O GUIÓN

1. Só é de uso obrigado en tres casos:

  • Cando ao adverbio interrogativo u lle segue artigo: U-las rosas? U-lo coche? U-la casa? U-la María? U-lo Xoán?

Non cando segue pronome: as rosas, ulas? O coche, ulo? A casa, ula? María, ula? Xoán, ulo?

  • Con algunhas palabras compostas:
  • cando o primeiro elemento é non: non-intervención, non-adscrito, non-fumadores.
  • cando a composición é ocasional, non fixada: diccionario galego-xaponés, circunstancias político-económicas…
  • en palabras complexas que indican puntos cardinais: les-nordeste, sur-suroeste…
  • nalgunhas palabras estranxeiras: foi-gras, strip-tease, wáter-polo
  • Para partir unha palabra ao final de liña:
  • só pode dividirse mantendo íntegras as sílabas
  • non se poden separar os dous elementos dun dígrafo (ch, ll, nh, rr)
  • se xa hai guión, repítese ao comezo da liña: dicionario galego-/-xaponés.
  • cando hai conciencia de prefixo, é preferible mantelo íntegro (sen ter en conta a sílaba): trans-/oceánica, bis-/avó, des-/abrigar.

2. Para outros usos posibles véxase en Gramática Artigo determinado 1.2.


A DIÉRESE

  • Úsase con u cando esta se pronuncia nas sílabas güe, güi: antigüidade, bilingüe, argüir, mingüen; fronte a guerra, galeguismo.
  • Úsase con i nas p4 e p5 do copretérito (imperfecto) de indicativo dos verbos en

-aer: caïamos, caïades
-oer: roïamos, roïades
-aír: saïamos, saïades
-oír: oïamos, oïades
-uír: destruïamos, destruïades

Na nosa fala resulta estraño, por facermos nós esdrúxulas estas formas (*caíamos, *oíades…). De non usarmos diérese confundiriámolas coas formas do presente de subxuntivo: caiamos, saiades

Reparemos na segmentación silábica: ca-ï-amos, fronte a ca-ia-mos


O APÓSTROFO

Pode usarse nos seguintes casos:

1. Como uso non normativo, se queremos representar un feito de fala: n’é preciso (non é preciso), x’o dixen (xa o dixen).

2. Logo das preposicións en e de para representar títulos de obras ou de publicacións que empecen por artigo:

a publicación d’A esmorga,
ese diálogo está n’Os vellos non deben de namorarse.

3. Malia non o contemplaren as Normas, actualmente moitos escritores estenden o seu uso aos topónimos que empezan por artigo: reside n’A Coruña.


OS SIGNOS DE INTERROGACIÓN E ADMIRACIÓN


1. Usámolos de xeito obrigado ao final dos enunciados interrogativos ou exclamativos:

Imos a San Francisco ou a Parameán? Canto dura esa película? Como estás?
Que fermosura de día! Canta xente hai! Quen o diría!

2. Podemos usar os signos iniciais para evitar ambigüidades, como en enunciados moi longos que nos poidan impedir a entoación axeitada.

Última modificación: Martes, 19 de Xullo de 2016, 15:17