Premio "Vicente Ferrer"


 


O IES Torrente Ballester gaña o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento da Aecid

O proxecto Escolas sen Racismo implementado por Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz cun obradoiro de televisión valeulle o recoñecemento

Pontevedra, 4 de novembro de 2013.- O IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, resultou galardoado co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’ polo proxecto Escolas sen Racismo, promovido no centro pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación- e o Ministerio de Educación outorgan o devandito recoñecemento, este ano na súa edición especial 25 Aniversario da Aecid.

 

A experiencia premiada levouse a cabo no instituto pontevedrés durante o curso 2012/2013 co cofinanciamento da Xunta de Galicia e centrouse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión, que culminou coa gravación dun programa no que se incorporaron reportaxes sobre comercio xusto, migracións, a comunidade xitana ou o alumnado con discapacidade (o vídeo pode verse facendo clic neste enlace). Tamén se traballou nas aulas sobre o Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento, e coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tarefa da que resultaron murais e poemas.

 

Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento entregaranse o vindeiro 13 de novembro en Madrid aos quince centros gañadores, dos que o instituto Torrente Ballester é o único galego. En virtude deste galardón, dous docentes do IES participarán previamente nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en educación para o desenvolvemento que se celebrará do 6 ao 12 de novembro entre Mollina (Málaga) e Tánxer.

 

O IES Gonzalo Torrente Ballester incorporouse o pasado ano ás Escolas sen Racismo, que son unha vintena en Galicia e máis de cincocentas en Europa. Neste curso, o instituto volve sumarse á programación da rede, canda outros sete centros educativos, con diversas actividades para a educación en valores.