Proxectos de Ciclo Superior: Shanti

O PROXECTO DE SANDRA S. 

Co motivo desta situación de pandemia que estamos a padecer, moitas persoas fixéronse conscientes do estilo de vida que queren levar, cambiando as présas e o estrés por unha vida máis tranquila e sosegada. Como consecuencia disto, moita xente está apostando de novo polo rural, son máis conscientes á hora de mercar e por elo comezan a apoiar ó comercio local. Ademais de todo isto, a Sandra gústalle o estilo casual e relaxado, decatouse que para mercar a roupa que lle gustaba, era preciso acudir ás grandes cidades, xa que as tendas locais da zona onde reside, ofrecen pouca variedade de produtos e estilos, así como escasa calidade. Por todo isto, Sandra decide por en marcha á marca Shanti, dando a posibilidade de ofrecer prendas de calidade e versátiles nun Concello situado no rural galego para as mozas e mulleres da zona, tendo como guía os seus gustos e estilos, sen a necesidade de ter que desprazarse ata as grandes cidades e vilas para mercar. Prendas únicas, exclusivas, versátiles e funcionais, que permiten a liberdade de movemento e que ben combinadas, poden empregarse tanto para o día como para a noite, conseguindo que as clientes poidan crear un bo fondo de armario con poucas prendas de boa calidade e duradeiras no tempo.. O nome de Shanti, para os amantes do ioga coma Sandra, esta palabra soaralles moito, xa que Shanti significa paz, tranquilidade, benestar ou felicidade. O obxectivo, é que cando alguén entre en Shanti, encontre un lugar tranquilo, con un ambiente cálido, onde a clientela se sinta a gusto e poida observar con calma cada produto. Ademais atoparán un trato único e exclusivo, con prendas que se poden adaptar ás medidas de cada clienta ou prendas feitas á medida, facendo que as clientas síntanse coma na súa casa.

Sandra presenta un vestido asimétrico corto fluído, cun corte na cintura, manga xaponesa e volante no escote rematado con cordoncillo ou rulino. O dianteiro, na parte superior, ten uns traslados de pinza a catro pregos que van tombados cara ós costados e na parte inferior, ten dúas pinzas de talle. Nas costas, na parte superior, tamén ten un traslado de pinza a catro pregos tombados cara ós costados e na parte inferior, leva un prego encontrado no centro das costas. O vestido cerra cun cinto á altura da cintura, o cal vai suxeito nos dous extremos superiores dianteiros (entrando o extremo esquerdo polo interior da prenda do costado dereito, saíndo e pasando polas costas ata atar co extremo do lado dereito). Ademais ten dous petos nas costuras dos costados e dúas mangas xaponesas curtas (a altura dos cóbados). A parte exterior do vestido, o volante e o cinto son dun crepe floral. O interior vai rematado con forro e vistas de 3 cm de ancho, que van entreteadas. O forro e vista inferiores van rematas con rulino ou cordoncillo na parte que vai sen coser, unidas ó vestido cunha puntada invisible. Para evitar que o tecido estire, na zona do escote e na dos costados da parte inferior, leva unha ligueta.