O COLEXIO 2005 - 2008

    
      Curso 2005-06
      Despois da avaliación positiva que se fixera ao remate do programa Sócrates (que agora denominarase “Comenius”) desenvolvido entre o 2000 e o 2003, e tamén despois dun ano de preparativos, neste curso comezamos outra experiencia europea. Baixo o título “A literatura popular, unha historia común”, o colexio de Castrelo vai coordinar durante tres cursos un novo programa no que participarán os centros: Heisenberg – Gymnasium, de Hamburgo (Alemaña); Collêge Laetitia Bonaparte, de Ajaccio (Córcega-Francia); Escola do 1º ciclo do Ensino Básico Pinhal, de Vila do Conde (Portugal); e Scoala cu clasele I – VIII nr. 5 “Ghita Mocanu”, de Onesti (Romanía). A reunión inicial celébrase no noso colexio o 19 de setembro, con asistencia de representantes de tódolos centros participantes, e xa mediado o curso, no mes de febreiro, farase en Ajaccio (Córcega) a primeira xuntanza de seguimento. Aínda que non figuraba entre as actividades programadas, grazas ás boas relacións establecidas, acordouse facer a finais de curso una excursión de intercambio co colexio de Vila do Conde, e así, o 1 de xuño recibimos aquí a visita de 70 alumnos e alumnas portugueses, e una semana despois, foron os cursos de 3º e 4º de Castrelo os que lles devolveron a visita. Durante o curso recolléronse contos e lendas que se plasmaron en murais, cómics, libriños, que se intercambiaron entre os colexios.
      A principios de curso toda a comunidade escolar foi testemuña dun deses fenómenos meteorolóxicos que se repiten de cando en vez, e que poden ser calificados de históricos polas persoas que teñen o privilexio de vivilo, como foi cando a nevada do ano 87. O día 3 de outubro produciuse un eclipse anular de sol, que puido ser contemplado sen problema por todos grazas a  unhas lentes especiais.
      Empeza xa a ser máis habitual que hai anos a concesión de asistencia ás “Escolas Viaxeiras”, e este ano un grupo de alumas e alumnos de 4º e 5º desprázanse a Burgos, onde compartirán experiencias con outros grupos de Arrecife (Lanzarote) e de Cretas (Teruel).
       Polo labor feito  nas sucesivas campañas de animación á lectura e organización da biblioteca, a Asociación de Libreiros de Galicia vólvemos a distinguir este ano con outro premio (1º accésit), nun acto celebrado en Viveiro; e a nivel municipal son seleccionados os relatos de tres alumnas de 6º, Caterina dos Santos, Atenea Prado e Tamara López, para optar ao premio nacional convocado pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil.
      Outro premio acadado foi o primeiro no concurso “Mergullándonos nas Illas Atlánticas”, organizado polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, ao mellor mural representativo dos valores naturais destes espazos, e que consistiu nunha excursión á illa de Ons.
      O programa “Ven ó Camiño” toca ao seu fin este curso, pois a Xunta de Galicia non volvería a convocalo. Nesta última edición fixemos un tramo, no mes de maio, dende O Cebreiro ata Hospital, con durmida no albergue do mosteiro de Samos, e visitas á cidade de Lugo, factoría de Leite Río e Aula de Natureza de O Veral.
      A música tamén tivo o seu protagonismo este curso, con charlas-concertos do grupo Ardentía, o 15 de novembro,  e do gaiteiro Xaquín Xesteira, o 11 de maio.
      O programa “Audiovisual nas Aulas”, amais das charlas e traballos de aula, contou coa presenza dun equipo de TVG  no colexio que gravou un programa feito polos alumnos, que elaboraron o guión baseado en parodias de diferentes programas da televisión; e que foi emitido despois por esta canle. Ao remate do curso os escolares visitaron os estudos de TVG e participaron como público nun dos programas.
      Despediuse o curso coa aprobación pola Consellería de Educación das obras de peche da pista deportiva, converténdoa nun verdadeiro pavillón.
     
      Curso 2006-07
      Proseguindo co programa Sócrates encetado o ano pasado, neste curso celebraranse dúas xuntanzas de seguimento e coordinación. A primeira, na segunda semana de outubro, en Hamburgo; e a segunda, o 5 e 6 de febreiro, en Vila do Conde. Compre destacar o mérito do profesorado do colexio de Onesti (Romanía) que, a pesar de que o goberno do seu país non lle concedeu axuda económica para a prórroga do proxecto, decidiu seguir participando de xeito particular no mesmo.
