Skip to Content

CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO

Durante estes días colaboraremos coa Campaña Solidaria Mariola de recollida de roupa e calzado en beneficio da ONG Global Humanitaria. A recollida terá lugar o vindeiro xoves 7 de marzo e levarase a cabo no noso centro, polo que se estades interesados en participar, agradecémosvos que traiades a roupa e calzado que consideredes na bolsa que vos enviamos ou en calquera outra bolsa, antes dese día.

 

Para máis información sobre esta Campaña e o proxecto co que colabora Mariola podedes consultar a súa web: https://www.csmariola.com/solidarios/

 

          

CONFERENCIA ACOSO E CIBERACOSO ESCOLAR

Estimadas familias,

Queremos convidarvos á Conferencia que terá lugar no noso centro o vinderio mércores 6 de marzo ás 16:30, sobre Acoso e Ciberacoso impartida polo Equipo do Plan Director da Garda Civil de Lugo (Héctor Méndez, psicólogo formador especializado en Acoso Escolar) coa colaboración de Educando en Familia.

Tendes máis información sobre en que consisten estas charlas no código QR.

Agardámosvos!!

 

Semana de Entroido

Boas familias!

A semana que vén celebramos o Entroido no cole e, coma sempre, relacionámolo co proxecto que estamos a traballar dende Bibliocervo, que nesta ocasión é "Namor-Arte" e a temática principal serán as emocións.

A organización será a seguinte:

  • LUNS: "Correr a auga". Para ese día é necesario traer unha muda completa para cambiarse ao finalizar a actividade. Traerán tamén botellas, pistolas... ou algún utensilio que sirva para mollarse (si se reutilizan botes ou botellas de outros productos temos que asegurarnos que veñan ben limpos e sen restos). A festa será de 13:00 a 13:45 e estades convidados a vir!
  • MARTES: Pequena caracterización de bebé.
  • MÉRCORES: Pequena caracterización de ancián.
  • XOVES: Disfrace libre! (os elementos que poidan causar algún dano, como espadas, lanzas...poderán ser retirados).
  • VENRES: Para este día agradecemos a vosa colaboración traendo postres típicos de Entroido para degustar no recreo (o recipiente ten que traer o nome da nena/neno para identificalo). Desfile de Entroido! Ás 12:30 comezará o desfile ata a Praza do Souto, se o tempo o permite (senon será no pavillón). Por suposto, estades tamén convidados!

Ponencia "Adolescencia, saúde, tecnoloxía e convivencia"

O vindeiro xoves 25 de xaneiro de 16:00 a 18:00 terá lugar na biblioteca do noso centro unha ponencia sobre adolescencia, saúde, tecnoloxía e convivencia. Animamos a todas as familias do alumnado a asistir. Tamén poderán asistir outras familias da contorna ou persoas relacionadas coa educación.

Antonio Rial Boubeta é doutor en psicoloxía social e profesor na Universidade de Santiago de Compostela na área de Ciencias do Comportamento. Lidera desde hai máis dunha década estudos sobre mocidade, tecnoloxía e saúde; unha tríade que analiza e observa desde a evidencia científica co fin de favorecer un uso das pantallas menos problemático.

Reserva de praza IES Marqués de Sargadelos 2024/25

O alumnado de 6º de Primaria que pretenda continuar os seus estudos no IES Marqués de Sargadelos, para os efectos de RESERVA DE PRAZA neste, deberá presentar no centro de orixe (CEIP de Cervo) ou a través da aplicación “admisionalumnado” o formulario normalizado ED550A (Anexo I e Anexo I-bis) do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro.

As familias poderán cumprimentar as solicitudes de reserva a través destas tres opcións:

  • Informaticamente e presentala de xeito manual no centro, desde a páxina web do centro (máis abaixo pódese descargar o formulario) ou a través da aplicación “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) no menú: Solicitudes - Reserva – Crear

  •  Cubrila informaticamente e asinala en Sede Electrónica (para o que se precisa de Chave 365 ou certificado dixital) a través da aplicación “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) no menú: Solicitudes - Reserva – Crear; sendo esta a canle preferible de presentación.

  •  De xeito manual e presentala asinada presencialmente no centro de orixe: CEIP de Cervo (solicitando o Anexo I e o Anexo I-bis en secretaría).

IMPORTANTE:

  • Esta solicitude deberase presentar no centro educativo de orixe(CEIP de Cervo) ou en calquera dos lugares que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, incluída a SEDE ELECTRÓNICA, para o que se precisará de Chave365 ou certificado dixital.
  • O alumnado que ten reservada praza no centro adscrito, se desexa presentar solicitude de admisión noutro centro distinto deberá comunicar por escrito a renuncia á reserva antes do 29 de febreiro de 2024.

