Modelo de comentario Kant. Ética.

Immanuel Kant é considerado como un dos grandes representantes da Modernidade, foi quen de sintetizar as dúas grandes escolas filosóficas da época, racionalismo e empirismo, abrindo as portas ao idealismo alemán, corrente que se desenvolvería ao longo dos séculos XVIII e XIX. Kant erixiuse como unha figura clave da Ilustración,  a súa máxima "Sapere aude!" invítanos a pensar por nós mesmos servíndonos da nosa razón, recollendo así as características dun movemento que foi capital no desenvolvemento do pensamento universal.

Cando falamos da Ilustración referímonos a unha serie de cambios a nivel cultural, social, político e filosófico que supoñen a culminación de todo o que se levaba fraguando dende o Renacemento. A nivel cultural cabe sinalar o carácter antropocentrista do pensamento moderno que sen dúbida recollerán os pensadores ilustrados. O ser humano está no centro e este é que de coñecer o mundo servíndose dunha razón á que, por primeira vez, lle recoñecerán certos límites. O afán por coñecer permitirá o desenvolvemento das ciencias e da filosofía, así como o de grandes proxectos como a Enciclopedia, en cuxa elaboración que participaron grandes figuras como D´Alembert, Diderot ou Voltaire. Existe, pois, unha profunda confianza na razón e no progreso ligado a ela. Os ideais ilustrados traerían tamén grandes cambios a nivel social, o auxe da burguesía e a defensa dos dereitos individuais chocará directamente co modelo do Antigo Réxime: critícase ao absolutismo, deféndese a secularización da sociedade e das institucións, etc. As ideas políticas da Ilustración veránse materializdas nas grandes revolucións de finais do século XVIII, a Norteamericana e a Francesa, as cales estableceron as bases das democracias representativas actuais. Todo isto influirá no pensamento de ilustrados como Immanuel Kant: o ser humano debe ser quen de atreverse a pensar por si mesmo, só así poderá ser libre e deixar de ser súbdito dos demais. A razón, pois, libera e emancipa.

Kant nace en Könisberg en 1732, cidade da que nunca se afastaría durante toda a súa vida. Formaríase no racionalismo de autores como Christian Wolff, así como en ciencias e matemáticas. A lectura da obra de David Hume espertaríao, nas súas propias palabras, do "soño dogmático da razón", o que o afianzaría no seu proxecto de logar sintetizar as dúas grandes correntes do pensamento moderno. Desta síntese nacería a o súa filosofía: o idealismo trascendental.

Para Kant a filosofía busca, fundamentalmente, responder a tres preguntas: que podo coñecer, que debo facer e que cabe esperar. A primeira é a que abordará na súa obra magna, a "Crítica da Razón Pura", na que desenvolverá a súa teoría do coñecemento e onde se preguntará se a metafísica pode ser considerada unha ciencia. A segunda a resolverá na súa ética, en obras como "A fundamentación da metafísica das costumes" e a "Crítica da Razón Práctica". A última destas preguntas céntrase en dilucidar se existe finalidade no mundo, cuestións de carácter relixioso, etc. Todas elas conflúen en última instancia, nunha soa: que é o ser humano? Con ela queda claro que a filosofía de Kant vai estar centrada no suxeito.

Na súa "Crítica da Razón Pura", Kant acaba demostrando que a metafísica non pode se considerada como ciencia. A razón aplica as categorías máis aló da experiencia, do fenoménico, non podemos un coñecemento científico das ideas de Deus, alma e mundo. Con todo estas terán unha función regulativa, xa que permitirán agrupar os nosos xuízos. A isto hai que sumar que a metafísica, finalmente, poderá desenvolverse na filosofía práctica, partindo da liberdade como postulado, pois sen esta os seres humanos non seríamos moralmente responsables dos nosos actos.

O fragmento a comentar recolle unha das principais caracterísitcas da ética kantina: a autonomía. Esta é, segundo o de Könisberg, "el único principio de todas las leyes morales y de los deberes conformes a ellas". As nosas accións e decisións deben ser independentes de todo condicionante externo, material, xa que de non ser así non poderían ser universalizables. Kant criticará á heteronomía das denominadas como éticas materiais, as cales valoran á acción non como un fin en si mesma, senón como un medio para lograr un obxetivo ulterior. Deste xeito, a decisión nunca é libre, está condicionada por algo alleo á razón.

A ética kantiana é unha ética que se define como deontolóxica, universal e formal. É deontolóxica porque é unha ética dos deberes, a acción debe ser valorada en si mesma, á marxe das consecuencias que obteñanos con ela. Isto mesmo aparece recollido no texto cando se afirma: "En la independencia de toda materia de la ley (a saber, de un objeto deseado) [...] consiste el principio único de la moralidad". Desta independencia derívase tamén o seu carácter universal, pois a lei moral é a mesma para todo o mundo, pois é a que dicta a razón, á marxe de toda continxencia cultural, relixiosa, ideolóxica, etc. Por último é formal, pois só debemos atender á forma da lei moral, a "la mera forma legisladora universal", a cal se expresa no imperativo categórico.

Este último é o que nos move a facer algo ou a actuar dunha maneira porque, sinxelamente, é o noso deber. É a lei práctica da acción, válida para todo ser racional, a fórmula que nos permite determinar cando unha máxima é moral ou non, pois esta debe ser independente de todo contido material que a condicione. Opónse aos imperativos hipotéticos, os cales nos invitan a actuar para lograr algo que está máis aló da propia acción, considerado a esta como un medio para un fin, nunca como un fin en si mesma.  O imperativo categórico pode formularse de tres maneiras: en base á universalidade, á dignidade humana e ao reino dos fins. En primeiro lugar a norma ou máxima a seguir de be ser universalizable, isto é, que todos poidan actuar do mesmo xeito sen caer nunha contradicción. Ao referirse á dignidade humana Kant defende que ninguén debe ser reducido a un obxecto ou instrumento ao servizo dos intereses doutro: todo ser humano é un fin en si mesmo. Por último debemos actuar como se a nosa acción servise de norma para unha Constitución universal, propia do Estado poboado por todos os seres racionais. 

Claramente a ética kantiana defende a autonomía moral, a independencia de todo aquilo que nos aparte de obrar por deber.  Esta independencia é, como di o texto, a "liberdade en sentido negativo", a ausencia de coacción ou condicionamento por parte de todo o que sea alleo a lei moral. É tamén unha "liberdade en sentido positivo", pois á hora de actuar só debemos ter en conta a lei moral práctica que nos dicta a razón.

Actuar por deber, en base á moralidade, é distinto de actuar conforme ao deber, en base á legalidade. O resultado dunha acción pode ser o mesmo, pero é a intención a hora de realizala o que a fai moral ou non.

Kant é considerado como o máximo representante da Ilustración alemá (Aufklärung) e como unha das principais figuras do pensamento moderno ao ser quen de sintetizar dúas correntes aparentemente antitéticas como o racionalismo e o empirismo. Coa súa obra iniciarase o chamado idealismo alemá dos séculos XVIII e XIX, puidendo atopar a súa influencia nos escritos de autores como Fichte, Schelling ou Hegel, pero  chegando tamén esta ata os nosos días. No ámbito da filosofía práctica é considerado como o pai do deontoloxismo, corrente que aínda a día de hoxe se opón ao consecuencialismo da filosofía utilitarista que se desenvolverá, especialmente, durante o século XIX.