Modelo de comentario Kant. Crítica da Razón Pura.

Immanuel Kant é considerado como un dos grandes representantes da Modernidade, foi quen de sintetizar as dúas grandes escolas filosóficas da época, racionalismo e empirismo, abrindo as portas ao idealismo alemán, corrente que se desenvolvería ao longo dos séculos XVIII e XIX. Kant erixiuse como unha figura clave da Ilustración,  a súa máxima "Sapere aude!" invítanos a pensar por nós mesmos servíndonos da nosa razón, recollendo así as características dun movemento que foi capital no desenvolvemento do pensamento universal.

Cando falamos da Ilustración referímonos a unha serie de cambios a nivel cultural, social, político e filosófico que supoñen a culminación de todo o que se levaba fraguando dende o Renacemento. A nivel cultural cabe sinalar o carácter antropocentrista do pensamento moderno que sen dúbida recollerán os pensadores ilustrados. O ser humano está no centro e este é que de coñecer o mundo servíndose dunha razón á que, por primeira vez, lle recoñecerán certos límites. O afán por coñecer permitirá o desenvolvemento das ciencias e da filosofía, así como o de grandes proxectos como a Enciclopedia, en cuxa elaboración que participaron grandes figuras como D´Alembert, Diderot ou Voltaire. Existe, pois, unha profunda confianza na razón e no progreso ligado a ela. Os ideais ilustrados traerían tamén grandes cambios a nivel social, o auxe da burguesía e a defensa dos dereitos individuais chocará directamente co modelo do Antigo Réxime: critícase ao absolutismo, deféndese a secularización da sociedade e das institucións, etc. As ideas políticas da Ilustración veránse materializdas nas grandes revolucións de finais do século XVIII, a Norteamericana e a Francesa, as cales estableceron as bases das democracias representativas actuais. Todo isto influirá no pensamento de ilustrados como Immanuel Kant: o ser humano debe ser quen de atreverse a pensar por si mesmo, só así poderá ser libre e deixar de ser súbdito dos demais. A razón, pois, libera e emancipa.

Kant nace en Könisberg en 1732, cidade da que nunca se afastaría durante toda a súa vida. Formaríase no racionalismo de autores como Christian Wolff, así como en ciencias e matemáticas. A lectura da obra de David Hume espertaríao, nas súas propias palabras, do "soño dogmático da razón", o que o afianzaría no seu proxecto de logar sintetizar as dúas grandes correntes do pensamento moderno. Desta síntese nacería a o súa filosofía: o idealismo trascendental.

Para Kant a filosofía busca, fundamentalmente, responder a tres preguntas: que podo coñecer, que debo facer e que cabe esperar. A primeira é a que abordará na súa obra magna, a "Crítica da Razón Pura", na que desenvolverá a súa teoría do coñecemento e onde se preguntará se a metafísica pode ser considerada unha ciencia. A segunda a resolverá na súa ética, en obras como "A fundamentación da metafísica das costumes" e a "Crítica da Razón Práctica". A última destas preguntas céntrase en dilucidar se existe finalidade no mundo, cuestións de carácter relixioso, etc. Todas elas conflúen en última instancia, nunha soa: que é o ser humano? Con ela queda claro que a filosofía de Kant vai estar centrada no suxeito.

A filosofía tradicional considerou que o suxeito debía adaptarse ao obxecto, buscar a verdade do que algo é na cousa mesma. Fronte a isto David Hume afirmou que non coñecemos a realidade tal cual é, senón tal cual e como se nos presenta. Kant defenderá isto mesm, apostando por un xiro á hora de considerar os elementos que interveñen no proceso do coñecemento: é o obxecto o que se debe adaptar ás condicións do suxeito e non ao revés. Isto é o que se coñece como o "xiro copernicano", pois mentres que Copérnico situou ao Sol no centro do universo Kant sitúa ao suxeito no centro de todo coñecemento.

Xa mencionamos que a Modernidade foi a época do auxe das ciencias, as cales Kant estuda en profundidade. Admira os logros de ciencias como a física e a matemática, capaces de chegar a verdades universais e necesarias. Isto lévao a preguntarse pola metafísica, disciplina que a filosofía clásica considerara como a principal, xa que tiña como obxecto de estudo ao ser en canto ao ser, ás causas e aos principios da realidade. Por que a metafísica non lograra chegar a verdades iguais que ás da matemática ou a física? Esta cuestión leva directamente a outra: pode a metafísica ser considerada unha ciencia? Para respondela Kant realiza un análise dos distintos tipos de xuízos que expresan os nosos coñecementos e así determinar cales son os propios do coñecemento científico. O de Könisberg distingue entre os xuízos analíticos e os sintéticos. Os primeiros son aqueles nos que o predicado está contido no suxeito, como no caso de "Todos os solteiros son non casados". Estes son universal e necesariamente verdadeiros, é dicir, son a marxe da experiencia, polo que son a priori. Son explicativos, non engaden nova información sobre o suxeito. Temos así os chamados xuízos analíticos a priori, que se corresponderían co que Hume denominou como relacións de ideas. Os xuízos sintéticos son aqueles nos que o predicado engade información sobre o suxeito, é dicir, son extensivos. Para determinar a súa verdade ou falsedade debemos acudir á experiencia, polo que son particulares e continxentes. Os xuízos sintéticos a posteriori correspóndense coas cuestións de feito humeanas. Kant realizará unha síntese entre estes dous tipos de xuízos (analíticos a priori e sintéticos a posteriori) obtendo así os xuízos sintéticos a priori, aqueles que ademais de engadir información sobre o suxeito son universalmente verdadeiros á marxe da experiencia: os xuízos propios da ciencia. Chegados a este punto a pregunta sobre a metafísica reformúlase e pasa a ser: son posibles os xuízos sintéticos a priori na metafísica?

