Skip to Content

APRENDER NA CORUÑA. CRONICA DUNHA VIAXE

  O reloxo marcaba as oito da mañá en todos os reloxos, o calendario catorce de xaneiro: chovía en Marín. Levántase a aurora mentres tres somnolentos profesores buscan a cincuenta alborotadores adolescentes para metelos nun autobús: son alumnos do instituto. Faltaba un; xa chegou; anúncianse as instrucións, o coche arranca: a excursión comeza. Sen novidade chegamos á Coruña; ninguén se sorprendeu que a cidade estivese no seu sitio. Detémonos preto da Torre de Hércules; á beira do Atlántico ouvea o temporal antes de entrar no acuario. No Nautilus, unha sala somerxida no mar, as andanzas dunha feroz quenlla touro (que responde ao apelativo de Gastón) entusiasman aos alumnos, que tamén contemplan ás gráciles patarroxas, as poderosas moreas e os misteriosos polbos. Unha enorme variedade de animais de todas as cores, formas e tamaños -o peixe sapo, a raia santiaguesa, o peixe trompeteiro, o boi de altura, o cangrexo araña, a cigala, a coral amárela e o ourizo de profundidade- deléitannos a vista. A alerta vermella pola borrasca impídenos saudar ás focas que, inmunes á tormenta, se pasean polo acuario exterior.
  Rematada a visita, ímonos, sen perder ningún alumno polo camiño, á Casa das Ciencias que nos espera no parque de Santa Margarita. No planetario presenciamos a evolución da vida e das estrelas. Despois, nunha das salas de exposicións, ninguén se decata que o inesperado caos, de perigosas consecuencias, axéxanos nun bambán: unha adolescente, o seu nome non importa, lesiónase. A nena é valente e non se queixa, nin xeme, nin chora: pero dóelle o nocello. Os profesores detectan o accidente, conferencian, buscan solucións e inmediatamente actúan. No mellor transporte e ao mellor hospital! A accidentada, acompañada por un profesor, parte veloz; a excursión continúa.
  Un vangardista edificio deseñado por Isozaki agárdanos fronte ao mar océano; xantamos nun salón da Domus. Rematada a colación perdémonos nas salas do museo: máis de douscentos módulos interactivos dedicados ao ser humano entreteñen aos rapaces. Ah!, esquecíame: está prohibido non tocar.
  Mentres os estudantes aprenden divertíndose, os profesores vixían, coidan a intendencia, coordinan o transporte e manteñen as comunicacións. O horario cúmprese. De novo xa estamos no autobús; e sorrintes (tamén a accidentada: o susto resolveuse cunha escordadura). Regresamos ao fogar ilustrados, cansos e felices. Despois do ocaso chegamos: o singular periplo concluíu.

Fotos

* * * * * * * * * * * * * * *



page | by Dr. Radut