Aula de radio

A radio nos centros educativos galegos nos tempos do podcast

Cristina Corral Soilán, profesora de Lingua e Literatura Española (ESO)
IES Francisco Asorey (Cambados-Pontevedra)
Javier Prado Espiñeira, mestre de educación primaria
CEIP de Chancelas (Poio-Pontevedra)

 

 

A radio vive nos últimos tempos unha nova xuventude nos centros educativos galegos. Desde hai cinco anos, nos que un grupo de profesorado puxemos en marcha Rede Espora, vimos dando cursos de formación debido á alta demanda que houbo deste recurso didáctico. Así, o que empezamos como unha aventura case en solitario veu a se converter nunha fonte de ledicia absoluta, onde puidemos, cada curso, axudar a que moitos compañeiros e compañeiras redescubrisen un recurso indispensable na aula. Con estes antecedentes e un pouco por «causalidade», nace a nosa Aula de Radio.

 

Como xorde a aula de radio?

Son moitas as experiencias de radio que o profesorado máis veterano nos contou nas formacións que impartimos ao longo destes anos como membros do colectivo Rede Espora. Non en balde e segundo León, Martín e Pérez (1996), a idea de introducir os medios de comunicación nas aulas non é nova, pois nos anos sesenta xa se viu a necesidade de que estes se integrasen no sistema educativo.

Con todo, en moitos casos esas experiencias das que falamos viñan aderezadas con anécdotas cargadas de dificultades, na súa maioría técnicas e administrativas, que as facían tremendamente dificultosas e que, en caso de saír adiante, sempre era polo tesón dos docentes que se empeñaban no labor… afortunadamente sempre houbo moitos namorados e namoradas da radio neste sector noso.

Cando se empezaron a montar as radios escolares nos anos oitenta, os mecanismos eran máis complexos e non estaba ao alcance de todo o profesorado o seu manexo e moito menos a súa montaxe.

 

Planos e elementos de radios escolares dos anos oitenta

 

Fonte: Gonzáles i Monge, Ferrán. En el dial de mi pupitre: las ondas, herramienta educativa. Barcelona: Gustavo Gili (1989), p. 61

 

Con todo, hoxe en día pódense poñer en marcha radios escolares de múltiples formas e con poucos ou moitos compoñentes e materiais, aínda que sempre de maneira sinxela. Así, unha simple gravadora, un micrófono conectado a un computador ou un móbil cunha aplicación de gravadora pódense converter nunha radio. Iso si, para ter unha ferramenta didáctica axeitada e contar cun espazo permanente dentro do centro escolar que funcione como radio é máis interesante facelo de maneira correcta. A través do recurso Aula de Radio, todo isto é hoxe moito máis doado.

 

Materiais para montar un estudio de radio escolar na actualidade

 

 

Que nos propuxemos facer con Aula de radio?

Ademais dos problemas de «cambio de chip» educativo, nas nosas andanzas polos centros galegos como formadores, démonos conta de que un dos medos do sector docente no momento de traballar coa radio era o peor de todos: o medo ao descoñecido. 

A formación permanente nos ámbitos tecnolóxicos é un grande atranco para a educación actual, algo do que xa advertía nos anos noventa Pedro Río Aparicio (1990) ao falar de como un dos maiores problemas neste sentido radica na necesidade de que o profesorado debe seguir programas de perfeccionamento e de actualización dentro do seu horario laboral, pois non ha de ser alleo ás innovacións didácticas e de metodoloxía educativa que a tecnoloxía achega. Isto, pola súa banda, fará que os docentes con iso lle faciliten ao alumnado a súa integración nun mundo e nunha sociedade cambiante. A non existencia de tal formación supón, sen dúbida, na maior parte dos casos, un obstáculo para poñer en marcha este tipo de proxectos de innovación. As horas e o xeito de encaixalas no currículo, de non facerse de maneira adecuada, poden supoñer un problema na loxística de horas de moitos centros.

Neste sentido, como formadores sempre estivemos dispostos e ofrecémonos a resolver dúbidas de todo tipo, pero en demasiadas ocasións, a falta de tempo por ambas as partes ou a non coincidencia en horarios levábannos a que moitas desas dúbidas ficasen no esquecemento. Por iso, pensamos que un curso en liña, que puidese chegar a toda a comunidade docente e que estivese dispoñible as 24 horas era o máis práctico. E así, e grazas a unha licenza de formación, naceu Aula de Radio.