Para abordar a posibilidade dos xuízos sintéticos a priori Kant analiza o proceso do coñecemente e as súas tres facultades: sensibilidade, entendemento e razón. Disto ocuparánse, respectivamente, a estética trascendental, a analítica trascendental e a dialéctica trascendental.

O fragmento a comentar céntrase nas dúas primeiras facultades do coñecemento, a sensibilidade e o entendemento. A sensibilidade defínese en función da "receptividad que nuestro psiquismo posee" , é dicir, da capacidade que ten o suxeito de ser afectado polo obxecto. A sensibilidade é a capacidade que ten o suxeito de recibir os datos dos sentidos, mais estes son dados no espazo e no tempo, é dicir, nas intuicións puras ou formas puras da sensibilidade. A intuición dun obxecto require, pois, ademáis dos datos dos sentidos, dunhas formas puras, o espazo e o tempo, que están a priori no suxeito. O fenómeno, que é como o obxecto se nos amosa, é o resultado de aplicar as formas puras da sensibilidade ao que recibimos a través dos sentidos. Non coñecemos pois o noúmeno, a cousa-en-si, senón o fenómeno, a cousa tal e como se nos presenta.

Para o alemán, e tal e como afirma no texto, todo coñecemento comeza coa experiencia, pero non todo se reduce a ela. Hai unha serie de elementos a priori xa dados no suxeito que interveñen no noso coñecemento sobre o mundo.

A segunda das facultades á que refire o texto é o entendemento, mentres que a sensibilidade era definida pola súa "receptividade" o entendemento defínese pola súa "espontaneidade". O seu papel é o de aplicar as categorías ou conceptos puros aos fenómenos, permitíndonos "pensar el objeto de la intuición". Para que algo sexa pensado debe ser sometido aos conceptos puros do entendemento, estos permíntennos unificar a multiplicidade das intuicións e elaborar así xuízos a partir de categorías como a causalidade, a pluralidade, a posibilidade, etc. 

Ambas facultades son necesarias para o coñecemento e, segundo Kant, non son intercambiables: "Los pensamientos sin contenido son vacíos; las intuiciones sin conceptos son ciegas". A partir da sensibilidade intuimos aos obxectos, estos amósanse a nosa mente como fenómenos unha vez os datos dos sentidos se dan no espazo e no tempo que son formas puras, a priori, do suxeito. O entendemento aplícalle as categorías, tamén a priori, aos fenómenos. Só así podemos concluir co proceso do coñecemento, só así os fenómenos se fan intelixibles. Así pois, e tal e como se sinala no fragmento : "el conocimiento únicamente puede surgir de la unión de ambos" e, como xa mencionamos, hai que distinguir o estudo da sensibilidade, do cal se ocupa a estética trascendental, da ciencia que estuda o entendemento, a analítica trascendental (estando esta última dentro da lóxica trascendental que se cita no texto).

Cabe sinalar que a facultade da razón, a terceira xunto á sensibilidade e ao entendemento, ten para Kant unha labor regulativa, pois permite agrupar aos xuízos nas ideas de mundo, alma e Deus, as cales están ligadas á metafísica tradicional. Pese a isto, a razón aplica as categorías máis aló do ámbito do fenoménico. Tal e como se recolle no fragmento "los pensamientos sin contenidos son vacíos", as categorías quedan baleiras se van máis aló da experiencia, sendo este o erro que comete a razón, un erro que, sen embargo, é propio da natureza humana segundo Kant. Deste xeito os xuízos sintéticos a priori non son posibles na metafísica, como si o son na matemática ou na física, polo que esta non pode ser considerada unha ciencia. Con todo, esta desenvolverase na súa filosofía práctica, na súa ética, pois esta prescindirá de todo elemento empírico, fundamentándose na pura razón.

Kant é considerado como o máximo representante da Ilustración alemá (Aufklärung) e como unha das principais figuras do pensamento moderno ao ser quen de sintetizar dúas correntes aparentemente antitéticas como o racionalismo e o empirismo. Coa súa obra iniciarase o chamado idealismo alemá dos séculos XVIII e XIX, puidendo atopar a súa influencia nos escritos de autores como Fichte, Schelling ou Hegel, pero  chegando tamén esta ata os nosos días.