O COLEXIO 1995 - 2000

       Curso 1995-96
      Comeza o curso cunha homenaxe a unha exprofesora do colexio, Celsa Lastres Radío, por parte das que foran as súas alumnas na Escola Unitaria da Balada, na que impartiu clases dende o ano 1967, antes de que se construíra o novo colexio, ao que se incorporou dende o 1976 ata o 1979. A homenaxe celebrouse o día 9 de setembro.
      O 11 de outubro faise a presentación dun libro que recolle o froito de traballos escolares de moitos anos anteriores, “O campo en Castrelo”. É a primeira publicación dunha longa serie que  irá saíndo en sucesivos anos, baixo a responsabilidade do Equipo de Normalización Lingüística, e que irá tratando distintos temas, tanto de tipo etnográfico, como histórico, xeográfico ou literario, produto dos traballos feitos sempre polo alumnado.
      E guiados por este espírito de normalización lingüística os nosos alumnos seguen a colleitar premios no concurso de lemas da campaña de animación para o emprego do galego, que anualmente convoca o concello de Cambados. Este ano Pablo Dopazo Gondar é premiado polo seu lema “O galego non se desfixo nin se desfará. Se o falas ti, permanecerá”.
      As cámaras da Televisión Galega desprazáronse o 13 de decembro ata o noso colexio para gravar un programa nas aulas de Educación Infantil.
      No mes de febreiro recibimos con alegría a noticia de que un exalumno, Fernando Vázquez Cao, recibiu o Premio Extraordinario de Educación da Xunta de Galicia, ao remate dos seus estudos de bacharelato.
      Novamente no Entroido é gañadora a comparsa do colexio de Castrelo, co título de “Os cantareiros”.
      En aplicación da LOXSE, a Consellería de Educación publica a Rede de Centros, que contempla impartir no noso colexio a Educación Infantil e a Educación Secundaria. A Asociación de Pais de Alumnos, o mesmo que outras da zona, solicita que no colexio de Castrelo tamén se imparta a Educación Secundaria. Esta reivindicación non sería atendida polas autoridades educativas. Sen embargo, nos dous cursos seguintes, debido á escaseza de prazas nos institutos de Cambados, o CEIP de Castrelo foi autorizado a ter provisoriamente clases de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
      O 15 de maio, dentro do Ciclo de Teatro Infantil e Xuvenil da Semana das Letras Galegas, un grupo do noso colexio representa, na Sociedade Cultural de Cambados, a obra “Na taberna”.
      Se a principios de curso se facía a presentación dun libro editado polo Equipo de Normalización Lingüística, agora a finais, o 6 de xuño, tamén se presenta outra publicación, que toma como base, recollendo, actualizando e ampliando, o traballo premiado polo Museo de Pontevedra no ano 1991, “A medicina popular”.
     
      Curso 1996-97
      A empresa Acquavisión Galicia, que elaborara unhas guías didácticas a partires dun traballo  noso, consegue que a Deputación de Pontevedra subvencione visitas de centros escolares pola ría, con contemplación dos fondos mariños e do traballo nas bateas. Así, alumnos e alumnas da segunda etapa de EXB, en setembro, e de 3º e 4º en xuño farán unha viaxe pola ría en catamarán, con visita ao acuario do Grove.
      O 18 de novembro foi un gran acontecemento para todo o alumnado, coa actuación do coñecido Mago Antón, que encantou a grandes e pequenos.
      No concurso de lemas para a “Campaña de animación ó emprego do galego”, este ano consegue un premio o alumno de 1º de ESO Iago Radío Rodríguez, co lema “Falar galego é sentir galego”.
      Seguindo co espírito de íntima colaboración entre colexio e banda, uns días antes das vacacións de Nadal, a Banda de Música de Castrelo obsequiounos cun concerto.
      Este ano no que, de acordo co prescrito na LOXSE, desaparece a EXB, é tamén o último en que, por razóns de idade do alumnado, participamos por última vez no concurso de comparsas do Entroido. A despedida é cun primeiro premio á nosa comparsa “Magos Verdes”.
      E, como despedida, amais da viaxe de fin de estudos que, como xa dixemos, foi a Tenerife, fanse distintas actividades co curso de oitavo. Así o 21 de marzo, despois dunha marcha a pé dende Castrelo a Cambados, repóñense enerxías cunha comida campestre no monte da Pastora.
      A compañía de “Teatro Caracol”, formada por nais e pais dos colexios Antonio Magariños e San Tomé, fai no mes de maio unha nova representación no salón de actos do Instituto Francisco Asorey, á que acude a totalidade do colexio.
      Un día deste mesmo mes, na clase de Ciencias Naturais de quinto, ao tratar do tema das máquinas, xurdiu entre o alumnado a idea de traer algunhas das súas casas, para ver o seu funcionamento práctico en clase. A idea estendeuse a todo o colexio, e o que ía ser unha lección de tecnoloxía dun curso converteuse nunha exposición etnográfica de moi alto nivel, polo que se estimou oportuno abrila ao público. Máquinas, ferramentas e trebellos de todo tipo, do campo, de oficios, da casa, etc. compuxeron unha das mellores exposicións que se fixeron no colexio.
      Dentro do programa de “Viaxes culturais”, da Xunta de Galicia, o curso de 1º de ESO vai pasar dous días (12 e 13 de xuño) a Cabeza de Manzaneda.
      A finais de curso faise a presentación doutro libro editado polo Servizo de Dinamización Lingüística titulado “Xogos populares”, que tomaba como base o traballo feito durante o curso 84-85, e que foi premiado daquela polo Museo de Pontevedra.
      Coa implantación da Educación Secundaria, para o vindeiro curso pasarán a seguir desenvolvendo a súa función no IES Francisco Asorey os profesores  Teresa Cao, Adela Leiro, Francisco Movilla e Carmen Rodríguez.
     
