Skip to Content

Breve historia de máis de corenta anos

O actual IES As Lagoas naceu en 1977 como terceiro centro de bacharelato da cidade e primeiro mixto nos tempos modernos. O vello Insituto do Posío -Otero Pedrayo-, na súa localización actual desde 1892, foi complementado a mediados dos sesenta polo "Masculino" -actual Eduardo Blanco Amor- no barrio da Ponte.

O IES As Lagoas, (Instituto Nacional de Bachillerato Míxto número 1, por primeiro nome)  naceu, pois, nun espazo central e vinculado ao desenvolvemento da cidade neste barrio nos anos sesenta e setenta. Os primeiros anos de funcionamento, na transición política, foron complicados desde un punto de vista organizativo: alto número de alumnado, quendas nocturnas e diúrnas, conflitos laborais e estudantís... pero foise asentando ata se converter na actualidade, grazas ao compromiso colectivo, nun dos centros punteiros do ensino público en Ourense.

No 2002/2003 festexamos o vintecinco aniversario cunha gran festa onde se deron cita moitos saudosos exalumnos e exprofesores e no 2017/2018 celebramos os 40 anos do centro.

Os fitos históricos máis importantes foron:

1977 Comezo das clases en novembro.

1979 Inicio das clases de lingua e literatura galega.

1981 Asunción definitiva da competencia no ensino pola administración autónoma. Neste ano o noso instituto é o primeiro centro de Galiza que comeza a impartir clase de Informática,  a cargo dos profesores Alfonso Amorín e Secundino Lorenzo.

1986 Reconversión de Instituto de Bacharelato a Instituto de Educación Secundaria.

1996 Chegada dos alumnos de 1º da ESO e con eles dos nosos compañeiros profesores que viñan impartindo docencia nos centros de primaria.

1997 Implantación do  Ciclo Superior de Técnico en Animación de actividades Físicas e Deportivas

2002 Implantación das clases de Lingua Alemá como 2º idioma estranxeiro ao lado do tradicional francés.

2011 Supresión do Ciclo Superior de Técnico en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e do Ciclo de Grao Medio de Ensinanzas Especiais de Fútbol Sala por traslado ao CIFP A Farixa.

2011 Os estudos de Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza e os catro cursos de ESO deixan de impartirse no IES Portovello para impartirse no noso centro, o que supuxo un traslado e incorporación de alumnado e de profesorado.

2019 Tras a xestión de 8 excelentes directores, o centro é dirixido por primeira vez por unha muller

2023 Implántase ao completo a nova lei, LOMLOE, e amplíase a oferta de materias, implantándose unha nova 2ª lingua estranxeira: portugués.

 



book | by Dr. Radut