RUTA LITERARIA DE RAMÓN CABANILLAS E DE RAMÓN MARÍA DEL VALLE-INCLÁN

O luns 8 de maio o alumnado de 4º da ESO realizou a ruta literaria de Ramón Cabanillas e de Ramón María del Valle-Inclán organizada polos departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá, conxuntamente.

O alumnado percorreu os distintos lugares importantes de Cambados e de Vilanova de Arousa nas vidas e obras de ambos escritores.

 En cada parada o alumnado leu distintos fragmentos ou poemas das respectivas obras.

    

                 

EDDLG principal.png

MERCADIÑO DE LIBROS

Para conmemorar o Día do libro, o luns 24 de abril organizouse un mercado de libros.

              

 

Durante as dúas semanas previas, o alumnado que quixo participar trouxo libros que deixaba na biblioteca a cambio de vales que logo intercambiou o día da feira.

Contamos coa doazón desinteresada de parte do profesorado.

Levouse a cabo no exterior, nun dos patios cuberto, próximo á biblioteca.

                                                   

EDDLG principal.png

MÁRTIRES DE SOBREDO

Un ano máis o IES Pedras Rubias, xunto aos dous institutos de Tui (Indalecio Pérez Tizón e San Paio), implicouse nos actos de conmemoración dos Mártires de Sobredo, con motivo do aniversario das mortes de Cándida Rodríguez, Xaquín Estévez e Venancio González por disparos da forza pública, o 28 de novembro no lugar de Sobredo (Guillarei), no contexto da loita antiforal no ano 1922.

Dende o curso 2012-2013 este acto conmemorativo ten o valor engadido de estar en conexión co ”Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo”, creado en 2012 polos Concellos da contorna. Tras o acordo unánime do Claustro no mes de marzo de 2013, constamos como colaboradores desta actividade que levamos realizando desde hai anos.

Como xa tiña sucedido noutras edicións, por mor do mal tempo, a actividade tivo que ser adiada en varias ocasións. Finalmente, puido levarse a cabo o 21 de abril, aínda que cara ao final da xornada a chuvia volveu facer acto de presenza.

Por tratarse do centenario, os alumnos e alumnas de 4º da ESO dos tres institutos realizaron unha andaina conxunta desde o centro de Tui. Acompañounos D. José Martínez Tato, concelleiro de Tui e presidente de Andatui, que lles serviu de guía e foilles explicando durante o percorrido os principais acontecementos e lugares do movemento agrario e da loita antiforal.

       

Chegados ao monumento de Sobredo, levouse a cabo a tradicional homenaxe aos asasinados. Introduciu o acto o profe Paco do CEP Altamira, un dos promotores de comezar a conmemoración por parte dos escolares. 

 

Continuouse coa lectura duns textos de carácter poético, histórico e artigos de prensa da época, e cunha ofrenda floral por parte do alumnado dos tres institutos.

O acto complementouse cunha actuación musical e rematouse cantando o himno galego.

       

Finalizada a homenaxe, houbo un tempo de lecer e de convivencia entre os tres institutos, coa xa tradicional degustación de rosca, interrompida pola forte chuvia que provocou que se adiantase o regreso aos respectivos institutos e finalizase o harmonioso e feliz encontro.

EDDLG principal.png

Sobredo 2022. Visita de Xosé Ramón Paz Antón.

Visita de Xosé Ramón Paz Antón ao IES Pedras Rubias

Hoxe, o alumnado de 4ºESO tivo a oportunidade de asistir a unha moi interesante charla impartida polo músico e historiador local Xosé Ramón Paz Antón a raíz da recente publicación da súa última obra, Sobredo 1922, aproveitando o centenario dese loitoso e tan rememorado acontecemento na historia contemporánea baixomiñota.

Desde aquí queremos agradecer expresamente ao autor pola súa visita e a súa sempre amena e erudita conversa, así como ao concello de Salceda de Caselas, promotor editorial da obra, e aos departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega e Literatura, organizadores desta actividade, xunto coa vindeira visita ao monumento aos Mártires de Sobredo, que se realizará este venres, 21 de abril.

