Skip to Content

VIAXE A ESTAMBUL

Un nutrido grupo do alumnado de 1º e 2º bacharelato do IES ORDES (49 persoas), realizou unha viaxe a Estambul, entre o 30 de novembro e o 4 de decembro. Esta é unha actividade deseñada pola xefa do Departamento de Relixión, Mª José Maroño Otero, que foi acompañada doutras tres profesoras do instituto ordense, para achegar o cruzamento de culturas e relixións que se vive en Estambul, única cidade europea con parte tamén en Asia.

 

O grupo viaxou de Ordes vía Porto á antiga Constantinopla ou Bizancio, como noutrora foi coñecida a cosmopolita Estambul. Alí a rapazada e as profesoras, permanentemente acompañadas dunha guía, visitaron a mítica Santa Sofía, coa súa impresionante cúpula, antiga igrexa de Constantinopla, logo mesquita e museo e hoxe novamente mesquita; a Mesquita Azul, así chamada polos seus mosaicos de Iznic, antiga Nicea; a Mesquita de Suleiman, o palacio Topkapi, o Museo Arqueolóxico, o magnífico palacio Dolmabache co seu harén e xardíns, a Basílica Cisterna; ademais doutras mesquitas e igrexas, como a ortodoxa de Hagia Triada, preto da emblemática praza Taksim. O cruceiro polo Bósforo é tamén de salientar, desde o cal se puido ver a beleza do estreito que constitúe o final de Europa e o comezo de Asia, cos monumentos ao pé, e a ponte intercontinental, unha das máis longas do mundo. Pero, como cidade comercial que é Estambul, non se poden obviar as inevitables compras dos máis variados produtos no Gran Bazar, fundado por Mehmet II no século XV, e no Bazar das Especias ou Bazar Exipcio (1663), auténtico reino de olores, colores e sabores que deleitan os sentidos. E, aproveitando a conxuntura, desde a materia de Relixión, que participa tamén no PLAN PROXECTA ALIMÉNTATE BEN, pedíuselles aos alumn@s que fotografasen os exóticos pratos degustados ao longo destes días para despois incorporárenos ao proxecto co seu pertinente comentario.

 

A historia de Estambul foi relatada tamén pola guía ao tempo que se visitaban os monumentos máis importantes, de tal xeito que o nome de Suleiman o Magnífico, o máis importante dos sultáns turcos, e o de Mustafá Kemal Atatürk, o fundador e primeiro presidente da República de Turquía, permanecerán tamén asociados aos lugares visitados e a Estambul nas mentes do alumnado e profesoras participantes da viaxe.

 



page | by Dr. Radut