Ademais do indubidable valor que é poñer o noso saber ao servizo do resto do profesorado galego a través desta ferramenta, son moitos outros e ben variados os obxectivos didácticos cos que nace Aula de Radio se pensamos en todo o que lle ofrece ao alumnado, o verdadeiro beneficiado do uso e montaxe da radio no seu centro: o axeitado uso da palabra, o ser crítico co que le, o ser creativo co que constrúe, o saber analizar a realidade desde un punto de vista obxectivo, o non deixarse levar polo que os medios lles conten sen facer unha análise crítica previa, o ser quen de explicar o que pasa de maneira obxectiva, o poder chegar aos demais a través da palabra ben estruturada, o saber dicir que senten, que queren, que pensan, foi en todo momento o noso pensamento ao poñer en marcha este proxecto. Todas estas cousas semellan sinxelas, pero non o son cando estás na escola. A través deste proxecto trataremos de amosar como a radio, un medio de comunicación de masas (dos de toda a vida), pode acadar todo isto.

Veremos tamén que a radio escolar pode, ademais, servir como ponte entre a escola e a sociedade facendo que unha se alimente da outra, ao mesmo tempo que se converte nun útil instrumento didáctico que nos permita ensinar ao noso alumnado de xeito integrador, cooperativo e sendo usuarios activos das TIC en calquera das parcelas da primaria ou da secundaria coas que traballaremos.

 

Aula de radio e a súa contribución á atención á diversidade

O proxecto Aula de Radio está pensado como unha ferramenta que encaixa á perfección dentro das posibles estratexias de atención á diversidade e convivencia do alumnado no centro, pois poderá empregarse como recomendación xeral na comunidade educativa, pero con moito interese para o alumnado que ten NEAE e que asiste á aula de Pedagoxía Terapéutica ou de Audición e Linguaxe, así como aos distintos reforzos, pois dun proxecto que se pode empregar de xeito específico e individual nas aulas de Audición e Linguaxe ou Pedagoxía Terapéutica, pero tamén de forma grupal na aula ordinaria.

Ademais, axudará a asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás demais persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e os grupos, exercitarse no diálogo, afianzando os dereitos humanos e a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, como valores comúns dunha sociedade plural, e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.

Do mesmo xeito, esta ferramenta didáctica será quen de facerlle ao alumnado valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar a discriminación das persoas por razón de sexo ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres, así como calquera manifestación de violencia contra a muller.

Por outra banda, a súa versatilidade activará una ferramenta que ao traballar a linguaxe oral poderán poñerse en marcha como reforzo ou mesmo ampliación para todos aqueles casos que sexan necesarios, independentemente do curso escolar no que estean.

 

Que recursos empregamos na aula de radio?

Para levar a cabo este traballo, o material dixital elaborouse principalmente coa ferramenta Storyline, creando un produto responsive que funciona en calquera navegador de Internet que soporte HTML5. 

Son válidos, polo tanto, para reproducir en calquera sistema cun navegador de Internet que traballe baixo HTML5.

O proxecto é multiplataforma, é dicir, que funciona do mesmo xeito nos ordenadores, tabletas ou móbiles.

Todos os audiovisuais, vídeos e audios (podcast) son de elaboración propia. As músicas e efectos que se empregaron nestes soportes obtivéronse de plataformas de Public Domain ou Creative Commons, como a Librería Creator de Youtube ou Soundbible.com

Os gráficos e animacións elaboráronse de xeito manual. Outro tipo de imaxes que foron necesarias obtivéronse de plataformas de Public Domain ou Creative Commons con licenza para o seu emprego ou uso derivado, como é o caso de

www.pixabay.com
www.freepik.es
www.flaticon.com

 

Por que viamos a necesidade de que o profesorado soubese montar unha radio?

Ao final da etapa de educación primaria, o alumnado, segundo o Decreto 105/2014, deberá ter adquiridas catro destrezas básicas: escribir, falar, ler e escoitar, a radio escolar contribúe de xeito asombroso a xeneralizar todas estas.

Esta Aula de Radio é un paquete de traballo que pretende definir mediante unha planificación axeitada e sistemática, desde a montaxe das instalacións, ata as instrucións para o uso técnico da radio escolar, pasando polas actividades e a maneira de coordinar a súa posta en funcionamento, para así conseguir que calquera centro poida arrincar a súa radio escolar e facer dela un instrumento didáctico en todos os niveis e materias. Mostrar como tanto o alumnado como o profesorado son capaces de dominar as técnicas de manexo físicas das pezas que conforman a radio, pero tamén de ser artífices da engrenaxe co que opera unha radio desde o punto de vista da construción de guións, programas, emisións etc. Unha vez levado a cabo isto, aténdese ao propio funcionamento da radio e os seus efectos en escoitala, ata ser capaces de analizar de maneira crítica cal é o poder e influencia da radio como medio de comunicación de masas na súa propia contorna.

O obxectivo principal de Aula de Radio é que sexa una guía sinxela e accesible para que calquera profesor ou profesora poida, co seu alumnado, ter a súa propia radio escolar e facer dela un instrumento de traballo no día a día que fomente e desenvolva diversas áreas do currículo dun xeito ameno, sinxelo, accesible e no que as competencias clave se acaden de xeito completo.