Visita de Xosé Ramón Paz Antón ao IES Pedras Rubias

EDDLG principal.png

Concerto da Orquestra do IES Pedra da Auga para 3º ESO.

Concerto de 3ºESO no auditorio de Salceda

O pasado luns 27 de marzo o alumnado de 3ºESO tivo a oportunidade de acudir ao auditorio do concello e escoitar en directo un concerto da Orquestra do IES Pedra da Auga de Ponteareas, formado por alumnado de distintos niveis dese centro ponteareán.

Alí, o alumnado puido escoitar e gozar de curiosas e fermosas versións de temas clásicos da música pop, como “Viva la vida” de Coldplay, “We will rock you” de Queen ou “Color esperanza” de Diego Torres.

 

O departamento de Música, organizador desta actividade, quere agradecer ao alumnado participante a súa boa disposición e atención durante o concerto, así como á Orquestra do IES Pedra da Auga e á súa coordinadora, Paula Carreras, por esta exemplar iniciativa educativa.


 A orquestra do IES Pedra da Auga deu un concerto ao alumnado de 3ºESO do IES Pedras Rubias

DÍA DA POESÍA

Para conmemorar o Día da Poesía a Biblioteca do IES Pedras Rubias convocou un concurso de recitado de poemas.

A pesar de que o alumnado de 2º ESO está en Andorra e o de 1º de Bacharelato en Madrid o concurso tivo unha gran acollida e foron moitos os alumnos e alumnas que se animaron a participar.

Abriu o recital Esteban Oliveira de 3º A co poema “Moraima” de Celso Emilio Ferreiro; a continuación, foi a quenda de Fabio Mazzurco de 3º A que recitou un poema de Roberto Blanco Torres; seguidamente, Xoel Roque de 4º C declamou un fermoso poema da súa autoría titulado “Ángel en tierra”; despois, Vera Rodríguez de 1º D tamén recitou un poema creado por ela mesma e que leva por título “ Ao amencer”; posteriormente, un numeroso grupo de alumnas de 1º D cantou “Adiós ríos” de Rosalía de Castro; e para finalizar, Martina González de 1º C recitou un poema de Antonio García Teijeiro.

Moitas grazas a todos e todas por participar e parabéns aos gañadores e gañadora.

EDDLG principal.png

VISITA DE ANTÓN RIVEIRO COELLO

O pasado luns 13 de marzo tivemos a sorte de contar co escritor Antón Riveiro Coello durante as dúas sesións da tarde. Para presentalo botamos man dun contacto común  que ten un gran coñecemento sobre a vida e obra do autor, Fernando Fernández, da editorial Galaxia.

 

Na primeira sesión, reuniuse co alumnado de 4º ESO, que lera a novela O paraíso dos inocentes; na segunda, o encontro foi co alumnado de 1º de Bacharelato, que fixera a lectura de As rulas de Bakunin, un clásico da súa produción.

 

Resultou un encontro moi familiar no que o escritor, ademais de responder a todas as preguntas que inquietaban ao alumnado, agasallou aos primeiros de cada curso que lle formularon unha pregunta cun dos seus libros.

EDDLG principal.png

PREMIO CONCURSO ARTÍSTICO DÍA DE ROSALÍA

De novo volveu suceder: en Salceda non hai quen compita co entroido, nin a mesmísima Rosalía de Castro, piar imprescindible no Rexurdimento poético da nosa lingua. Mostra disto foi a baixa participación no concurso de artístico que se convocou para celebrar o día de Rosalía, 23 de febreiro, xa que só se presentou a nosa incondicional Lucía Fernández Gándara de 3º ESO C que participou na modalidade de relato curto.

A entrega de diploma e premio tivo lugar na biblioteca durante o recreo o mércores 1 de marzo.

 

Parabéns Lucía!

EDDLG principal.png

Powered by Drupal - Design by artinet