      As obras de peche da pista cuberta motivou que, por razóns de seguridade, durante unhas semanas, parte do patio de recreo estivese vedado para o lecer infantil, pero o resultado final compensou. O colexio de Castrelo conta xa cun pavillón que vai  permitir que as clases de educación física e a práctica de deportes se poidan levar a cabo en calquera época do ano.
      Foi unha satisfacción para todos que, con motivo da presentación en Santiago, a primeiros de outubro, do programa “Audiovisual nas Aulas” para este curso (AU 2006), se proxectase, como exemplo do traballo feito,o programa de televisión elaborado no noso centro o curso pasado. Este curso a actividade práctica centrouse na filmación de curtametraxes con teléfonos móbiles, e na visita en Santiago á exposición “Galicia dixital” o 25 de abril.
      Para recoller o premio conseguido no concurso “O Parlamento: a túa Casa”, organizado polo Parlamento de Galicia, alumnos e alumnas de 6º e 5º viaxaron o 19 de outubro a Santiago, onde participaron na simulación dunha sesión parlamentaria, visitaron o Museo Pedagóxico de Galicia e fixeron unha curiosa xira polos tellados da catedral.
      A defensa dos animais foi o tema dunha charla dada por representantes da Sociedade Protectora de Animais, de Cambados, o día 28 de novembro, no noso colexio.
      A campaña de animación á lectura deste ano tivo como lema “A lectura, unha ilusión”, baseada no mundo do circo e da maxia, que foi ambientada, como non podía ser menos coa actuación, o 21 de maio, do mago Javier Muro. No mes de novembro xa se fixera tamén a presentación do libro “Que medo!”, que recolleu os traballos, feitos no ámbito do proxecto Sócrates, de plasmar literaria e graficamente aquelas personaxes imaxinarias ( e ás veces reais) creadas pola tradición da zona para asustar aos máis pequenos. A asistencia a representacións teatrais este ano foi destacada, coa viaxe de distintos cursos a Pontevedra, ao Auditorio de Caixanova, en dúas ocasións, novembro e febreiro; e ao Auditorio de Cambados de tódolos cursos, o 5 de marzo.
      Un ano máis, a Federación de Libreiros de Galicia concédenos, en Carballo, un accésit polos traballos de dinamización da lectura e da biblioteca feitos no curso pasado.
      E, aínda que este ano a Xunta de Galicia non levou adiante a actividade de “Ven ó Camiño”, con durmida nun albergue, o programa Xacobeo, dependente da Xunta, si patrocinou saídas dos colexios a puntos do Camiño no mesmo día; e así alumnos e alumnas de 5º e 6º puideron andar un tramo da etapa de Melide a Arzúa.
      O Servizo Preventivo Asistencial de Dogrodependencias, que xa viña desenvolvendo o seu labor dende hai anos na comarca, con charlas e actividades nos centros escolares, promove a finais de curso un concurso de carteis entre os alumnos e alumnas participantes nestas actividades, e dálle o segundo premio ao cartel “Sen alcohol e sen tabaco a túa vida molará mazo” elaborado por Antía Arosa González, Patricia F. Cousido, Aldara García Ibáñez, Paula Gondar Núñez, Iria Gondar Santorum, Sandra Romero Álvarez e Damián Gómez Figueiras, de 6º curso.
     
      Curso 2007-08
      Comeza o curso con importantes novidades. O 1 de outubro, o director, Carlos Rábade Pallares, comunícalle ao claustro do colexio o seu nomeamento como inspector para a provincia de Lugo,cesando xa que logo no seu destino no colexio, despois de vinte e nove anos no mesmo, dos que vinte e oito ocupou o cargo de director. Por este curso farase cargo da dirección o xefe de estudos, Xoán Antonio Pillado Silvoso, xa que ao rematar xubilarase, despois tamén de trinta anos de servizo no centro. O equipo directivo complétase con Soledad Oubiña Millán, como xefa de estudos, e Ángel Ucha Cochón, como secretario, que xa o viña sendo dende o ano 1997.
