Skip to Content

Localización

Localización

 

O noso colexio está situado en Baíñas, localidade duns 400 habitantes situada ó Sur de Vimianzo, na comarca de Soneira. A parroquia está formada polas entidades de Baíñas, Manlle, Orbellido, Outeiro, Padreiro, Rabós, As Cabazas, O Val, A Gándara, A Bouza, Santa Comba, O Sixto e Vilanova, agrupando a uns 1100 habitantes. Cruzan o seu territorio dúas estradas locais: Baio-Ponte Olveira e Bertamiráns-Muxía.

Esta zona está pouco poboada (nunca chegou a 60 habitantes por quilómetro cadrado). Hai un estancamento do crecemento demográfico por envellecemento da poboación e pola emigración.

As actividades económicas están relacionadas co sector primario: agricultura e gandería. Un número escaso de persoas traballa na minería (aínda que con serios problemas de reconversión) e na hidroelectricidade (Factoría de Ferroatlántica). No núcleo urbano destacan os servizos e tamén se celebra unha feira de ámbito local o primeiro domingo de cada mes con produtos coma roupa, calzado, froita...

O Colexio recolle nenos das parroquias de Baíñas, Serramo e Olveira (esta última pertencente ó Concello de Dumbría).

Toda a zona é dunha grande riqueza histórica. Hai restos megalíticos coma o dolmen de Pedra da Arca en Regoelle. Tamén chamada Casa dos Mouros é unha das anta máis interesantes de Galicia polo seu perfecto estado de conservación e polas súas grandes dimensións, cun longo corredor de 7 m. de lonxitude e unha tampa cun peso estimado de 12 t. Outro dolmen é o de Pedra Cuberta, na Parroquia de Serramo, este situado dentro dunha rota que parece máxica pola atracción que exerceu nos antigos poboadores (a actual estrada entre Baio e Baíñas). Este pequeno dolmen, lamentablemente incompleto, anque perceptible pola súa estrutura e dimensións, ten restos de pinturas con cores vermella e negra sobre branco que lembran as pinturas rupestres levantinas pero que están a desaparecer polo seu estado de abandono.

Tamén foron descubertos outros restos prehistóricos coma o Torque de Orbellido (1983) e machadiñas de pedra que hoxe están no Museo Arqueolóxico de A Coruña. E da época prerromana hai algúns castros que aínda se poden descubrir ou sospeitar. O que mellor conserva a súa forma circular cos muros de protección, aínda que sen habitacións , é o de Regoelle (Olveira), ó borde mesmo da estrada de Baíñas a Ponte Olveira.

En canto á arte relixiosa destaca a igrexa de San Antolín de Baíñas. No ano 1615, o Padre Fray Antonio Yepes, na súa Crónica General, escribe que “San Antolín de Baíñas era monasterio en Tierra de Soneira” xa desde a Idade Media. Engade que “goza de abadía, anexo de San Pedro de Fóra, por un privilexio de 1417”. Máis tarde sería priorado dependente de San Martiño Pinario de Santiago ata o século XVIII. Di tamén de Baíñas que tiña un couto dunha legua de longo e case outra de ancho, con xurisdición civil e criminal, e eloxia a súa igrexa e o seu claustro. Dese vello mosteiro só queda en pé a igrexa. Nela cabe destaca-los capiteis da súa ábsida, moi esquemáticos, de tipo vexetal e que sosteñen arcos semiapuntados que se construíron a primeiros do século XIII. E como dato curioso esta igrexa sería incendiada polas tropas francesas cando pasaron por aquí en 1809. Aínda que máis agradable é lembrar que por aquí tamén pasou Rosalía de Castro cando foi á Barca de Muxía. E xa en plan anecdótico mencionar que Baíñas aparece nun conto humorístico do escritor de Baio Enrique Labarta Pose, concretamente no titulado O rei que rabeou, publicado en 1898 e que conta as andanzas dun rei chamado Calafate Primeiro. Conta o escritor que era rei “dun poderoso reino que tiña capital en Baíñas, magnífica cidá, tres varas e media máis grande que Babilonia, convertida agora nun lugar onde se celebra o primeiro domingo de cada mes unha feira de gando...”

Respecto á Igrexa de Serramo dicir que está enclavada nunha zona con grande tradición artística (megalítica, castrexa, medieval...) aínda que só conserva pequenos restos arquitectónicos da súa orixe románica (exteriormente son visibles os caneleiros que sosteñen a cornixa). O retablo é barroco. Moito máis destacable é a xoia da ourivería relixiosa que posúe: trátase dunha cruz procesional en prata que está considerada como a máis antiga de Galicia (cara o ano 1100, en tempos do arcebispo Xelmírez).

Onde nos atopamos

CEIP Baiñas

Rúa  Baiñas A s/n

(15127) Baiñas, Vimianzo

A Coruña

Teléfonos:881960010/881960011/881960012

E-mail ceip.bainas@edu.xunta.es

 

Distribuir contido


by Dr. Radut