Escolares

Matrícula en 2º de Bacharelato para o curso 2015-2016

Despois da reunión mantida no centro o xoves 18 de xuño sobre a matrícula en 2º de Bacharelato para o curso 2015-2016 e das peticións recibidas de varias familias, achegámoslles a través desta publicación a presentación que se lles amosou na xuntanza. Poderán descargala facendo clic sobre este enlace.
 

A memoria das mulleres

Os alumnos de 3º de ESO participaron este curso, baixo a coordinación da profesora Cristina Corral do Departamento de Lingua Castelá, no programa A memoria das mulleres. É esta unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra, en concreto pola área de Patrimonio Cultural, coa que se pretende crear un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra. Os nosos alumnos recolleron información e fotografías das mulleres de maior idade da súa familia e da súa contorna, material co cal elaboraron unha exposición no centro e que foi remitido posteriormente ás persoas responsables do proxecto no Concello de Pontevedra. Facendo clic neste enlace poderase ver un vídeo sobre o traballo realizado. Ademais, incluímos nesta publicación o blog onde están colgadas todas as entrevistas realizadas (http://mulleresmatriarcas.blogspot.com.es/) e
o enderezo da páxina de Facebook do programa A memoria das mulleres (https://www.facebook.com/amemoriadasmulleres).
 

Representacións teatrais

Dentro da mostra de teatro organizada con motivo do "Ben veñas, maio", dous grupos de teatro do noso instituto van representar cadansúa obra. As actuacións terán lugar o vindeiro xoves 7 de maio. Por unha banda, ás 12.30 horas todos os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela, representarán a obra O Entroido, unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo. Por outra banda, ás 18.00 horas o grupo "Os autorizados", formado por alumnos de diferentes cursos, representará a obra Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo). As funcións serán no Teatro Principal de Pontevedra e dende o equipo directivo convidamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir a estas actividades.

           

II Certame de fotografía matemática - Premio popular

O pasado 15 de abril rematou o prazo de entrega de fotografías para participar no "II Certame de fotografía matemática" do noso instituto, organizado polo Departamento de Matemáticas. Máis abaixo deixamos un vídeo no que se recollen todas as imaxes presentadas ó concurso xunto co seu título.
Tal e como establecían as bases do certame, este ano haberá un premio popular, que será escollido por todos os membros da comunidade educativa (alumnos, profesores, persoal non docente e familias). Para participar na súa elección, será preciso encher un cuestionario online, ó que se poderá acceder facendo clic neste enlace. Cada persoa poderá votar soamente unha vez e o último día para facelo será o vindeiro 1 de maio. Animámosvos a todos a participar na votación.
 
 
 
 
 

Probas PISA (abril-maio de 2015)

O IES Gonzalo Torrente Ballester, xunto con outros cincuenta e oito centros públicos e privados de toda Galicia, foi seleccionado para participar nas probas PISA do ano 2015, que se desenvolverán en máis de setenta países de todo o mundo. Estas probas de carácter trianual, que avalían a capacidade do alumnado para aplicar os seus coñecementos a cuestións relacionadas coa vida cotiá, terán lugar entre o 20 de abril e o 30 de maio. A data exacta de realización no centro está aínda por determinar.
PISA avaliará nesta convocatoria de 2015 o alumnado que naceu no ano 1999, o que no noso centro afecta un total de setenta e un alumnos/as; entre estes serán seleccionados finalmente corenta e dous para a realización da proba. Esta selección non será feita polo centro.
Nesta edición de 2015 a competencia avaliada prioritariamente será a de "ciencias", pero tamén se incluirán nas probas cuestións referentes a "matemáticas", "lectura" e "resolución de problemas en grupo". Unha das características máis destacadas neste ano consiste en que o alumnado realizará as probas cun ordenador portátil. Ademais, as familias do alumnado seleccionado para a participación nas probas cubrirán (en papel) un cuestionario de contexto.
As familias e o alumnado directamente afectados recibirán información máis detallada nos vindeiros días nunha reunión que se convocará no centro para estes efectos.
 
O director
 
 
 

Encontro literario no IES G. Torrente Ballester

O noso instituto está a organizar un encontro literario con tres dos escritores máis recoñecidos actualmente no eido da novela negra e policial. Estes son:

  • Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares;
  • Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados;
  • Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva.

Ademais, contaremos coa presenza como moderador de Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural do Diario de Pontevedra.

