Skip to Content

Información ao centro e xustificación

O alumnado matriculado nun centro educativo ten o deber de xustificar as ausencias, e no caso do noso centro, dada a súa idade, esto farao a familia.

Compre sinalar que as faltas deberán sempre ser motivadas. A lexislación vixente recolle os seguintes casos:

Falta xustificable
1. Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:
a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.
b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.
d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.
e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.
2. No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno. No presente curso admítese o confinamento cando sexa por recomendación médica ou por indicación dos rastrexadores.

Compre diferenciar o que é unha información sobre unha ausencia e o que ten que ser unha xustificación, dado que se está a tentar xustificar faltas enviando un correo no que só se dí que non asiste sen aclarar o motivo. Ademais, o centro está na obriga de recabar a documentación que acredite dita ausencia (informe do centro de saúde, citación de organismo público,...). Nos casos en que non sexa posible dita xustificación o centro poderá aceptar unha declaración responsable da nai ou do pai no que se aclare o motivo (confinamento, indisposición inferior a 24 horas). De non acreditarse debidamente, o centro deberá activar o protocolo de absentismo se o número de horas non xustificadas excede ao 10 % das horas lectivas, e tamén debe activalo no caso das faltas de puntualidade reiteradas, independentemente de que se teñan que tomar medidas sancionadoras segundo as NOF (Normas de Funcionamento do Centro).

Coa fin de facilitar a xustificación por declaración responsable, pomos a disposición das familias distintos modelos editables nun só documento  para cumprimentar ou para empregar como modelo no envío de xustificación por correo electrónico. Pregamos que veñan coa información relativa aos datos do alumno/a e do familiar que xustifica debidamente cumprimentados para que teña validez como xustificante. Entendemos que pode ser algo latoso e parecer burocrático, pero lamentablemente o centro ten que solicitar e custodiar as xustificacións das ausencias e actuar en caso de faltas sen xustificar, atendendo ao Protocolo de Absentismo Escolar que nos marca a Consellería de Educación.

 

AdxuntoTamaño
modelo declaración responsable -falta de asistencia.odt15.13 KB


page | by Dr. Radut