Skip to Content

Magosto!

Queridas nenas e nenos!

Que tal a fin de semana despois dun venres tan movedizo? Descansáchedes? Para min foi marabilloso vervos tan contentas e contentos. Que vos parece se facemos un breve resumo para non esquecernos de todas as cousiñas que fixemos?

Ao longo da semana, elaboráchedes os diferentes cestiños (con material de refugallo) para botar as castañas. A verdade é que quedaron ben bonitos... Mirade aquí: Cervonatura

O venres comezamos o momento de lecer degustando unhas deliciosas castañas. O tempo agasallounos cun ceo despexado e un sol radiante, o que nos permitiu estar todos os grupos fóra e comelas ao aire libre. Estaban riquísimas! Grazas á ANPA por mercalas, picalas e axudarlle a Pepe a asalas!

Xa co bandullo cheo, organizámonos en grupos para facer diferentes xogos populares. As máis pequerrechas/os do cole pasaron un bo tempo cos zancos, os sacos, as perinolas, a corda... En canto aos cursos de EP, fóronse rotando en xogos como a diana, a mariola, a xogatira, o pano, a comba e o sete e medio.

Agardo que desfrutarades tanto coma min. As fotos reflicten que si Guiño

Agora, moita forza para comezar esta semana, a cal agocha algunha que outra sorpresiña.

Bicos e apertas (con distancia) a moreas.



blog | by Dr. Radut