O encontro terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro mércores dezaoito de febreiro ás sete da tarde; no seu transcurso os convidados debaterán sobre a novela negra e policial, sobre a creación literaria e sobre as preguntas que o auditorio lles dirixa, e farannos partícipes dalgunhas das súas anécdotas, coas que sen dúbida gozaremos... ou sufriremos. O evento estará aberto a toda a cidadanía, xa que así o aconsellaban a relevancia dos tres escritores que nos acompañarán e a ocasión especial que para o noso centro representa organizar un evento destas características.

Dende o equipo directivo e o equipo de bilbioteca do centro convidamos a participar nesta actividade a todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Xuntamos a esta pubicación o cartel do encontro.

Presentación do libro "Corazóns e coitelos"

Onte na Casa das Campás a comunidade educativa do noso instituto puido asistir á presentación pública do libro Corazóns e coitelos, unha recompilacón dos mellores relatos presentados polos alumnos do noso centro ós certames literarios que convocamos nos últimos cursos. Foi para nós todo un orgullo poder celebrar este acto, xa que supuxo un chanzo máis na carreira literaria dunha nova fornada de escritores do IES Gonzalo Torrente Ballester. No acto tivemos a oportunidade de contar coa presenza do escritor Pedro Feijoo e do crítico literario Ramón Rozas, a quen lles agradecemos enormemente que nos acompañasen nunha ocasión tan especial para nós. Aquí vos deixamos unha foto do evento. Ademais, seguindo este enlace poderedes ver un vídeo do acto: http://vimeo.com/111724984.
 
 

Celebración do Samaín

Para celebrar o Samaín o día 29 de outubro organizamos un concurso de decoración de aulas con motivos relacionados con esta tradición popular. A través do seguinte enlace poderedes ver o vídeo que resume o que foi esta festa no noso centro: http://vimeo.com/110640960

 

Día da Biblioteca Escolar

Na semana do 27 ó 30 de outubro conmemoramos no instituto o Día da Biblioteca Escolar (24 de outubro), que este ano estaba dedicado á relación entre a literatura e as matemáticas. Con tal ocasión organizamos as seguintes actividades:

.- unha exposición con libros cuxo título e contido se relacionaban coas matemáticas e unha mostra de fragmentos de obras de escritores famosos de temática numérica;

.- un concurso de busca de libros cuxo título incluíse números do 0 ó 9;

.- un concurso de decoración de cabazas con elementos matemáticos.

Deixámosvos aquí o enlace a un vídeo que resume estas actividades: http://vimeo.com/110642595

 

Asemblea Xeral Ordinaria da ANPA El Pino

Infórmase a todas as familias ás que poida resultar de interese que o vindeiro mércores 29 de outubro ás 20.30 horas terá lugar no Salón de Actos do instituto a reunión da Asemblea Xeral Ordinaria da ANPA El Pino. Dende a súa Xunta Directiva pídennos que lles deamos publicidade á convocatoria e a orde do día, que será a seguinte:

          1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

          2.- Balance económico.

          3.- Renovación de cargos.

          4.- Rogos e preguntas.

 

Material escolar para familias en situación precaria

Dende a FANPA de Pontevedra comunícannos que este curso, grazas a un acordo de colaboración coa Fundación La Caixa, poderán repartir un número limitado de lotes de material escolar para repartir entre o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria dos centros públicos que pertenzan ás ANPA federadas. Toda a información relacionada con esta convocatoria poderá ser consultada a través do seguinte enlace web:


 

Axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Facendo clic neste enlace poderase acceder á información relacionada coa convocatoria de axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso académico 2014-2015.

 

Xornada de acollemento (Ciclos Formativos)

Con motivo da convocatoria de probas libres para obter títulos de Ciclos Formativos, o instituto convoca unha xornada de acollemento para os alumnos que teñan pensado optar ás titulacións impartidas no noso centro. A citada xornada terá lugar o venres 6 de xuño ás 12.30 horas no Departamento de Edificación e Obra Civil.

Concurso de creación de carteis sobre a prevención de condutas aditivas

Lucía González Arias, alumna matriculada no noso instituto en 2º curso de ESO, gañou o primeiro premio no concurso de deseño de carteis para a prevención de condutas aditivas. Esta actividade foi convocada pola Concellaría de Benestar Social de Pontevedra. Dende o equipo directivo do centro queremos expresarlles a Lucía e á súa familia os nosos parabéns. Achegamos a esta publicación o debuxo gañador do premio.