  • O alumnado que NON continúe os estudos no centro adscrito (é dicir, os que decidan ir a outro IES que non sexa o IES Marqués de Sargadelos), non poderán reservar praza, e directamente presentarán a Solicitude de Admisión no mes de Marzo no IES no que desexen matricularse (nos primeiros 20 días dese mes).

Descarga o formulario para a reserva de praza AQUÍ

Familias que contan! Curso 2023-2024

Queridas familias de Bibliocervo!

Debido ao éxito do curso pasado da proposta FAMILIAS QUE CONTAN!, este ano propoñemos unha nova edición. Gustaríache vir ao centro a contar un conto?

Sorriso QUEN? Nesta proposta pode participar calquera membro da Comunidade Educativa: mamás, papás, avoas, avós, tías, tíos, primas, primos, mestras, mestres, persoal non docente... que teña gana de pasar un tempo agradable connosco!

Sorriso QUE? A finalidade será contar un conto.

Sorriso CANDO? Preferiblemente na hora de ler (de 12:30 a 13:00) pero adaptámonos aos vosos horarios, sempre que sexan dentro do horario lectivo.

Sorriso ONDE? Pódese facer de maneira presencial en Bibliocervo ou a través da proxección dun vídeoconto previamente gravado.

Sorriso COMO? A persoa "contacontos" será a que escolla tanto o formato (presencial ou cun vídeo), como a maneira de contar o conto (a través da lectura, dunha representación teatral, de títeres, cantando, recitando...). Todas as opcións son válidas!

Sorriso PARA QUEN? Este punto tamén será escollido pola persoa "contacontos". Pode ser un conto para todo o cole ou un conto para o grupo da nena/o co que garda a relación.

Se queres formar parte deste "Club de Contacontos", non o penses máis... Cumprimenta o seguinte formulario cos datos requeridos e eu, Puca, poñereime en contacto contigo para concretar a actividade. 

Agardamos os vosos contos, queridas familias!

Bicos e apertas a moreas

Leite na escola

 

Grazas ás axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido ao alumnado de centros escolares, o centro poñerá a disposición de todo o alumnado que o desexe, na hora da merenda, leite líquido (1 brick de leite enteira de 200 ml) dende o luns 15 de xaneiro ata o 9 de febreiro.

Bono deporte

Con motivo do programa Bono deporte da Xunta de Galicia informamos que as familias do alumnado de 2º a 6º de Primaria (por estar inscritos en XOGADE) poden solicitar o bono de 120€ para gastar en material deportivo nos establecementos adheridos ao programa ou para a contratación de servizos relacionados coa práctica de actividade deportiva (incluídas cotas de clubs deportivos)

Para facelo deberán entrar no seguinte enlace (SOLICITAR BONO) e completar os datos tendo en conta o seguinte:

  • En "Tipo de actividade" (apartado 1) seleccionar: ESCOLAR.
  • No campo "Identificador Xogade 2023" deberedes poñer as iniciais do alumno seguidos da data de nacemento (XXXDDMMAA).

Por exemplo: o identificador Xogade de Xosé Luis Maseda López 09/01/2015 sería XLML090115.

Normativa aplicable:ORDE do 5 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte, se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestadores de servizos deportivos (código de procedemento DE402D).

IX Concurso traballo por proxectos

A comunidade educativa do CEIP de Cervo está de celebración!

O noso colexio foi un dos 2 centros galardoados na modalidade 2.b) (proxectos de investigación internivelares) do IX Concurso de Traballos por Proxectos grazas ao proxecto internivel levado a cabo durante o curso 2022/23 polas aulas de 5º e 6º de Primaria: "Un paseo ao longo da historia: a evolución da escritura e das bibliotecas". 

A continuación podedes ver:

Calendario CEIP de Cervo 2024

Dende o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) deixámosvos aquí o calendario do ano 2024 feito polas diferentes clases. Este é un dos produtos finais do Proxecto Documental Integrado do noso centro neste curso 2023/24, Namor-arte.

Fai clic na imaxe para ver o calendario 2024 completo

Unha nova viaxe 2023

Boas familias!
Outro ano máis presentamos o cartel da campaña “Unha nova viaxe”. Esta proposta consiste en trocar un libro expurgado de BiblioCervo por un xoguete en desuso. Podedes atoparnos no Punto Lector os días 18, 19, 20 e 21 de decembro de 12:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 soamente o luns. Que xoguetes se poden traer? Bicis sen pedais, motos, xogos, quebracabezas… coa condición de que xa non se usen! Desta maneira, estaremos dándolle unha segunda vida tanto aos libros como aos xoguetes. Moitas grazas de antemán!

