O COLEXIO 2000 - 2005

      Curso 2000-01
      A entrada de España na Unión Europea non significou só ter unha única moeda, como así sucedería a partir do próximo ano; senón tamén a posibilidade de que centros escolares de todo o ámbito estatal puidesen participar en proxectos comúns con outros centros de Europa. O denominado Proxecto Sócrates contemplaba a realización dun programa común de traballo, con intercambio de experiencias, entre centros de Educación Primaria de Europa. Despois de máis dun ano de preparativos, o colexio de Castrelo, conseguiu que a UE aprobase un programa, baixo a nosa coordinación, con participación doutros seis centros europeos: Ecole Elementaire Les Jardins, de Thor (Francia); School Sint Vincencius, de Buggenhout (Bélxica); Scuola  Elementare di Baricella, de Malbergo (Italia); 7º Ecole Primaire Stafidalona d’Egio (Grecia); Ankarscolan de Träslövslage (Suecia); e Rolloskolen de Fakse (Dinamarca). O programa, baixo o título de “Tradición e Cultura”, tivo un carácter de investigación etnográfica sobre aspectos tradicionais, como os xogos populares, a medicina popular ou a gastronomía, e desenvolveuse durante este curso e os dous seguintes. Era a primeira vez que un colexio de Cambados se embarcaba nun proxecto deste tipo.
      Nas festas do Nadal, o concello de Cambados premia o debuxo do alumno de 5º Daniel Couceiro Blanco, que ilustrará as postais de felicitación do concello e o cartel anunciador dos festexos destas datas.
      Despois da celebración do Ano santo de 1999, a Xunta de Galicia inicia unha campaña de promoción do Camiño de Santiago entre os centros escolares, baixo o nome de “Ven ó Camiño”, que consiste en subvencionar o desprazamento ata unha das etapas e a durmida nun albergue de peregrinos. Neste primeiro ano alumnos e alumnas de quinto fixeron a pé un tramo da etapa Vilalba-Sobrado dos Monxes, no Camiño do Norte, aloxándose no albergue de Baamonde, entre os días 13 e 14 de febreiro.
      O Proxecto Sócrates tamén contemplaba o intercambio de profesores para reunirse e facer un seguimento dos traballos comprometidos, así como tamén ver a realidade doutros centros e intercambiar experiencias. Así entre os días 17 e 20 de febreiro membros do claustro visitan a Ecole Elementaire de Thor (Francia). Cara a finais de curso, nos meses de maio e xuño, estes intercambios multiplícanse, co desprazamento de distintas profesoras a Fakse (Dinamarca), a Altedo (Italia) e a Thor (Francia). Dende o 4 ata o 16 de xuño estivo con nós un profesor da Ecole Primaire de Stafidalona-Egio (Grecia).
      A Federación de Libreiros de Galicia, que levaba anos organizando os premios “Irmandade do Libro”, para premiar as iniciativas a prol da defensa e promoción do libro de medios de comunicación, autores, editoriais, institucións, colexios e libreiros, na súa X edición decide concederlle un accésit ao colexio de Castrelo, polo conxunto de traballos de investigación e edición de publicacións, organización da biblioteca, participación en actividades de fomento de emprego da lingua. O acto de entrega de premios celebrouse en Vigo. Co estímulo deste premio, o claustro pon en marcha, a finais de abril, a I Campaña de Animación á Lectura, coa compra de libros e promoción da biblioteca escolar. Para facer esta campaña máis atractiva ao alumnado créase incluso unha mascota, o trasno “Castrélix”, que acadou unha grande popularidade entre o alumnado, e que co tempo tamén sería o emblema acompañante de tódalas actividades do colexio. O tema da campaña centrouse no cómic, baixo o lema “Un cómic, un millón de aventuras”, e con tal motivo fíxose unha exposición de cómics de distintas épocas e tamén de distintos países, aproveitando os intercambios do Proxecto Sócrates. A editorial Santillana decidiu implicarse tamén nesta campaña, colaborando co patrocinio dunha sesión de contacontos na biblioteca.