      Curso 1997-98
      A principios de curso contamos cunha actuación moi novidosa. Patrocinado pola Deputación de Pontevedra instalouse no recinto do colexio un planetario móbil, que fixo as delicias de todo o alumnado.
      Como tamén foi unha novidade o tradicional belén montado con figuras de barro feitas polos propios alumnos e alumnas. Este ano o tema no que se baseou a montaxe foi todo o proceso de elaboración do viño.
      A TVG tiña un programa de humor titulado “A Repanocha”, no que ía xente a contar chistes, e fíxolle unha invitación ao colexio para participar no mesmo. Atendendo á mesma, o día 6 de marzo actuaron neste programa os alumnos Christian Pablo Oliveira Alfonso, Raquel Santos Parada, Carlos Heras Martínez e Roberto Vieites Martínez.
      A visita deste ano ao Parlamento de Galicia, por parte do alumnado de 2º curso de ESO, foi diferente a doutros anos, pois no día da visita (25 de marzo) había sesión plenaria, e todos puidemos ver en directo, o que só viramos antes por televisión.
      Como este ano non hai fin de estudos, xa que 2º de ESO terá unha continuación en 3º e 4º no instituto, non se programa a tradicional excursión de despedida; pero si se teñen distintas actividades, como a excursión ás fervenzas do río Toxa e mosteiro de Carboeiro.
      No último trimestre do curso, os profesores responsables da área de Plástica, coa idea de acercar o mundo da arte, solicitan a 25 artistas do Salnés a cesión dun cadro, que sería reinterpretado polos alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO, e despois trasladado a un mural no exterior do centro. A iniciativa, á que se denominou “Eles e nós”, tivo un gran éxito, e aínda hoxe se poden contemplar no valo exterior do colexio as reinterpretacións daqueles xovencísimos aprendices de artista.
     
      Curso 1998-99
      Empeza o curso cunha grata noticia, un exalumno do noso colexio, Juan Manuel Álvarez Serto, da promoción de oitavo de 1992, que cursou estudos de Formación Profesional, é distinguido polo Ministerio de Educación e Ciencia co primeiro premio, a nivel estatal, polo seu expediente académico e pola realización dunhas probas en Madrid.
      No mes de abril celébrase a “Semana da Prensa”, cunha exposición de xornais de todo o mundo e a confección dun mapa de radios e televisións da comunidade autónoma, e tamén se participa no programa de “Cine na escola” organizado por Caixa Galicia.
      E do cine pasamos ao teatro, co grupo “Caracol”, coa representación de “Peter Pan”, á que acude todo o colexio.
      O Servizo de Normalización Lingüística dedicou este curso a investigar o vocabulario no campo da gastronomía, e isto deu como resultado a publicación, no mes de maio, dun novo libro co título de “101 receitas con imaxinación”. Con este libro tamén se presentou o que se fixera o ano pasado, pero que non se editou a tempo para ser presentado daquela. O libro, baixo o título de “A parroquia de Castrelo” é un traballo que abrangue a súa xeografía, personaxes, lendas, arte e historia.
       Instaurado xa definitivamente o novo modelo de escolarización previsto pola LOXSE, que establece a educación primaria ata os doce anos, reconsidérase tamén o tipo de excursións de fin de estudos que se viñan facendo, e óptase por facer tamén unha cando os alumnos rematen a Educación Primaria en 6º curso, pero de menos días e a un sitio máis próximo. Inícianse neste curso as excursións polo norte, a Asturias e Cantabria, que se virían repetindo en anos sucesivos ata a actualidade.
     
      Curso 1999-2000
      Non ben acabou de empezar o curso, alumnos e alumnas de 5º e 6º, fan unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa, saíndo de Vilagarcía e con parada en Rianxo para xantar e visitar unha escola-obradoiro. 
      Despois de levalo intentando varias veces dende o curso 88-89,  concédeselle de novo ao colexio de Castrelo a participación no programa de “Escolas Viaxeiras”. Este ano, no mes de outubro, o desprazamento sería a La Rioja, convivindo con outros grupos de Molina (Murcia) e Sant Cinent (Cataluña), dende o 12 ao 18 de outubro.
      Polo Nadal, o Concello de Cambados organiza un concurso de postais e o debuxo gañador, que tamén é reproducido nos carteis anunciadores dos actos do Nadal, é da alumna de quinto Viviana Otero Padín.
      O mundo da informática empeza a introducirse en tódolos ámbitos sociais e, por suposto, o campo do ensino non pode ser alleo a este novo fenómeno. O colexio de Castrelo vai ser un dos primeiros da zona en optar por este camiño e, entre outras cousas, abre unha páxina web dentro de outra que puxera en marcha o organismo Eixo Atlántico, formado por distintos concellos galegos e portugueses, co enderezo www.xanela.com.
      Un ano máis a compañía de teatro “Caracol”, das APAs de Santomé e A. Magariños, obséquianos cunha nova representación, “A Cincenta”, o 4 de abril.
      Neste mesmo mes, o programa de “Cine na escola”, que iniciara o ano pasado Caixa Galicia, organiza nun cine de Cambados a proxección da película “Un mundo a su medida”, para os cursos 4º, 5º e 6º.
      A finais de curso a asociación Candea inaugura unha orixinal exposición, “O lixo vale”, con traballos feitos por escolares de toda a comarca do Salnés con materiais de refugallo; entre eles algúns do colexio de Castrelo, como unha bicicleta feita con pezas doutras.