Campaña solidaria recollida de alimentos

O alumnado de 3° e 4° de primaria está levando a cabo unha campaña de recollida de alimentos solidaria para doarllo ao banco de alimentos da Mariña. Aproveitando este Produto Social Relevante estase a traballar o currículo das diferentes áreas, estreitamente relacionadas co obxectivo 2 "Fame cero" da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible e a metodoloxía de aprendizaxe e servizos. Agardamos a vosa participación para que este Nadal a nosa veciñanza teña os alimentos necesarios para unha boa alimentación.

Ugly Christmas Sweater Day

“Ugly Christmas Sweater Day” (O día do xersei feo de Nadal)

Dende o Departamento de inglés propoñemos unha dinámica de Nadal para o vindeiro VENRES 15 DE DECEMBRO ao máis puro estilo americano para ir festexando a "case" chegada das vacacións! Animámosvos a vir ao cole vestidos/as cun xersei decorado con motivos navideños, ben hortera e divertido. Neste caso rompendo con toda regla estética de menos é máis. Será un día para vir moi rechamangueiras/os. Non será preciso mercar nada, podemos deseñar os nosos propios xerseis con cousas que atopemos pola casa e ser ben orixinais.

Folga profesorado 28N

ORDE do 10 de novembro de 2023 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino público convocada para o día 28 de novembro de 2023

"As organizacións sindicais CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá das 00.00 ás 24.00 horas do día 28 de novembro de 2023"

"Artigo 1. Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a dirección ou membro do equipo da dirección. [...] En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros."

Seguindo o establecido no artigo 2 da mesma Orde, a designación nominal do persoal que deberá cubrir os servizos mínimos está publicada no taboleiro de anuncios do noso centro.

Folga xeral 24N

ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 24 de novembro de 2023

"O Sindicato para la Solidaridad de los Trabajadores de España comunicou unha convocatoria de folga xeral para a totalidade das persoas traballadoras das empresas e organismos públicos de España, que se iniciará ás 00.00 horas do día 24 de novembro de 2023 e finalizará ás 23.59 horas dese mesmo día"

"Artigo 1. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

1. 6. 3. Centros docentes non universitarios de titularidade pública:

– A dirección ou membro do equipo da dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

– Unha persoa de cociña nos centros ordinarios con comedor escolar de xestión directa.

– 1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría."

Seguindo o establecido no mesmo artigo 1.6.3. a designación nominal do persoal que deberá cubrir os servizos mínimos está publicada no taboleiro de anuncios do noso centro.

As 3 rutas de transporte de Cervo figuran nos servizos mínimos establecidos no anexo II da Orde, polo que deberían funcionar con normalidade.

Froita na escola

A partir deste mércores 22 de novembro e ata final de curso, o centro ofertará froita a media mañá a todo o alumnado do centro.

Froita ecolóxica

Grazas ás axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido ao alumnado de centros escolares, o centro subministrará froita fresca ecolóxica a todo o alumnado de todos os niveis na merenda de media mañá durante 10 días lectivos consecutivos en 2 períodos.

  1. O primeiro período será dende mañá mércores 22 de novembro ao 5 de decembro, ambos incluídos. Nestes 10 días repartiranse 5 froitas de tempada, unha cada día (cada froita repartirase 2 días alternos): caqui, pera, mandarina, plátano e kiwi.
  2. O segundo período está previsto para abril con froita da tempada primavera-verán. Avisaremos cando se aproxime ese período para informarvos das datas exactas.

Froita o resto do curso

Ademais da froita ecolóxica que se repartirá nos períodos indicados no punto anterior, o comedor escolar ofertará o resto dos días dende agora e ata final de curso cada día unha froita para a merenda de media mañá ao alumnado de todo o centro.

Estas accións teñen como obxectivo familiarizar ao alumnado co consumo habitual de froita. O éxito da mesma depende moito da colaboración das familias e por iso vos pedimos que lles faledes da importancia de consumir froitas e verduras a diario para complementar a educación en hábitos saudables que facemos nas aulas. Se van consumir a froita que se oferte dende o centro, non é necesario que traian merenda. De todas formas, poden seguir traendo merenda se non van querer froita ou se queredes complementala con algún outro alimento saudable.