      Esta campaña tomou o relevo doutra exposición “¿Para que serve un xornal?”, con motivo da Semana da Prensa, na que se amosaban nesta ocasión  xornais e revistas dos seis países participantes no Proxecto Sócrates. Coincidindo con esta mostra, alumnos e alumnas de 5º e 6º asistiron á charla impartida por unha ilustradora, Marta Riera, que lles explicou os secretos da técnica para facer eses debuxos que acompañan os textos dos libros, e que tanto nos gustan.
      Por outra banda a Consellería de Educación organizou este curso a campaña “Entre nós, en galego”, para promover e prestixiar a utilización da nosa lingua, e o CEIP de Castrelo, xunto cos de As Covas-Meaño e A Lama, foron os premiados a nivel provincial na categoría de “Actividades e experiencias de normalización nos centros educativos”. Estes centros tamén recibiron un premio a nivel galego nun acto celebrado en Santiago de Compostela o 18 de maio, onde lles foi entregado polo presidente da Xunta.
      Xa a nivel local, o alumno de 4º  Esteban Otero Martínez recibe o primeiro premio de lemas da campaña municipal de “Animación ó emprego do galego”.
      Entre as actividades de fin de curso destacan este ano a excursión de 3º e 4º ao parque de Bracalandia, en Braga (Portugal), a de 5º ás Illas Cíes, e a visita, que despois se repetiría en sucesivos cursos do curso de 6º ao obradoiro do internacional escultor, nacido nesta parroquia de Castrelo, Manolo Paz.
      Pero o acontecemento máis emotivo deste curso foi a celebración do XXV aniversario da creación do colexio. Despois de que, grazas á teimosía daqueles veciños que conseguiron os terreos necesarios, o colexio de Castrelo fose unha realidade a partir do ano 1976, moitos foron os acontecementos que nestes vinte e cinco anos se sucederon, como aquí vimos de sinalar. Todos eles, reflectidos en fotos, recortes de prensa, escritos ou traballos escolares, foron a base dunha exposición que, inaugurada o 1 de xuño, estivo aberta durante quince días, cun grande éxito de asistencia de exalumnos, exalumnas e veciñanza en xeral. Como remate aos actos conmemorativos, un xantar no que o actual profesorado confraternizou con antigos compañeiros e compañeiras de claustro.
      Finaliza o curso coa presentación dun novo libro editado polo Servizo de Normalización Lingüística sobre “Os cruceiros de Castrelo”
     
      Curso 2001-2002
       O Proxecto Sócrates segue a súa marcha encetada o ano pasado e, xa incluso antes do inicio das clases, empezan as actividades, como a xuntanza de coordinación celebrada en Fakse (Dinamarca), á que acoden representantes de Castrelo. No mes de febreiro tamén se participa en Egio (Grecia) na segunda reunión de coordinación. Nos programas de intercambio de profesorado, dous profesores e seis alumnos de secundaria de Fakse permanecerán entre nós dende o 6 ata o 12 de outubro; e  no mes de maio viaxarán a Suecia dous membros do claustro do noso colexio.
      E, por suposto, unha das consecuencias da entrada na Unión Europea foi a de ter unha moeda común, que entraría en vigor a principios de 2002. Para iso, para que o conxunto do alumnado se fose habituando ao uso da nova moeda, o 18 de decembro celebrouse unha charla no colexio, coa colaboración de Caixanova e a ANPA.
      Caixanoxa, no marco da súa obra social, organiza tamén distintas actividades culturais, como foron os concertos de música para escolares de Primaria que celebraba no teatro García Barbón, de Vigo, aos que acudiron os cursos de Educación Infantil o 14 de xaneiro e os de 1º, 2º, 3º e 4º o 11 de abril; ou a charla que deu un conferenciante no mesmo colexio, para os cursos 5º e 6º, sobre “Os cruceiros en Galicia”
      O Día da Paz, que se celebra a finais do mes de xaneiro, tivo este ano un significado especial, pois fíxose conxuntamente con tódolos colexios de Cambados, na praza de Fefiñáns, coa realización dunha cadea humana, lectura de manifestos, canto do “Himno da alegría”, e solta dun globo de papel e de pombas.
      Novamente vólvese participar no programa “Ven ó Camiño”, e o curso de 5º fai un tramo da etapa Ribadeo-Mondoñedo, con estancia pola noite no albergue de Vilanova de Lourenzá, e visita á cidade de Lugo.
