O PROXECTO: ANA GONZÁLEZ

O PROXECTO DE ANA GONZÁLEZ

Tras observar o problema que supón mercar unha prenda cun elevado custe para un evento e non poder despois empregala para o día a día, Ana decide dar unha solución e crear a marca co seu propio Ana González. Este tipo de prendas non son de uso cotiá, o cal é un gasto moi elevado para usar unha vez a prenda e despois gardala no armario. Para iso Ana da a opción de ter dúas prendas nunha e poder xogar con ela.

 

A marca Ana González nace a partir dunha idea de transformar as formas e cores da natureza e levalas ás prendas, xa que a natureza xa engloba unha gran variedade de formas e cores que forman parte da súa inspiración. Os deseños que propón Ana abarcan dende prendas de festa para muller ou roupa casual pero que tamén pode levarse a diferentes eventos engadindo diferentes complementos.

 

O que diferenza á marca Ana González, son a inspiración das prendas na natureza, e os usos das prendas xa que tras percibir os problemas destes derradeiros anos, os clientes non queren gastar moito para usar poucas veces unha prenda, para iso Ana elabora prendas para diferentes eventos.

 

Presenta un vestido inspirado na planta silvestre “Digitalis purpurea” coñecida na zona onde vive Ana coma “Estralo” e que no resto de Galicia é coñecida polos nomes “Abeluria”, “Alcroque”, “Belitroques”, “Croque”, “Estralotes”, “Herba da cobra”, “Borleta“, “Milicroque“, “Estraloque“, “Bilitroque”, “Campaniña”, “Sanxoans” ou “Seoane”. É moi común que os nenos xoguen con ela, apertando a parte aberta da flor ca man dereita (asegurándose que non haxa ningunha avespa), e coa esquerda facela estralar, emitindo esta un son. O que lle chama a atención a Ana desta planta para inspirarse nela é a cor chamativa da súa flor, interior con manchas brancas, marrón e amarelo, e a forma acampanada da flor.

 

Presenta un vestido axustado curto, con manga raglán abullonada e forrada. Corte debaixo do peito con traslado das pinzas no dianteiro, na parte inferior pregues tombados cara ós costados, baixo con vista e dobradillo dobre. Nas costas, no centro, peche no colo con dous botóns e cremalleira invisible, costadillo redondo e pinzas no talle na parte inferior,  baixo con dobradillo dobre. Manga raglán de gran amplitude, con moito frunce e forro interior sen fruncir para que realce o efecto fruncido no exterior. Puño con vivo e axustado con tres botóns. Colo cisne con cruce e peche con dous botóns. Petos nas costuras dos costados.