Tema 1

cc

Castelao

Afonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo no ano 1886 nunha familia de mariñeiros. Con nove anos marchou coa súa nai á Pampa arxentina, lugar a onde seu pai emigrara uns anos antes. A experiencia da emigración aparecerá en obras súas. No ano 1900 regresaron a Galicia e Castelao cursou o Bacharelato en Santiago, onde logo estudiou Medicina. Comezou nesta época a atinxir sona como caricaturista nos ambientes estudiantís.

 Instalado en Rianxo, comezou a publicar os seus primeiros textos en xornais locais e, tras unha breve etapa de exercicio da Medicina, abandonou esta profesión. Fíxenme médico por amor a meu pai, non exerzo por amor á humanidade”, diría Castelao nunha frase ben expresiva.

 Realizou oposicións ao corpo de funcionarios da Facenda Pública e a partir de 1916 instalouse en Pontevedra. Ingresou nas Irmandades da Fala. Se ben a partir deste momento o seu compromiso nacionalista foi permanente, non asumiu un papel relevante como dirixente do nacionalismo ata a década dos trinta. Tal vez Castelao, consciente do desprestixio popular de moitos políticos, quixese conseguir antes un prestixio como artista e escritor, porque nestes anos desenvolveu unha grande actividade literaria e artística.

 Rematada a ditadura de Primo de Rivera (1923-1929) e proclamada a República en 1931, presentouse ás eleccións saíndo deputado polo Partido Galeguista de Pontevedra. A partir deste momento, a súa loita por conseguir un Estatuto de Autonomía para Galicia sería constante. En 1936 obtivo novamente acta de deputado nas Cortes Republicanas. En xuño de 1936 o Estatuto de Autonomía de Galicia aprobouse en plebiscito. Cando Castelao estaba en Madrid para entregar o texto do Estatuto ao goberno, comezou a Guerra Civil e Castelao nunca máis puido volver a Galicia. Os horrores da guerra quedarían reflectidos en tres álbumes de debuxos. Marchou ao exilio e instalouse en Buenos Aires, onde continuou a súa actividade literaria e artística, así como o seu labor de defensa de Galicia e a súa denuncia da ditadura franquista.

 En Buenos Aires morreu no ano 1950. Na actualidade, o seu corpo descansa en Compostela, no Panteón de Galegos Ilustres.