      Por segunda vez a Federación de Libreiros de Galicia concédelle ao noso colexio un accésit nos premios “Irmandade do Libro”, nun acto celebrado na Coruña; e tamén por segunda vez a campaña “Entre nós, en galego”, da Consellería de Educación, distingue ao colexio co segundo premio provincial polas actividades e experiencias normalizadoras e, no apartado de carteis e lemas, á alumna Anadía Viñas Fraga (terceiro premio provincial en segundo ciclo) e ao alumno Daniel Couceiro Blanco (segundo premio provincial en terceiro ciclo).
      Seguindo coa campaña de animación á lectura, encetada o ano pasado, este ano, baixo o título “Mergúllate na maxia da lectura”, o eixe central sobre o que xirará a mesma será a maxia e tódalas súas facetas, dende as lendas ata as personaxes relacionadas con ese mundo. Dentro desta campaña dará unha charla o ilustrador Evaristo Pereira.
      Nun concurso de contos organizado pola Fundación Comarcal do Salnés, a alumna de 4º, Iria Torres Prieto, queda finalista co relato “Un conto de medo”.
     
      Curso 2002-03
      O mesmo có ano pasado, antes de comezar as clases, celébrase a xuntanza de coordinación de principio de curso do Proxecto Sócrates en Buggenhoutt (Bélxica).
      A principios de curso preséntase o libro editado no curso pasado polo Servizo de Normalización Lingüística, “Vellas fotos da parroquia de Castrelo”, que é un resumo de 250 fotografías das máis de mil recollidas polos alumnos nas súas casas, e que abarcan distintos aspectos da vida en Castrelo a través dos anos (retratos familiares, festas, oficios, música, folklore, actos relixiosos, diversións…).
      Entre o 8 e o 14 de outubro un grupo de alumnos e alumnas de quinto participarán no programa “Escolas Viaxeiras”, desprazándose a Puente la Reina (Navarra).
      Se houbo algún acontecemento externo á vida do colexio, que impactase fondamente na vida escolar, e na sociedade galega en xeral, ese foi o afundimento do petroleiro “Prestige”, fronte á Costa da Morte o día 13 de novembro. A súa pegada estivo presente en numerosas actividades ao longo do curso, creando un alto grado de concienciación medioambiental no alumnado. Confeccionáronse murais que reflectían a traxedia, participouse nunha manifestacións escolar en Cambados, formouse unha cadea humana no patio con motivo do Día da Paz, e foi tamén motivo de inspiración do belén que se fixo polo Nadal, e de intercambio de traballos cos colexios participantes no Proxecto Sócrates. E o mar, o fondo mariño, a súa riqueza, foi o tema que ambientou a campaña de animación á lectura deste ano co título “Un mar de libros”. Tamén o rexeitamento á guerra de Irak, no mes de abril, coa realización de murais e manifestos, estendeu esa conciencia a un sentimento pacifista.
      Fóra disto, foron numerosas as actividades levadas a cabo neste curso, destacando os desprazamentos de tódolos cursos a Pontevedra para ir a un concerto ou a ver unha obra de teatro en distintas datas de xaneiro, febreiro e abril; do 2º e 3º ciclos á Coruña (Casa das Ciencias, Domus, Acuario); do 1º ciclo en tren de Vilagarcía a Santiago; de 5º e 6º ao Museo de Pontevedra. Pero a experiencia máis interesante foi desde logo a protagonizada por un grupo de 35  alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º que participaron na campaña “A miña primeira viaxe en avión”, que patrocinada por Halcón Viajes, levounos de ida e volta a Madrid o 19 de marzo.
      No programa “Ven á Camiño” este ano participan dous cursos, quinto coa etapa Vilalba-Guitiriz, facendo noite no albergue de Baamonde, e sexto coa etapa Sarria-Portomarín, e estancia no albergue de Portomarín. Ao día seguinte os dous cursos fixeron unha visita ao Museo de Lugo e á cidade.
      Nun acto celebrado en Pontevedra o 15 de marzo, a Federación de Libreiros concédenos outra vez un accésit dos premios “Irmandade do Libro”, na categoría de centros de ensino.
