VÍDEO PRESENTACIÓN COLE

Como sabedes comeza en breve o período de reserva de praza nos centros educativos. Como este ano a COVID non da tregua e non podemos abrirvos as portas do noso cole "en directo", fixemos un pequeno vídeo para amosarvos un pouco como é o centro e un pouquiño as súas caraterísticas. 

Para o que necesites, chamade, sen dubidalo.

E lembrade que o martes 2 de marzo ás 17h para Infantil e o martes 9 de marzo  ás 17h para Primaria faremos unha sesión de videoconferencia para que poidades preguntar dúbidas e coñecer ás mestras. Lembrade escribir ao correo do centro para pedir o enlace.

 

Aquí vos deixamos o vídeo, esperamos que vos guste!

30 DE XANEIRO - DÍA DA PAZ

Hoxe, 30 de xaneiro, celebramos o Día da Paz e onte, no cole celebrámolo dun xeito distinto a outros anos, pero con todo o sentimento que merece.

Por un lado, as familias do noso alumnado colocou na alambrada do centro lazos con desexos de PAZ para este ano. Mensaxes como: "Que todo volva a ser coma antes", "Xustiza", "Amor", " Coidarnos uns aos outros"...encheron a alambrada do noso centro e así compartimos con toda a comunidade educativa os nosos mellores desexos. E, por outra banda, o alumnado preparou unha chuvia de desexos de paz. Escribiron os seus desexos en gotas e elaboramos un móvil con tapas de plástico recicladas que xa adorna a entrada de primaria e estas gotas tamén adornan a entrada de Infantil.

 

E, así, celebrando o día da PAZ, superamos a metade deste curso tan difícil e incerto para todas e todos. Un curso que está esixindo moitos de nós e, dende o centro queremos dar as grazas a toda a comunidade educativa.

Ás familias, polo respecto, o apoio e a comprensión, nun ano no que houbo e hai que tomar decisións tan complicadas, isto agradécese aínda máis. E tamén con levar con ánimo e paciencia os medos, incertidumes e preocupacións pola saúde das vosas fillas e fillos.

Á ANPA, que sempre está disposta a axudar e a traballar para o cole.

Ao alumnado que nos da leccións cada día e se adaptaron a todos estes cambios e sempre teñen un sorriso que ofrecernos.

Ao equipo de mestras e mestres que abren ventás cada día para que entre aire, pero que tamén as abren para que entre o sol, deixando de lado os seus propios medos e preocupacións para tentar que o tempo no cole, as cousas se sucedan con normalidade e alegría, pero sen deixar de lado o coidado que require esta complicada situación.

A Pili e María, que día a día atenden o noso comedor cun sorriso e todas as ganas de que as nenas e nenos sexan felices ese intre que están alí.

A Paula, do plan madruga, que busca ideas cada mañá para entreter ás nenas e nenos que teñen que madrugar un pouquechiño máis para ir ao cole.

Ao persoal de limpeza que este ano máis se cabe se afanan en que todo esté limpiño, pola tarde como cada ano e este ano, Manuela cada mañá da o mellor de sí para manter o cole desinfectado, "virucida en man".

Ao conserxe, que nos axuda cada mércores a ir poñendo o cole a punto coas labores de mantemento e que xa forma parte da nosa comunidade educativa.

A metade do curso vai fora e, estamos seguros que, a metade que queda, seremos capaces de superala traballando xuntas como ata o de agora. A polos 5 meses que quedan!!!

GRAZAS A TODAS!!

Distribuir contido

Back to top