Actividades

Presentación de ‘Faíscas’ en Ourense

Este venres, 14 de febreiro, o grupo de teatro do noso centro, Avelaíñas Teatro, presentou en rolda de prensa, en Ourense, a súa nova obra: Faíscas. A peza representarase en dúas funcións: ás 12,30 para o público escolar, e ás 20,30 para o público en xeral no Teatro Principal de Ourense, xunto ao Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Aula de Teatro do CPI de Touro. A recadación destínase integramente á ONG ‘Meniños’. Tamén haberá unha preestrea da obra no Salón de Actos do IES Antón Losada, o mércores ás 19 horas. Abaixo tedes o vídeo da rolda de prensa que saiu en Telemiño.

 

Premios 25-N 2013: ‘NO AMOR NON VALE TODO’

Estes son os traballos gañadores dos concursos de fotografía e relatos convocados por Vicedirección, a Biblioteca e o Club de Lectura Retelladores do Galiñeiro.

No concurso de fotos só houbo unha gañadora, María Bastida, de 4º da ESO A.

No concurso de relato curto as gañadoras na categoría de 1º a 3º da ESO e PCPI foron Irene Blanco, de 1º ESO A e Lorena Rodríguez de 1º ESO A. Na categoría de 4º da ESO, Bacharelato, Ciclos e Adultos os relatos gañadores foron os de Lorena Ramos, de 4º da ESO B, e Iris Lale Montoto, de 4º ESO B.

Premios Violencia Muller.docx by retelladores

Concurso: bicos de cine

A Biblioteca do Losada convoca un concurso de ‘bicos de cine’ destinado ao alumnado do centro. Os participantes deberán descubrir o título das películas ás que pertencen os fotogramas de bicos, cubrindo un formulario que poden recoller na Biblioteca ou mandando un correo electrónico a ler.nolosada@gmail.com co nome, curso, e as respostas. A data límite para participar é o 16 de febreiro. Entre os que entreguen todas as respostas correctas sortearanse tres películas.

Concursos 25-N: 'NO AMOR NON VALE TODO'

Por terceiro ano a Vicedirección, a Biblioteca e o Club de Lectura do IES Antón Losada convocan os concursos de ‘relato curto’ e ‘fotografía’ co gallo do 25-N (Día da Non Violencia contra as Mulleres). O lema deste ano é NO AMOR NON VALE TODO.

Convocatorias 25 N.docx by retelladores

Día da Biblioteca: venres 25

Aínda que o Día da Biblioteca é o 24, este ano trasladamos a celebración ao 25, xa que coincide coa folga convocada por toda a comunidade educativa contra a LOMCE, unha lei que dirixe a educación no sentido contrario ao que debe de ser unha Biblioteca escolar, digna de tal nome. Nós queremos unha educación crítica, de calidade, que garanta a igualdade de oportunidades, que forme cidadáns responsables que contribúan a mellorar a sociedade na que viven, e na que o auténtico obxectivo sexa o benestar de todas/os e cada un/unha dos alumnos e alumnas.

Para ese día temos previstas as seguintes actividades:

-          Xornada de portas abertas para as familias. Durante a mañá do venres recibiremos ás nais e pais do alumnado, ensinándolles a Biblioteca e animándoos a facer uso dos seus fondos.

-          Distribuiremos entre as persoas que nos visiten e o alumnado en xeral unha breve Guía de Uso da Biblioteca, onde se lle explicará como se organiza a biblioteca, como consultar o catálogo e como solicitar un documento.

-          Faremos visitas guiadas para o alumnado de 1º da ESO, onde se lles explicarán as normas básicas de funcionamento e se realizará algún exercicio. Tamén coñecerán e practicarán co programa de auto-empréstito do MEIGA.

-          Penduraremos na Biblioteca uns pósters con imaxes de África. O proxecto anual da Biblioteca xira arredor do tema: ‘África diversa’.

-          No expositor do corredor colocaremos libros, cómics, revistas e materiais audiovisuais que amosen que é posible ‘Ler ciencia na Biblioteca’.

-          Nos recreos desenvolveremos unha lectura continúa, gravada en vídeo, sobre a flora e a fauna africana.

-          Tamén nos recreos, o alumnado que o desexe participará na creación dun mural baixo o título ‘África é…’. Nun folio cada alumno escribirá ou debuxará o concepto que para el mellor define ao continente. Ao rematar, pegaranse os folios na parede exterior da biblioteca.

-          Ao longo da mañá a biblioteca ambientarase con música africana e proxección de imaxes de animais de África.

O alumnado que participe na lectura gravada e na realización do mural recibirá como agasallo un vale para tomar algo ‘na de Pili’.