Leite

Grazas ás axudas mencionadas anteriormente tamén se ofertará leite durante 20 días lectivos no mes de xaneiro.

Ollo ao piollo

Detectados no centro algúns casos de pediculose (piollos), recomendámosvos que revisedes aos nenos e nenas e, en caso de descubrir miúdas ou piollos, aplicar o tratamento de hixiene e desparasitación axeitado para evitar o contaxio aos demais.

Téñase en conta que a escola é un dos lugares máis comúns para a proliferación do piollo (o contaxio é sumamente fácil).

Contaxiar pediculose non implica necesariamente ter hábitos hixiénicos deficientes. Pero erradicala, evitar a anidación e posterior propagación, si que dependen da boa hixiene. Para evitar a propagación, as persoas contaxiadas e quen vive e se relaciona habitualmente con elas deben lavarse cun champú especial, seguindo o tratamento de forma completa.

 Consellos para librarse definitivamente de tan desagradables visitantes:

  • Non só revise á persoa infectada. Mire tamén os seus irmáns e persoas adultas coas que se relaciona frecuentemente.
  • Para eliminar os piollos dos utensilios de uso persoal (peites, cepillos, etc.) póñaos en auga fervendo durante dez minutos ou láveos co champú ou loción piollicida.
  • A clave para erradicar os piollos non é o uso de produtos químicos senón a prevención.
  • Moitas pediatras recomendan repetir un segundo tratamento aos sete días de facer o primeiro.

Magosto 2023

Este venres 10 de novembro celebraremos o Magosto no cole con degustación de castañas asadas proporcionadas pola ANPA e a realización de varios xogos tradicionais. Este ano contaremos coa visita de varias persoas da Asociación Sociocultural ASCM de Ferrol para a realización de xogos tradicionais dentro do programa "Activad@s no envellecemento" mediante o que se realizarán actividades interxeracionais co alumnado do centro, ensinando o voluntariado da asociación xogos tradicionais da súa época e o alumnado ensinándolles xogos actuais.

As familias do alumnado estades invitadas a ver os xogos de 13:00 a 14:15, que previsiblemente se realizarán no pavillón. Lembramos que o alumnado debe permanecer co profesorado ata as 14:35.

Conforme ao disposto na normativa vixente en materia de protección de datos persoais, as persoas asistentes poderán gravar imaxes do evento exclusivamente para o seu uso persoal e doméstico. A difusión das imaxes captadas polas familias e demais asistentes fóra do ámbito privado, familiar ou de amizade, por exemplo, mediante a súa publicación na Internet accesible en aberto, será responsabilidade única daqueles que leven a cabo a devandita comunicación, que requiriría o consentimento de todas as persoas afectadas.

Café con libros 2023/2024 - Primeira xuntanza

Queridas familias.

Estamos de novo por aquí para darvos unha nova! Este ano temos unha proposta froito das peticións que algunhas de vós nos levades facendo ao longo destes últimos cursos: un CAFÉ CON LIBROS! Moitas veces botamos en falta un espazo para compartir experiencias, diferentes puntos de vista ou, simplemente, anécdotas. É por iso que Puca, vai organizar un "Café con libros" trimestral coa finalidade de xuntarnos, compartir e de gozar dun delicioso café. Que vos parece a idea?

A continuación, deixamos toda a información sobre a xuntanza deste primeiro trimestre e, se queredes anotarvos, só teredes que cubrir a información que vedes na parte inferior da entrada. 

Sorriso Que? Xuntanza para compartir inquedanzas e reflexións sobre o libro "Sentir" de Miriam Tirado, acompañadas dun café e/ou té e de saudables petiscos. 

Sorriso Como? Con gana de pasar un tempo agradable e co único requisito de ter lido previamente o libro de Miriam Tirado. 

Sorriso Cando? O xoves 14 de decembro de 16:00 a 18:00.

Sorriso Onde? En Bibliocervo.

Teredes ata o luns 11 de decembro para anotarvos. Se queredes ler máis información sobre a obra de Miriam, premede na seguinte imaxe.

Agardámosvos!

Bicos e apertas a moreas.

Folga profesorado 24 de outubro

ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino público convocada para o día 24 de outubro de 2023

" A organización sindical CIG-Ensino comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá desde as 00.00 horas ás 24.00 horas do día 24 de outubro de 2023."

"Artigo 1. Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a dirección ou membro do equipo da dirección. [...] En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros."

Seguindo o establecido no artigo 2 da mesma Orde, a designación nominal do persoal que deberá cubrir os servizos mínimos está publicada no taboleiro de anuncios do noso centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut