2020/21

XOGOS POPULARES NO PENEDO REDONDO

O pasado mércores 2 de decembro o alumnado de 1º B puido recibir por fin o premio por gañar o concurso do Magosto Terrorífico.

Tal como estaba previsto saíron andando ás 11.30 h. cara ao Penedo Redondo.

 

Primeiro houbo un tempo para tomar a merenda.

Ao acabar, gozaron competindo cos seguintes xogos tradicionais:

  • Chave
  • Aro

 

  • Pincha
  • Pai fillo nai

A final disputouse coa corda de soga tira.

 

Para rematar e deixar un bo sabor de boca antes de regresar ao instituto, entregóuselles un paquete de lambonadas.

 

 

EDDLG principal.png

CONCURSO RELATO CURTO NOVEMBRO

Comezando o mes de Nadal e cheos de exames, publicamos os relatos gañadores do mes de novembro.

Se queredes ler os que resultaron gañadores, podedes facelo premendo no curso correspondente:

1º B

1º C

2º D

3º D

4º C

Noraboa aos gañadores e a seguir participando!

Lembrade que podedes enviar os vosos relatos de decembro ata o 26 de decembro. Esperámosvos!

Felices Festas!!

 

CONCURSO RELATO CURTO NOVEMBRO

OS MÁRTIRES DE SOBREDO

Este ano a situación sanitaria non permitiu realizar a tradicional concentración de alumnado de Tui e de Salceda de Caselas que se vén realizando desde hai anos para homenaxear os Mártires de Sobredo, Cándida Rodríguez, Xaquín Estévez e Venancio González, asasinados por disparos da forza pública o 28 de novembro de 1922 no lugar de Sobredo (Guillarei), no contexto da loita antiforal.

Nesta ocasión só o Instituto de Estudos Agrarios organizou o pasado sábado 28 de novembro unha ofrenda floral íntima para conmemorar o 98º aniversario do asasinato dos tres veciños que loitaron contra a fin dos foros.

Desde aquí tamén o IES Pedras Rubias quere renderlle homenaxe virtual, esperando poder facelo presencialmente o curso que vén.

EDDLG principal.png

CONCURSO IMAXES DO PATRIMONIO

A alumna Noelia Cabaleiro Rodríguez de 4º de ESO resultou gañadora no 3º Certame Imaxes para o Patrimonio de Recollida de Fotografías do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

O alumnado que quixese participar neste concurso de Ponte nas Ondas debía buscar, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos do patrimonio inmaterial galego-portugués. Debían completar a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe. 

A imaxe coa que Noelia obtivo o accésit é esta:

E o texto é o seguinte:

Cando se comezaron a facer os primeiros “botellóns”?

Nesta imaxe de 1961 aparecen un grupo de mozos, entre eles está o meu avó Manuel Cabaleiro e o seu irmán Francisco Cabaleiro (os da dereita de todo), gozando dunha das romarías máis famosas de Salceda de Caselas, a subida ao penedo de San Cibrán. O meu avó cóntame que subían andando ata o penedo, detrás das distintas procesión que o facían dende as parroquias da contorna; ía moita xente, pero sobre todo mozos e mozas. Alí pasaban todo o día. Aproveitando a romaría, os rapaces e rapazas levaban comida, e sobre todo viño branco, viño tinto, augardente, licor café… Tamén había gaiteiros que tocaban e amenizaban a festa e os grupos de mozos e mozas que alí se xuntaban porque daquela aínda non había radios portátiles para que os grupos puidesen escoitar música. Con todo isto os grupos de rapaces e rapazas podían pasalo ben e divertirse, a foto non deixa lugar a dúbidas, e segundo me din tamén sempre había algún mozo que acababa un pouco prexudicado polo viño. E así era como a xuventude se relacionaba entre ela. Agora que o penso, non se vos parece un pouco isto a algo que fai a xuventude de agora? Aí deixo a pregunta.

Todas as imaxes gañadoras poden visualizarse ao completo na seguinte ligazón: http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

 Nas anteriores edicións do Certame a entrega dos premios facíase nun acto presencial con representantes de todas as escolas, pero este ano, debido á incidencia da pandemia nas nosas vidas, a Xunta Directiva da Asociación tomou a determinación de non facelo así e enviar os premios co nome dos gañadores/as ao enderezo da escola para que alí se faga a entrega. 

              

Aproveitamos para comunicarvos que xa se convocou o IV Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio para o presente curso 2020/21. Proximamente publicaranse as bases que rexerán esta nova edición.

Noraboa, Noelia e familia! Toda a comunidade do IES Pedras Rubias séntese moi orgullosa de ti. Déchesnos luz nesta noite escura e longa que estamos a vivir. Agardamos que sigas a recoller premios na túa traxectoria e tirando bonitas fotos coa nova cámara fotográfica que recibiches de premio por parte de Ponte nas Ondas! 

 

EDDLG principal.png

Axudas para máscaras entre o alumnado

A Consellería de Educación pola Orde do 6 de novembro de 2020 regula a distribución de máscaras entre o alumnado.

Podes consultar a convocatoría AQUÍ.

Podes ver un resumo da convocatoría no ADXUNTO desta publicación.

MAGOSTO TERRORÍFICO

Desta volta non foi a meteoroloxía a que puxo impedimentos, senón a ben coñecida epidemia que nos deu por acompañar este ano 2020.

Aínda así, organizamos na semana de San Martiño a festa tan arraigada a nós do Magosto Terrorífico, na que fusionamos as dúas tradicións: o magosto e o samaín.

Para ir creando ambiente, nos días previos, nas aulas de Lingua Galega falouse do magosto tradicional galego e da Santa Compaña.

Desde o luns 9 toda a comunidade educativa se involucrou coa actividade e, por un lado, o profesorado fixo cucuruchos, picou castañas, aportou leña... e, polo outro, o alumnado foi traendo os seus calacús, que este curso se expuxeron nas escaleiras da entrada principal, e enviando os vídeos en Tik Tok ou curtametraxes terroríficas á aula virtual ou por correo electrónico. Ambos elementos, cabazas e vídeos, formaban parte do concurso por aula.

                  

E o xoves 12, os nosos asadores, Pepe, Juan Carlos e Rubén, coa axuda incondicional de Begoña, asaron quilos e quilos de castañas que logo se repartiron entre o alumnado durante o recreo. Desde aquí queremos felicitalo (o alumnado) porque cumpriron á perfección as dúas encomendas: non enfarruscar a ninguén e depositar os restos nas papeleiras. Parabéns!

Preme no vídeo

Premiouse a aula que mellor organizou a actividade de forma global (elaboración de calacús e vídeos de medo) e a gañadora indiscutible resultou 1º B, da titoría da profe Ana Varela. Noraboa!

Se queres ver os vídeos, preme nos enlaces:

1º A

1º B (gañadores):

Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3

1º C

1º D

Agora só resta desfrutar da xornada de xogos populares no Penedo Redondo que terá lugar un día da próxima semana desde as 11.30 da mañá.

EDDLG principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet