Por 365 días de respecto e igualdade.

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPA NAS ASEMBLEAS DE IGUALDADE

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPA NAS ASEMBLEAS DE IGUALDADE

Coa posta en marcha do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, Iago Nóvoa e Carlota Álvarez organizaron co alumnado do IES Martaguisela a realización semanal dunha asemblea para comentar, debater e realizar actividades sobre as distintas facetas da igualdade social.

Nas dúas primeiras sesións da Asemblea empregamos a metáfora do iceberg da violencia para facer unha práctica de tormenta de ideas, aportando exemplos das distintas formas de violencia coñecidas polo alumnado e o profesorado, colocándoas no iceberg segundo se estas son máis ben explícitas e directas ou implícitas e sutís. 

Comezamos as actividades da Asemblea elaborando un glosario de termos para nomear as distintas formas de desigualdade e violencia sufridas por distintos colectivos (por cuestións de xénero, orientación sexual, racial…). Durante as primeiras semanas do proxecto (mes de outubro), comentamos estas distintas formas de violencia e desigualdade co alumnado, tratando de identificar exemplos no noso entorno próximo e na experiencia cotiá dos integrantes da Asemblea. 

De cara ao 25N elaboramos un mural sobre “Bandeiras vermellas e bandeiras verdes en relacións de parella”, en alusión á expresión popularizada nas redes red flags e green flags, empregadas para nomear pequenos xestos e signos que poderían pasar desapercibidos, pero que adoitan apuntar á presenza de certas formas de desigualdade ou violencia (no caso das bandeiras vermellas), ou polo contra, que actúan como indicadores positivos nunha relación de parella, manifestando dinámicas saudables. O mural foise completando coas aportacións que quixeran facer tanto membros da Asemblea como calquera outra persoa pertencente ao centro.

No mes de decembro, aproveitamos as dúas últimas semanas para facer o visionado de dous vídeos nos que se comentaron distintos exemplos de estereotipos racistas representados na publicidade e nas obras audiovisuais.

 Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotos.

TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS AUDIOVISUAIS

O ALUMNADO DE 4º ESO PARTICIPOU NO OBRADOIRO “TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS AUDIOVISUAIS”

 

Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e grazas á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, seguimos levando a cabo diferentes charlas co alumnado da ESO. O pasado mércores, 14 de decembro, o alumnado de 4º de ESO asistiu a unha charla sobre violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais, impartida por Gela Sánchez-Albornoz.

Na charla comezou por trazarse as orixes do machismo na sociedade, analizando os distintos roles de homes e mulleres nas sociedades antigas e máis tradicionais, distinguindo entre o rol  reprodutivo, de coidado e atención doméstica asociado ás mulleres, e o rol produtivo, guerreiro e procurador de recursos asociado aos homes. Fíxose fincapé no feito de que estes roles resultan obsoletos para a nosa sociedade actual, e xa que logo, os valores asociados a eles non son válidos para o panorama actual. 

Deseguido, a relatora explicou a diferenza entre sexo e xénero, revisando a expresión das diferenzas e desigualdades do xénero a través de distintos elementos como a vestimenta, o uso da linguaxe, a invisibilización das mulleres na historia, etc.

Sobre esta base teórica procedeuse a analizar o contido de diferentes anuncios publicitarios, no que respecta á representación dos xéneros e os seus roles, así como os valores asociados a eles. O alumnado observou as diferenzas nos catálogos que separan xoguetes de nenas e nenos, en imaxes publicitarias que sexualizan os corpos e ofrecen un modelo corporal que non é axustado á realidade, que xogan coa erotización do corpo feminino como reclamo publicitario, e que asocian actitudes de homes e mulleres cara ás tarefas máis tradicionais pertencentes aos correspondentes roles de xénero. Na última parte da charla, ofrecéuselles como contraexemplo varios casos de anuncios publicitarios non sexistas, que rompen cos estereotipos habituais empregados na publicidade. 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos da charla.

Para ver máis fotos do obradoiro fai clic na imaxe ou aquí

CHARLA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (29/11/22).

NO IES MARTAGUISELA DO BARCO DE VALDEORRAS SEGUIMOS CON CHARLAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

 Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e grazas á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, seguimos levando a cabo diferentes charlas co alumnado da ESO e BAC. O pasado martes, 29 de novembro foi o alumnado de 1º de BAC quen asistiu a unha charla sobre Violencia de xénero no novo contexto dixital.

Este obradoiro foi impartido pola asociación vasca Pantallas Amigas, que levan dende o ano 2004 traballando cos adolescentes para desenvolver nos máis novos as habilidades e as competencias dixitais que lles permitan participar de forma activa, positiva e saudable na rede.

Nesta ocasión, o alumnado de 1º BAC tivo a oportunidade de descubrir e afondar novas formas de violencia que xorden no contexto dixital. Ao comezo da charla definiuse a violencia de xénero e os distintos roles de xénero a partir de exemplos coma o tipo de xoguetes e o reparto de tarefas na estrutura familiar. Empregouse a Historia de Pepe y Pepa de Carme Ruíz Repullo para detectar pequenas mostras de micromachismos, nunha escaleira de violencia que amosa como progresan, paso a paso, as distintas actitudes machistas que rematan nas formas de violencia máis explícita. Tras isto revisáronse e explicáronse varias formas distintas de ciberviolencia de xénero, como o grooming, a sextorsión, e distintas formas de vixiancia e control (por exemplo, por xeolocalización). 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos da charla.

Fai clic na imaxe ou aquí para ver todas as fotos da charla.

DISCRIMINACIÓN POR SEXO OU IDENTIDADE E ORIENTACIÓN SEXUAL (25/11/2022).

O alumnado de 3º ESO asistiu ao obradoiro “Discriminación por sexo ou identidade e orientación sexual” impartido pola Cruz Vermella do Barco de Valdeorras

 Dentro da Campaña do 25N “Non desvíes a mirada, a violencia non se cuestiona” da Cruz Vermella Xuventude, o alumnado de 3º ESO do IES Martaguisela participou nun obradoiro no que se abordaron aspectos clave relacionados co xénero e as dinámicas de poder e discriminación que se basean nel. Partindo do recoñecemento do xénero como unha construción social, problematizáronse as distintas asuncións asociadas a el e as implicacións destas en diversos niveis da vida cotiá e a sociedade. Desta maneira, foi posible comprender como se produce a violencia e explorar os camiños para eliminala, mudando as nosas actitudes e miradas.

A rapazada puido recoñecer a estreita relación que existe entre distintos tipos de violencia e discriminación. Nesta sesión tamén se abordaron temas de diversidade sexual (identidade de xénero, orientación sexual), enfatizando na similitude das causas e mecanismos polos que se produce a violencia machista, homófoba e tránsfoba. 

Con este obradoiro afondamos aínda máis na temática do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade.

  

Deixámosvos algunhas fotografías do acto.

 Fai clic na imaxe ou aquí para ver máis fotos do acto.

 

NO IES MARTAGUISELA DO BARCO DE VALDEORRAS DICIMOS NON Á VIOLENCIA CONTRA A MULLER (25N).

NO IES MARTAGUISELA DO BARCO DE VALDEORRAS DICIMOS NON Á VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

“Polas que xa non poden e os que estamos hoxe aquí. Nin unha máis. Nin un menos. Xuntos. Nós e vós.”

 

Dentro dos Plans Proxectas Por 365 días de respecto e igualdade  e Donas de si a comunidade educativa do IES Martaguisela conmemorou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, realizando unha homenaxe ás vítimas de violencia de xénero,  con diversas actividades:

O profesorado  colocou na entrada do instituto tantos zapatos como vítimas de violencia machista se produciron este ano en España e indicamos o nome de cada unha delas. Deste xeito, o alumnado comprobará de forma moi visual a lacra que conleva a violencia de xénero a día de hoxe.


Ao longo de dúas semanas, tamén aproximamos o alumnado á figura das irmás Mirabal. O asasinato destas mulleres, coñecidas como “as bolboretas”, foi o acontecemento que serviu como data para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O 25 de novembro de 1960 produciuse o asasinato das irmás Mirabal, e a partir da súa figura e deste tráxico suceso emprégase o símbolo da bolboreta que voa como representación contra a violencia de xénero.


O alumnado dos diferentes niveis traballou dende as titorías a violencia de xénero mediante diversas cancións en lingua galega (“Lisístrata” de Fillas de Casandra ou “Matriarcas” de Guadi Galego); a continuación, reflexionaron sobre conceptos básicos como “violencia de xénero”, “feminismo”, etc.; e, para finalizar, elaboraron bolboretas mediante papiroflexia. Estas bolboretas, realizadas con papel reciclado e posteriormente pintadas de cor morada, serviron para decorar a entrada do noso centro o 25N.

 

Alén disto, o alumnado de 3º ESO asistiu a unhas charlas impartidas pola Cruz Vermella baixo o título Discriminación por sexo ou identidade e orientación sexual no Salón de Actos.

Ao remataren este obradoiro e durante o segundo recreo do día de hoxe, 25 de novembro, o alumnado do IES MARTAGUISELA levou a cabo unha concentración no patio do centro escolar para manifestar o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres, onde gardamos un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e escoitamos música reivindicativa.

Ademais, a alumna de 3º ESO A, Aris Arias Vales, foi a encargada de ler o manifesto redactado pola alumna de 2º BAC A, Antela Roo Calvo. Mentres o alumnado de 2º de Bacharelato, asistiu á concentración organizada polo concello do Barco de Valdeorras onde os mozos e mozas dos diferentes centros educativos da vila leron os manifestos elaborados por eles mesmos.

Deixámosvos algunha fotografía de diferentes momentos do día e o manifesto de Antela Roo Calvo no que a partir dun símil dun proceso químico de reactivos, produtos e catalizadores reflexiona acerca da necesidade de non renunciarmos á autencidade individual, a non mirar para outro lado e denunciar calquera conduta violenta. Cómpre darlle voz ás vítimas e visibilizar os aspectos negativos que temos como sociedade para poder cambialos, só así poderemos rachar co silencio.

Por todo isto debemos desterrar:

Medo + silencio invalidación + negación do problema

e loitar por darlle:

 Credibilidade ás vítimas + denunciar situacións de violencia +

non contribuír a estas condutas igualdade de xénero

“Agora é o noso turno. Polas que xa non poden e os que estamos hoxe aquí. Nin unha máis. Nin un menos. Xuntos. Nós e vós.”

Alén disto,  as alumnas levaron a cabo un torneo de Bádminton durante o primeiro recreo no pavillón do propio instituto, organizado polo Departamento de Educación Física.

Ademais durante todo o mes de novembro a comunidade educativa do IES Martaguisela poderá participar na actividade Green Flags e Red Flags nas relacións de parella depositando posits e conversas de WhatsApp  onde se poida analizar diferentes situacións de maltrato e botrato nas relacións sentimentais.

A encargada do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, Marta Cortés Fernández, en colaboración con diferentes membros da comunidade educativa, elaboraron un vídeo reivindicativo a partir pregunta E ti? Que pensas facer?

Deixámosvos o enlace ao vídeo e algunhas fotografías que dan conta das diferentes actividades.

 

  

Podedes ver todas as fotos e vídeos se facedes clic aquí

Powered by Drupal - Design by artinet