Pola súa vez, estas actividades queren acadar outros moitos obxectivos, como servir de ferramenta de uso cotián para o traballo diario na aula ou empregarse como ferramenta de apoio da avaliación das necesidades que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo pode presentar.

 

Que metodoloxía usamos?

A LOMCE (Lei orgánica 8/2013) fálanos da necesidade de levar a cabo metodoloxías activas que lle dean máis protagonismo ao alumnado como construtor e creador do coñecemento («Necesitamos propiciar as condicións que permitan o oportuno cambio metodolóxico, de forma que o alumnado sexa un elemento activo no proceso de aprendizaxe. Os alumnos e alumnas actuais cambiaron radicalmente en relación cos de hai unha xeración. A globalización e o impacto das novas tecnoloxías fan que sexa distinta a súa maneira de aprender, de comunicarse, de concentrar a súa atención ou de abordar unha tarefa»).

Polo tanto, metodoloxicamente falando, podemos dicir que o noso proxecto intenta traballar de maneira flexible e versátil, de xeito que se vaia adaptando a aprendizaxe ao grupo e ao alumnado; será tamén globalizadora, pois darase unha visión integrada da realidade, non só escolar, senón tamén social, por iso tamén será socializadora; fará sempre fincapé na formación entre iguais e na convivencia, algo que se verá favorecido polo traballo cooperativo, non deixando de lado a súa personalización, pois cada alumno ten un proceso de aprendizaxe distinto que será respectado en todo momento. 

É, polo tanto, un traballo multidisciplinar que persegue a participación activa de alumnado e profesorado, aproveitando as diversas aprendizaxes das distintas materias do currículo tanto de primaria como de secundaria. 

Intenta, por último, ser unha ponte de unión entre o cambio de etapa que supón entrar na ESO e que en ocasións semella ter un xeito e metodoloxía de traballo moi distinto ao de primaria.

 

Pasado o tempo, cal é o noso balance do proxecto?

Cando falamos do tema avaliativo docente, o traballo con Aula de Radio permítenos manexar unha serie de rúbricas que lles facilitan aos docentes avaliar dun xeito obxectivo os produtos finais elaborados coa radio. Seguindo os criterios que tocando rúbricas se fundamentarán como traballo en equipo, busca de información mediante a biblioteca escolar, soporte dixital e tradicional, produción oral, factores de convivencia, autoavaliación e un longo etcétera.

Para nós, como creadores deste produto, a experiencia non pode ser máis satisfactoria, xa que vemos cumpridos moitos dos nosos desexos: por unha banda, que todo o profesorado sexa quen de poñer en marcha unha radio no seu centro escolar, dando así por solucionados todos os medos iniciais, e por outra banda, ofrecerlle o noso graíño de area ao sector pedagóxico de xeito que satisfagamos as necesidades do profesorado, pero sobre todo as do alumnado, o noso ben máis prezado.

 

E para rematar…

Lonxe debería quedar, pois, a maneira de ensinar da escola prusiana ou daquelas escolas da Revolución Industrial, que servían de lugar de «recollida» para os nenos das familias obreiras que tiñan que traballar. Así que, por se quedase algún profesorado que se resistise a «soltar lastre» deses vellos métodos de ensino —clases maxistrais, apuntamentos tomados á man, fichas, memorización de leccións inmensas e incomprensibles, que levan en ocasións ao fracaso escolar ao que nos enfrontamos como sociedade—, na actualidade a chegada do podcast (que facilitou notablemente o uso deste recurso) permitiunos a moitos e moitas docentes ver un raio de esperanza co remozar da radio: un medio de comunicación de masas (dos de toda a vida) serviunos así para poñer a andar esta Aula de Radio para levantar de novo esa ponte entre a escola e a sociedade, ao mesmo tempo que se converte nun útil instrumento didáctico, que nos permite ensinarlle ao noso alumnado como deixar de ser prusianamente submiso e revolucionariamente feliz. 

 

 

Bibliografía: 

 

 

González i Monge, F. (1989). En el dial de mi pupitre: las ondas, herramienta educativa. Barcelona: Gustavo Gili. P. 60

León J. A., Martín A. e Pérez O. (1996). La comprensión de la prensa en contextos educativos. Cuadernos del ICE, 16. Madrid: Universidad Autónoma de Madrid.

Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. Boletín Oficial del Estado do 10 de decembro de 2013, núm. 295, pp. 97858-97921.

Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da educación primaria. Boletín Oficial del Estado do 1 de marzo de 2014, núm. 52, pp. 19349-19420.

Río, P. (1990). La Radio en el diseño curricular. Nueva Escuela, 14. Madrid: Bruño.

https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/es/espazo/repositorio/cont/aula-de-radio

https://www.edu.xunta.gal/centros/espazoAbalar/aulavirtual/course/view.php?id=46

http://espora.eu/que-e-a-rede-espora/

http://espora.eu/materiais-que-precisas-para-montar-unha-radio-escolar/