      Unha alumna de segundo, Aldara García Ibáñez, é gañadora do concurso de lemas para o uso do galego, convocado polo concello de Cambados con motivo do Día das Letras Galegas, coa frase “Máis ca nunca, en galego”.
      Como este ano remataba o Proxecto Sócrates iniciado no 2000, entre o 13 e o 16 de xuño terá ligar no noso colexio a reunión de fin de proxecto, co fin de facer un resumo e avaliación de todo o traballo feito. A conclusión á que se chegou foi que o proxecto cumpriu cos obxectivos que se fixaran cando se iniciou, e que resultou unha experiencia moi positiva e enriquecedora, que nos anima a emprender novas iniciativas. Un libro, editado por tódolos colexios participantes, co título do proxecto “Tradición e Cultura”, e que se presentou neste acto, recolleu un resumo dos traballos feitos.
     
      Curso 2003-04
      As denominadas novas TIC (tecnoloxías de información e da comunicación) seguen o seu camiño imparable tamén no campo do ensino. O noso colexio, que xa viña incluíndo a materia de Informática nos seus plans de estudos, este ano vai participar en varias experiencias novas deste campo. Así particípase no programa “Netdays”, con outros colexios de Galicia, que inclúe a elaboración dunha páxina web na que colaboran profesorado e alumnado. Tamén, coa supervisión dunha profesora da Universidade de Santiago, particípase no proxecto “Educación e Internet”, baseado no intercambio de correos electrónicos con outros escolares de Brasil e Portugal.
      Pero o programa que ilusionou máis a todo o mundo, polo seu contido e porque tivo unha continuidade en sucesivos cursos, foi o de “Audiovisual nas aulas”, impulsado pola Consellería de Educación a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, para que os escolares se familiarizasen coa cultura e as imaxes audiovisuais. O programa, que este primeiro ano adoptou o título de “AU 2003”, levouse a cabo dun xeito experimental en só unha ducia de centros de toda Galicia, entre eles o noso, e consistiu nunhas charlas dadas por unha monitora enviada polo Consorcio Audiovisual, que por certo foi unha exalumna do colexio, Sabela Pillado Villaronga; e unha serie de actividades de tipo práctico, como foi a asistencia nunha sala de cine de Vilagarcía á proxección da película “El bosque animado”, a visita aos estudos de TVG, ou a presenza do actor Antonio Durán “Morris” no noso colexio, onde nos explicou a todos algúns segredos da súa profesión. E, dende logo, a satisfacción non puido ser maior, ao ver que a Consellería de Educación nomeaba como coordinador do programa para toda Galicia ao profesor do colexio Miguel Anxo Fernández Fernández.
      Antes de que chegase a primavera, no mes de febreiro, por parte de alumnos e alumnas, incluídos os máis pequenos de Educación Infantil, procederon á plantación dunhas sesenta árbores de especies autóctonas doadas pola Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia.
      Tamén nesta época, na que aínda vai frío, vinte e dous alumnos e alumnas, dos trinta e oito de 5º e 6º, tiveron a súa primeira experiencia de contacto coa neve o 1º de marzo, cando facían un tramo do Camiño de Santiago, entre O Cebreiro e Triacastela, dentro do programa “Ven ó Camiño”, con durmida no albergue de Triacastela, e visitas a unha granxa de polos, a un obradoiro artesanal de tecer e ao mosteiro de Samos. 
      Despois de levar nos últimos anos varios accésits nos premios “Irmandade do Libro”, neste a Federación de Libreiros de Galicia distínguenos co primeiro premio, nun acto que se celebrou en Ferrol, polo conxunto de traballos feitos no pasado curso na campaña de animación a lectura, co slogan de “Un mar de libros”. E na campaña de animación á lectura deste ano vai haber unha novidade. Á parte de que os alumnos se despracen a Cambados ou Pontevedra para ver teatro, a partir de agora tamén virán grupos de teatro ao colexio para amosarnos os seus traballos. O primeiro será  a compañía de Miro Magariños, que representará “O vendedor de paxaros”, unha orixinal mestura de traballo de actor e sombras chinescas.
