Skip to Content

Día da Paz e da Non Violencia

Bo día a todas e todos!

Como estades?

Lembrades que día conmemoramos este domingo? Creo que non hai ningunha dúbida despois de todo o que estivemos a traballar este mes. A continuación, vou facer un recorrido por algunhas das actividades e elaboracións que levamos a cabo ao longo desta primeira parte do período PAZ, AMOR e ROCKSALÍA. Parécevos?

Despois de investigar varias semanas sobre a paz, a paz interior, o ioga, o mindfulness... o venres, Nuria (profe de ioga), puxo o "broche de ouro" visitándonos e facendo con nós unha práctica na cal aprendimos a facer diferentes Asanas e comprobamos a forza que teñen os Mantras para axudar a relaxarnos. Hoxe, serán as/os maiores do cole os que poderán disfrutar desta sesión de relaxación e conexión con si mesmas e mesmos.

Ese mesmo día, o venres, achegámonos ata a praza do Concello de Cervo para ler unhas verbas, sacar unha foto e para berrar ben alto: NON Á VIOLENCIA E SI Á PAZ!

A maiores, gustaríame amosarvos algúns dos traballiños feitos por nenas e nenos do cole. Apetécevos botarlles un ollo?

Risa As nenas e nenos de 1ºEP e 2ºEP crearon o Emocionario Musical, que consiste en expresar a través da arte e da pintura o que simbolizan para unha/un os diferentes estilos musicais. Cada nena e neno foi plasmando no papel o que lle facía sentir unha canción determinada. Sodes unhas e uns artistas!

Risa As nenas de 3ºEP e 4ºEP investigaron moito ao longo deste mes e visitaron OndaPucaRadio para poñerlle voz a todo ao aprendido. Neste vídeo, ademáis de transmitir información moi interesante sobre a India, amósannos imaxes sobre dito país. Sabedes cal é a comida típica? Que disciplina famosa naceu alí? Cantos millóns de habitantes hai? Se queredes dar resposta a todas estas cuestións, premede no seguinte vídeo.

 

Risa As nenas e nenos de 5ºEP tamén acudiron a OndaPucaRadio no tempo de lecer do venres para levar a cabo o seu primeiro programa de radio, no cal nos contaron moitas cousiñas sobre a India e sobre o Día da Paz e da non Violencia. Bo traballo rapazada!

Risa As nenas e nenos de 6ºEP ensínannos que unha boa e pequena acción pode axudar moito a quen nos rodea e que, ademáis, é contaxiosa, dando lugar a unha Cadea de Favores. Apetéceche continuar a ti a cadea de favores que comezaron elas/es? Mirade o vídeo ata o final, que hai tomas falsas incluídas!

 

Como vedes, no cole de Cervo non paramos pero ao que si que lle decimos STOP é á violencia (de calquera tipo). O noso é un cole de PAZ e faremos todo o posible para que contiúe así, hoxe e todos os días do ano.

Bicos e apertas (con distancia) a moreas.



blog | by Dr. Radut