Probas de acceso a ciclos de grao superior - Lugares e sedes

Publicouse na sección de Formación Profesional da páxina da Xunta de Galicia a relación de lugares e sedes onde se desenvolverán as probas de acceso ós ciclos formativos de grao superior. Esta información poderase consultar a través do seguinte enlace web: http://www.edu.xunta.es/fp/node/12155.

Ademais, na páxina principal de Formación Profesional (http://www.edu.xunta.es/fp/) está dispoñible toda a información relativa á admisión nos ciclos medios e superiores, polo que é conveniente que os interesados neles a consultedes con frecuencia.

Por último, deixámosvos nesta ligazón un calendario no que se resumen as datas máis salientables en relación con este proceso.

 

Reunión sobre as PAU e os Ciclos Formativos

O vindeiro luns 28 de abril a partir das 19.30 horas o equipo directivo e a orientadora do centro ofrecerán unha charla no Salón de Actos sobre as probas de acceso á universidade e os Ciclos Formativos (oferta e condicións de acceso). Esta actividade está especialmente dirixida ós alumnos de 2º curso de Bacharelato e de Ciclos Formativos, pero polo interese dos temas que se tratarán convídase a asistir a ela a todos os alumnos e membros das familias que o desexen.


Probas de acceso a ciclos formativos

Facendo clic neste enlace poderedes consultar o calendario segundo o cal se desenvolverá a convocatoria que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e grao superior. Estas probas terán lugar de acordo coa Orde do 5 de marzo de 2014, accesible a través deste enlace.

Encontro cos xogadores da SD Teucro

Con motivo do partido de Copa do Rei de balonmán que a SD Teucro e o BM Granollers van disputar o vindeiro día 11 de decembro, unha representación dos xogadores do equipo pontevedrés vai visitar o noso instituto. O obxectivo deste evento é promocionar entre a nosa comunidade educativa este partido en concreto, e a imaxe do Teucro e o balonmán en xeral. Entre as 12.05 e as 12.30 horas os xogadores repartirán entradas ós alumnos no patio do instituto, co fin de que os rapaces poidan ir animalos o día do partido. Ademais, entre as 12.30 e as 13.20 horas, aproveitando o desenvolvemento dunha clase de Educación Física, un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato terá a oportunidade de intercambiar experiencias cos xogadores do Teucro e de poñer en práctica con eles algúns movementos deste deporte.

Campaña solidaria de recollida de libros

Entre os días 9 e 19 de decembro o Equipo de Biblioteca do instituto organizará, en colaboración coa ANPA El Pino e Cruz Vermella, unha campaña solidaria de recollida de libros de lectura infantís e xuvenís. O obxectivo é entregarllos a Cruz Vermella para que os reparta entre un grupo de rapaces pontevedreses de entre 6 e 16 anos os que esta organización atende. Este nenos pertencen a familias da nosa cidade que están a pasar por un momento económico realmente malo, polo que, de non ser a través de iniciativas como esta, teñen moitas dificultades para acceder a este tipo de materiais.

Polo que se refire ós libros que imos recoller, estes poden ser novos ou usados, pero pídese que estean en boas condicións. Ademais, prégase que a temática non sexa marcadamente relixiosa nin conteña actitudes sexistas, belicistas ou discriminatorias, xa que outro obxectivo desta campaña é fomentar os valores de convivencia e respecto entre distintas culturas. Os libros poderán ser entregados de forma voluntaria e anónima na conserxaría do instituto.

DENDE O EQUIPO DIRECTIVO CHAMAMOS A TODA A NOSA COMUNIDADE

EDUCATIVA A SUMARSE A ESTA INICIATIVA SOLIDARIA.

Proxección do vídeo "Torrente de valores" na Casa das Campás

O vindeiro luns 2 de decembro a partir das 19.00 horas vaise proxectar na Casa das Campás o vídeo "Torrente de valores", realizado o curso pasado polos alumnos que participaron no obradoiro de televisión. Este premio foi o piar do conxunto de actividades que permitiron que o noso centro recibise o Premio Nacional de Educación para o Desenvolemento, entregado o 13 de novembro en Madrid pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID). Dende o equipo directivo queremos convidar a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir á presentación desta reportaxe.

 

Distribuir contido