Estévez Villaverde”, de creación literaria, dúas alumnas de Castrelo conseguiron accésits, Miriam Abal González, na modalidade de narrativa, e Ángeles Fernández González, en poesía.
      No último ano que a firma de chocolates Nestlé convoca o seu concurso de collages, o colexio de Castrelo despídese cun novo premio, cun traballo inspirado en Simbad, xa que o tema deste ano era o de “contos infantís”. A fin de curso, profesores que dirixiron o grupo gañador asistiron, invitados pola firma patrocinadora, a un cursiño de Expresión Plástica en Sevilla.
      Remata o curso cunha boa noticia, a Consellería de Educación publica do Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de cuberta da pista polideportiva do colexio.