      Este curso tocaba rematar o proxecto Sócrates iniciado no ano 2005, e despois da última xuntanza de coordinación, feita a principios de curso, en Ajaccio (Córcega), correspondeunos, como centro coordinador, organizar a sesión de clausura, que se fixo entre os días 20 e 24 de xuño. O profesorado dos centros participantes, de Hamburgo, de Ajaccio, de Vila do Conde, de Onesti e de Castrelo, fixo un balance totalmente positivo, xa que o coñecemento das distintas literaturas populares, que, por certo, demostrouse que ás veces non eran tan distintas, permitiunos a todos unha mellor comprensión da sociedade europea. Antes, no mes de decembro, fixérase a presentación do libro “Unha chea de contos”, unha selección de contos populares recollidos polo alumnado nos cursos anteriores, de acordo cos obxectivos do programa. A presentación deste libro reflectiuse dias máis tarde no programa cultural da TVG “Libro aberto”. Como última actividade de intercambio cómpre salientar que o día 6 de xuño recibimos de novo a visita de profesoras e alumnos da Escola Pinhal de Vila do Conde, aos que obsequiamos cunha representación teatral de títeres e unha visita por Cambados en tren turístico.
      A especial relación do mundo do audiovisual co noso colexio plasmouse tamén noutros feitos. O 3 de outubro, alumnos e alumnas de 6º actuaban como figurantes na rodaxe dun episodio da serie “Efectos Secundarios”, que a produtora CTV facía para a  TVG; e esta mesma produtora o 30 de maio realizaba no noso centro un casting para seleccionar rapaces que participarían no programa, tamén da TVG, “O país dos ananos”, no mes de setembro do curso seguinte. Por suposto, seguimos a participar no proxecto “Audiovisual nas Aulas”, que nesta ocasión se centrou na realización de videoclips; e que na súa presentación en Santiago, na sede do MUPEGA, coa presenza da conselleira de Educación, contou coa intervención da alumna do colexio, Andrea Falcón Leal, en representación do alumnado participante no proxecto. 
      Entre os días 6 e 12 de novembro, un grupo de alumnos e alumnas de 6º desprázase a Zaragoza para participar no programa “Escolas Viaxeiras”, convivindo estes días con grupos da Kurtzebarriescola de Aretxabaleta (Guipúzkoa) e do Colegio Rural Agrupado Río Yeltes de Villavieja de Yeltes (Salamanca).
      Coa chegada do Nadal, a asociación de comerciantes de “Cambados Zona Centro” convoca un concurso de postais, que é gañado polo alumno de 6º Manuel González Rodríguez. Outros premios conseguidos foron o de lemas para o fomento do emprego do galego, por Crístofer Martínez, no mes de maio; e o de carteis convocado polo Servizo Preventivo Asistencial de Dogrodependencias, a un traballo presentado por Araceli Fernández, Fátima Chaves, Andrea Castro, Elena Fontenla e Jorge González, de 5º, tamén en maio.
      A asistencia a representacións teatrais este ano tamén foi destacada. Amais da sesión de títeres cando a visita do colexio de Vila do Conde, acudiuse  ao Auditorio de Cambados o 25 de outubro, ou ao de Caixanova en Pontevedra en tres ocasións: febreiro (1º e 2º), marzo (3º e 4º) e abril (5º e 6º). Esta mesma entidade patrocinou unha viaxe en tren dos cursos de Educación Infantil e 1º dende Pontevedra a Vigo.
      E no eido do medio ambiente as actividades tamén foron varias. A primeira foi a asistencia dos cursos 5º e 6º á exposición “Máis que auga”, organizada por Caixa  Galicia no Auditorio de Cambados, o 20 de decembro. “Cambados á beira do mar”,   unha actividade coa colaboración da Federación Galega da Cultura Marítima, a Confraría de Cambados e a asociación Guimatur, permitiu que alumnos e alumnas de 6º puidesen facer unha xira pola ría nun barco de cerco e que recibisen unha explicación práctica no areal do Serrido de cómo se apaña marisco por parte de mariscadoras profesionais. Caixa Galicia organizou tamén a “Operación Carballo”, consistente en repoboar de carballos os montes de Galicia, e o 26 de marzo alá fomos, a Ribeira, ao monte de San Roque, a participar con outros colexios na plantación de carballos. No mes de maio, despois dunha charla preparatoria, alumnos e alumnas de 5º foron á Illa de Ons, convidados polo Padroado do  Parque Nacional das Illas Atlánticas.
      Unha das liñas de actuación do colexio foi a de apoiar iniciativas de exalumnos e exalumnas, como foi, por exemplo, o caso da asociación xuvenil “Xurdir”, ou que tivesen libre acceso ás pistas para a práctica de deportes. Este ano un grupo de amantes da informática organizou unhas xornadas de convivencia, baixo o nome de “Salnés Party”, que se celebraron os días 1 e 2 de maio.