      Atendendo á convocatoria do Museo Pedagóxico de Galicia, e na liña do traballo feito o curso anterior coas vellas fotos de Castrelo, organízase unha recolleita de fotos  antigas relacionadas co mundo infantil e escolar da parroquia, coas que se fai unha exposición. Esta exposición será distinguida polo museo co primeiro premio, entregado nun acto que se celebraría no curso seguinte, no mes de decembro.
      Dende a implantación da Educación Primaria e Secundaria en substitución da EXB, e tamén debido ao cambio de hábitos familiares, eran moitas as persoas que viñan demandando a implantación da xornada única escolar. Despois de varios anos de consultas, nunha votación realizada entre pais e nais, aprobouse por unha ampla maioría o establecemento da xornada única, para que entrase en vigor no seguinte curso.
      Para redondear este ano de tantas iniciativas novidosas, o escultor Manolo Paz, co que o colexio mantén dende hai tempo unha cordial relación, prestouse de xeito voluntario e totalmente gratuíto a realizar unha escultura para instalar no patio do colexio. Entusiasmados coa idea dende o colexio ofreceuse toda colaboración e xestionouse a doazón dunha pedra por parte dunha canteira, e o correspondente transporte grazas a unha empresa da parroquia. No proceso de  realización da escultura, que foi seguido con grande interese por tódolos alumnos e alumnas, colaboraron os escultores Moncho Pazos, Rafael Alba e Miguel Fandiño, estes dous últimos exalumnos do colexio. Nunha votación feita entre alumnos e alumnas decidiuse poñerlle o nome de “Pedra da auga”.
      E acaba o curso coa boa noticia de que a Consellería de Educación vai arranxar na súa totalidade o tellado do colexio, moi deteriorado, e que viña sendo demandada a súa reparación dende hai tempo.
     
      Curso 2004-05
      Despois da experiencia do curso pasado no programa de Audiovisual nas Aulas, a Consellería de Familia invita ao colexio de Castrelo a participar nun foro chamado “Os medios de comunicación e a infancia”, celebrado no mes de outubro, onde alumnos e alumnas, guiados por profesionais da TVG ocuparon tódolos postos necesarios para que un programa saia adiante: realización, guión, cámaras, técnicos de son e iluminación, maquillaxe, presentación…
      Este ano a Consellería de Educación elixiu o noso colexio para facer a presentación, presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación, ante os medios de comunicación das actividades do programa “Audiovisual nas aulas”, que se vai centrar na animación. Alumnos e alumnas confeccionaron figuras de plastilina para darlle vida a unha pequena curtametraxe elaborada baixo a dirección de monitores especializados.
      O programa “Ven ó Camiño” levounos a facer, en febreiro, un tramo entre Melide e Boente (Arzúa), durmindo no albergue de Melide e visitando a granxa de Castro de Rei, a cidade de Lugo, o mosteiro de Sobrado dos Monxes e unha queixería en Arzúa.
      Pola súa parte, a Consellería de Medio Ambiente inicia neste curso un programa, “Primavera viva”, co obxecto de concienciar á poboación escolar na conservación da natureza. Por encargo da consellería, monitores virán dar charlas ao colexio, acompañarannos en visitas por lugares de especial interese ecolóxico, monte Siradella, Roxique, O Bao, a ribeira de Castrelo… Entre os traballos feitos polos colexios participantes, o noso, que trataba sobre o cardo leiteiro, consigue o segundo premio provincial, consistente nun día de excursión ás Illas Cíes o 16 de xuño.
      Tamén un segundo premio provincial foi o que nos caeu no certame de música da campaña de normalización lingüística “Entre nós, en galego”, que se celebrou no auditorio de Lalín.
      No marco da obra cultural de Caixanova, tódolos alumnos e alumnas tiveron a oportunidade este curso de asistir, en distintas datas, a algunha das obras teatrais que se representaron no Pazo da Cultura de Pontevedra. Así pois, este ano, dentro da campaña de animación á lectura substituíuse o teatro por unha actuación do mago Rafa, ou por unha charla dunha señora xaponesa, que pasaba uns días de vacacións en Castrelo, sobre os costumes daquel país.
      Finalmente, co gallo do Día das Letras Galegas, entre os lemas escollidos no concurso de lemas que organiza o concello de Cambados para a campaña de fomento do galego, figuraba o da alumna Anadía Viñas Fraga, “Quero medrar sabendo falar galego”.